TORTUGA [pasaje cromático #4] DE BRENDA BOYER, PROXECTO SELECCIONADO – BAICC 2024/25

Xul 26, 2024 | Destacados, Novas

Brenda Boyer é a autora de TORTUGA [pasaje cromático #4] proxecto gañador desta oitava edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2024/25. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha das tres entidades responsables da convocatoria, AC/E – Acción Cultural Española, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña e Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT, decidíu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante cinco semanas entre setembro e outubro de 2024 en Toronto (Canadá).

TORTUGA [pasaje cromático #4] aplica os principios da separación de cores a partir de filtros RGB, o copiado e a sobreimpresión para construir una película na que o medio natural canadense vibre ao través da luz, abrindo un espazo de misterio no seu interior. O comité destaca deste proxecto a súa solidez e interese conceptual e tecnolóxico, xa que aporta un punto de vista único ao proceso. Unha das chaves da súa obra é que non precisa que as tres cores se unan nunha «cor real», senón que permite que as imaxes se manteñan soas cos patróns de cor fracturados. O resultado é máis intrigante e sensual, puidendo, grazas a BAICC, profundar nesta investigación a través do copiado óptico.

O resultado desta residencia artística poderá verse en estrea mundial durante a próxima edición do (S8) XVI Mostra Internacional de Cinema Periférico en xuño do 2025, na Coruña.

Brenda Boyer (Alacante, 1984) transitou a través de diversos medios, como son o son, a escritura, a fotografía, o vídeo ou a performance, até centrar actualmente o seu interese no corpo, o movemento e a imaxe como formas de experimentación e exploración da dimensión háptica e fenomenológica da visión, así como do corpo como espazo de resonancia.

Licenciada en Comunicación Audiovisual, obtén un máster en Dirección e Produción de Cinema Documental e o máster de Experimentación Audiovisual e Creación Contemporánea LAV, alternando o seu interese pola imaxe e o son con períodos de illamento, contemplación e silencio. As súas pezas, moitas delas colaborativas e/ou colectivas, pasaron por lugares como Documenta Madrid (Madrid), Cinespaña (Toulouse), Festival de Narrativas Cuéntalo (Logroño), Festival de Videoarte y Cine Experimental Intermediaciones (Medellín), Festival Internacional Rencontres Bandits-Mages (Bourges), Queer Porn Film Festival (Nova York), Perv Queerotic Film Festival (Sidney), International Radical Festival For Queer Politics (Amsterdam), Fundación Antonio Saura (Conca), Muestra Itinerante Colección Privada (Granada) e o propio (S8) XV Mostra de Cinema Periférico (S8) (A Coruña), entre outros.

BAICC– Residencias Artísticas Internacionales de Creación Cinematográfica 2024/25 é un proxecto de eSe8_LAB que conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.

PUBLICACIÓNS RECENTES