CATRO PROFESIONAIS INTERNACIONAIS DO ÁMBITO DO CINE E DA ARTE OCUPARANSE DAS TITORÍAS INPUT ORGANIZADAS POLO ESE8_LAB DURANTE A MOSTRA

Mai 28, 2025 | Destacados, Novas

Raquel Sheffer, Byron Davies, Catarina de Sousa e Beli Martínez serán os encargados de asesorar os catro proxectos en desenvolvemento escollidos de entre as máis de oitenta propostas recibidas na convocatoria

Byron Davies, Beli Martínez, Catarina de Sousa e Raquel Sheffer, tutores de INPUT

Unha das principais actividades do eSe8_LAB é o encontro profesional de titorización de proxectos cinematográficos INPUT. Esta actividade, que celebra a súa novena edición, desenvólvese durante a Mostra na Fundación Luis Seoane. Este ano foi todo un éxito de convocatoria, recibindo máis de oitenta propostas, entre as que se seleccionaron catro. Os proxectos elixidos son: De la noche a la mañana, de Orisel Castro López; VÊHTIHIO, de Violeta Sarmiento Pérez; Oh mono, adiós, de Paola Buontempo, e ¿Qué es una montaña?, de Fran Rodríguez Casal. Todas as autoras seleccionadas son residentes en España, aínda que de orixes tan diversas como Cuba, Arxentina, Sevilla e Galicia.

De la noche a la mañana, de Orisel Castro | VÊHTIHIO, Violeta Sarmiento Pérez

Estas cineastas recibirán titorías personalizadas de profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poderán comentar desde o estado de escritura e desenvolvemento dos seus proxectos ata os detalles de distribución. Este ano, os titores INPUT son: Raquel Sheffer (Francia), investigadora, realizadora e doutora docente na Université Sorbonne Nouvelle; Byron Davies (EUA-México), investigador, artista visual e membro do colectivo SACIMU, Salón de Cinemas Múltiples de México; Catarina de Sousa (Portugal), fundadora da produtora Foi Bonita a Festa e do espazo de formación e creación Casa do Xisto, e Beli Martínez (Galicia, España), produtora e docente doutora, investigadora do Novo Cinema Galego.

Este programa desenvólvese durante o festival na Fundación Luis Seoane e terá continuidade durante o ano 2025, cunha segunda fase de titorización en liña. A súa finalidade é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis apropiada para as súas pezas.

Oh mono, adiós, Paola Buontempo | ¿Qué es una montaña?, F. Rodríguez Casal

INPUT forma parte do proxecto educativo del ese8_LAB e conta coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Estas institucións forman parte dos apoios do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico que está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e a axuda de, ademais das xa mencionadas, a Deputación da Coruña e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).

PUBLICACIÓNS RECENTES