Sesenta anos do Super 8, e unha edición máis reservando un lugar especial ao cinema feito nun formato que ten unha ética e estética de seu. Como as que zumega a obra da arxentina Daniela Cugliandolo, a quen dedicamos un programa. Publicamos unha entrevista con ela incluída no libro Super 8 argentino contemporáneo, de Paulo Pécora, cedida cortesmente polo autor.

Desde cando traballas en Super 8 e como chegaches ao formato?
Antes marcaba como comezo o ano 1999, cando o laboratorio Arcoiris empezou a revelar Super 8 na Arxentina; entón puiden darlle uso a esa cámara «que non servía», nova no estoxo, que gardara pola beleza do obxecto durante unha década. Mais agora tamén lembro que, durante eses anos de agarda, por veces a sacaba soamente para a ver e ver a través dela. Penso que o primeiro contacto foron esas miradas.
A primeira rodaxe, outro xogo de miradas, esta vez alternándome para a montaxe na cámara co meu namorado; intercambiabamos roles, actuando e rodando fronte a un taboleiro de xadrez. Logo souben, e tomeino como unha confirmación de parentesco, que esas imaxes eran recorrentes na historia do cinema.
A miña primeira vez como directora, o Super 8 introduciuse nun proxecto de vídeo baseado na obra de teatro que dirixín e non chegou a estrearse, As criadas, de Jean Genet. Gravamos os personaxes en escenas de fóra do guión; eramos tres cámaras VHS manexadas polos artistas plásticos Matías Perego e Analía de Bernardis e mais por min. Filmar en Super 8 foi unha especie de bonus track que funcionou como síntese do percorrido, dos procesos da obra, e foi á vez para min un punto de partida dun novo xeito de encarar o traballo creativo.
Que características posúe o formato e cales son as vantaxes ou posibilidades estéticas que ofrece para o teu traballo?
Case un cadrado, é máquina, é mudo, é foto en movemento. Revisando os usos que historicamente se lle dá ao formato, penso nese pai ou nesa nai a empuñar a cámara para rexistrar a prole, a casa, as paisaxes vacacionais, ou o estudante de cinema que dá os seus primeiros pasos, ou en quen, con inquedanzas máis plásticas ou ganas de probar o seu punto de vista, atopa a posibilidade de experimentar porque é máis accesible económica e tecnicamente que os celuloides de gran formato (este é o meu grupo). E paréceme que a principal característica do Super 8 é que, sen facer grandes requirimentos, che permite realizar un soño, facer unha película.
Como ves o panorama do cinema en Super 8 na Arxentina?
Parece que somos varios os que adoptamos o formato e seguimos e seguimos. Polo que vou vendo, diría que mantén un lugar importante dentro do cinema experimental e un vencello ineludible co cinema de autor. Está a nutrir coa súa diferenza o panorama do cinema en xeral.
A que expectativas ou inquedanzas estéticas e narrativas responden os teus traballos?
Facer cinema para min é recrear o encontro, a conexión que existe co que devén en actor/personaxe; ese é o motor que acende a cámara. Logo, a narrativa tendenciosa e os caprichos estéticos compartidos diría que dan forma ficcional a ese afecto. Podería dividir os meus traballos en tres etapas. A primeira na Arxentina, de 1999 a 2001, curtametraxes estruturadas tecnicamente coa utilización de só un carrete e montaxe na cámara, rodadas nun escenario exterior realista e un escenario interior neutro de atmosfera teatral. Como idea narrativa, o retrato surrealista filmado, a proxección feita por min en formato orixinal, son de música electrónica reproducida en simultáneo e un enriquecedor feedback cos espectadores. A segunda en España, Italia e Francia, entre 2001 e 2002, a serie Veo doble, curtametraxes montadas na cámara e posteriormente editadas dixitalmente en dobre pantalla, con cores planas, en escenarios exteriores, unha especie de diario de viaxe, con música electrónica de DUO, que exhibía algunhas veces con dous proxectores Super 8. A terceira etapa en España, desde 2003 ata agora, a buscar novas instancias creativas; probo técnicas como filmar sen mirar, filmar imaxes que reproduce a computadora gravadas por min en vídeo ou de vídeos que atopo en Internet; gravo cunha videocámara na man a proxección en Super 8 ou envío a dixitalizar o revelado e exploro en edición dixital con imaxe e son. As proxeccións son maiormente dixitais.