Desde a Mostra traballamos ano tras ano en mellorar e incrementar o apoio a aqueles proxectos que apostan por un cine de creación e comprometido coas novas linguaxes cinematográfias. Ademais do premio BAICC (Bolsas Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica), por segundo ano consecutivo súmanse os premios eSe8_LAB 2024 ao desenvolvemento dotados cunha cantidade de 700€, que se conceden aos proxectos finalistas participantes das nosas Xornadas INPUT 2024. Nesta nova edición serán Daniela Delgado Viteri, Raffaella Rosset, Manuel Mateo Gómez e Bárbara Guerrero González as e beneficiarias que recibirán este impulso económico aos seus proxectos para a súa finalización.
Todos eles, xunto a BAICC, suman un total de 5 premios eSe8_LAB concedidos durante este ano 2024, que consolidan e amplían o noso labor de apoio de proxectos cinematográficos ousados e libres. Ademais, desde o (S8) esperamos dar cabida dentro da programación da próxima edición a todos eles, ofrecéndolles tamén un espazo afín de exhibición pública.
eSe8_LAB é un proxecto desenvolvido pola Asociación Cultural sen ánimo de lucro ese8, no marco do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que conta desde este ano co financiamento de Agadic – Axencia Galega dás Industrias Culturais a través da súa liña de axudas a Laboratorios, incubadoras e residencias de proxectos audiovisuais e o apoio da Fundación Luís Seoane.