MORGAN FISHER E MARGARET HONDA, DÚAS REFERENCIAS MUNDIAIS DO CINEMA DE VANGARDA, PROTAGONISTAS DO (S8) DA CORUÑA

Abr 30, 2024 | Destacados, Novas

  • A participación de ambos creadores na 15ª edición, que se celebra do 31 de maio ao 9 de xuño, afianza o carácter único do festival galego.
  • A Mostra celebrará ademais o seminario internacional “Películas inacabadas. Elementos dun cinema latente”, que terá lugar os días 1 e 2 de xuño.

Morgan Fisher. Margaret Honda (Foto: Susan de Leo)

Dous dos máximos expoñentes do cinema experimental e a arte contemporánea. Os estadounidenses Morgan Fisher e Margaret Honda protagonizan o primeiro anuncio de programación do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que celebra a súa 15ª edición do 31 de maio ao 9 de xuño na cidade da Coruña. Unha ocasión irrepetible no noso país para achegarse á obra de ambos creadores, presente nos máis reputados centros artísticos internacionais. O (S8) non agacha a súa satisfacción por poder contar nesta edición con dúas figuras tan respectadas e admiradas, que comparten a súa visión do cinema como exercicio conceptual e experiencia única. Un dos momentos cumes das retrospectivas será a exhibición por primeira vez en España de Spectrum Reverse Spectrum, de Margaret Honda, realizada en 70 mm e que só pode verse no seu formato orixinal. De Morgan Fisher, xa unha figura histórica dentro do cinema experimental, o público poderá gozar dunha ampla panorámica do seu traballo e dunha clase maxistral o 8 de xuño na Filmoteca de Galicia. O (S8) avanza outra das actividades destacadas desta edición: o seminario internacional “Películas inacabadas. Elementos dun cinema latente”, que terá lugar os días 1 e 2 de xuño.

O (S8) cumpre quince edicións xerando un espazo único para o cinema experimental no noso país e ofrecendo a oportunidade de achegarse á obra de referentes internacionais. A Morgan Fisher (Washington, D.C., 1942) dedicáronlle programas na Tate Modern (Londres), no Whitney Museum of American Art (Nova York), no Museum of Contemporary Art (Los Ángeles), no Filmmuseum (Viena) e no Centre Pompidou (París), entre outros. Desde o ano 1968 Fisher deulle unha volta ao que se coñece como metacine, en películas que cuestionan con enxeño e con humor tanto os modos de facer do cinema industrial, como a súa propia condición material. Coñecedor da trastenda do cinema de Hollywood, dos seus procesos de produción e dos estándares industriais, Fisher coloca as ferramentas e recursos da produción cinematográfica en primeiro plano para construír obras nas que a ironía é un elemento fundamental. 

Standard Gauge (Morgan Fisher, 1984)

O público do (S8) poderá gozar dos filmes que fixeron a Fisher un imprescindible cando se fala de cinema de vangarda, entre os que se atopan os seus primeiros traballos de 1968: The Director and His Actor Look at Footage Showing Preparations for an Unmade Film e Phi Phenomenon, Production Stills (1970) ou Standard Gauge (1984) . Ademais do amplo percorrido pola súa obra, o festival acollerá unha clase maxistral con Morgan Fisher o sábado 8 de xuño na Filmoteca de Galicia, na que falará do proceso creativo das súas últimas obras. Outra faceta relevante do estadounidense é a pintura, coa que realizou nas últimas décadas exposicións individuais en galerías norteamericanas e europeas. 

Production Stills (Morgan Fisher, 1970)
Inserts (Morgan Fisher, 2003)
Standard Gauge (Morgan Fisher, 1984)

SPECTRUM REVERSE SPECTRUM, PRIMEIRA VEZ EN ESPAÑA

Un dos momentos máis destacables desta 15ª edición do (S8), dirixido por Ana Domínguez e Ángel Rueda, será a presenza de Margaret Honda (San Diego, 1961). A aproximación desta creadora ao cinema procede do interese na súa parte material: o tipo de película, o proceso fotoquímico, a colorimetría. As súas obras non se poden reproducir máis que no seu formato orixinal en celuloide; a maneira en que Honda concibe e aborda a súa obra achéganos máis a unha peza escultórica nun museo que a unha cinta fílmica nun festival. O (S8) aceptou o reto que supón proxectar unha peza como Spectrum Reverse Spectrum, feita en película de 70mm, e cuxa proxección só é posible no seu formato orixinal. Unha experiencia sensorial que puido ser gozada moi poucas veces na historia e que, en España, terá lugar por primeira vez no (S8) grazas ás instalacións e equipamento do museo científico coruñés Domus.

Spectrum Reverse Spectrum (Margaret Honda, 2014)

A obra da californiana Margaret Honda, próxima á instalación artística, viuse en eventos como a Berlinale, o Festival de Toronto, Courtisane ou o BFI London Film Festival, e en institucións como o Anthology Film Arquives (Nova York), o Centre Pompidou (París), o Harvard Film Arquive e o KW Institute for Contemporary Art (Berlín), entre outras. Ademais de presentar as súas creacións en 16mm, 35mm e 70mm, Honda falará en profundidade dos fundamentos da súa obra nunha sesión especial que terá lugar na mañá do xoves 6 de xuño na Domus da Coruña. 

Spectrum Reverse Spectrum (Margaret Honda, 2014)

PELÍCULAS INACABADAS: SEMINARIO INTERNACIONAL SOBRE PROXECTOS TRUNCADOS, MALDITOS OU DESAPARECIDOS

Durante as próximas semanas o (S8) irá anunciando toda a programación e os protagonistas desta 15º edición, fiel ao espírito co que naceu o festival: visibilizar a creación artística no ámbito do cinema. A cociña a lume lento, á que se refiren os responsables do (S8) ao rememorar a súa traxectoria, fixo deste evento un espazo singular e único en toda a península, na que o apoio á creación e a dimensión formativa ocupan un lugar destacado. Así, os días 1 e 2 de xuño, primeira fin de semana do festival, terá lugar na Domus o seminario internacional “Películas inacabadas. Elementos dun cinema latente”, comisariado por Philip Widmann (Alemaña) e que tivo a súa primeira edición o pasado ano en Arsenal Berlín (coa denominación en inglés “Film Undone”). 

A Non-coincidental Mirror (Carmen Amengual 2023). Material de investigación. Cortesía da artista

O seminario, dirixido a artistas, comisarios, cineastas, programadores, investigadores, arquiveiros e estudantes, de acceso libre, xira ao redor das películas inacabadas ou cuxa finalización foi truncada por motivos políticos, financeiros ou persoais, que nos conducirán por territorios como Irán, Marrocos, Corea do Sur ou España. Contará coa participación de cineastas, programadores, investigadores e arquiveiros internacionais como Katie Kirkland (Estados Unidos), Léa Morin (Francia), Tara Najd Ahmadi (Irán), Concha Barquero e Alejandro Alvarado (España). Estes dous últimos expoñerán a súa investigación ao redor dos proxectos inacabados de Fernando Ruiz Vergara, con especial dedicación a Rocío, documental de 1980, que chegou a ser seleccionado para o Festival de Cinema de Venecia e secuestrado pouco despois por un xulgado sevillano pola inclusión de testemuños que poñían nome e apelido a responsables da represión en 1936 en Almonte (Huelva). Os asistentes ao seminario poderán ver non só o documental, senón tamén a peza Descartes (2021), resultado da investigación de Barquero e Alvarado, e 28F Andalucía (1981) de Nonio Parejo.

APOIOS DO (S8) XV MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO 2024

A 15ª edición del (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) a través do seu programa PICE para a internacionalización da cultura, e a Fundación Luis Seoane. Coa colaboración especial de Cervezas Alhambra.

PUBLICACIÓNS RECENTES