Este programa, organizado polo eSe8_LAB, conta coa participación das universidades de Vigo, Salamanca e a Complutense de Madrid. Inclúe a proxección de catorce obras, unha masterclass con Carlos Castillo e un encontro profesional o domingo.

O enfoque interdisciplinar e libre das Belas Artes —máis abertas a outras formas de proxectarse na imaxe— motivou que o (S8) Mostra de Cinema Periférico sexa escenario dende hai cinco anos, do encontro Paraíso, organizado polo eSe8_LAB. Nel, o estudantado atopa un espazo iniciático para penetrar no contexto do cinema, brindándolle unha plataforma de creación e liberdade. Paraíso contou desde os seus inicios coa complicidade de Xisela Franco, creadora visual e profesora da Faculdade de Belas Artes de Pontevedra, dentro da Universidade de Vigo, e que este ano volve participar con cinco obras do seu alumnado.
A Universidad de Salamanca tamén repite presenza en Paraíso, onde vén participando de maneira ininterrompida desde 2022. Laura Gómez Vaquero, vicedecana da facultade de Belas Artes, asegura que para o alumnado é «unha oportunidade única de descubrir outras maneiras de facer cinema, ademais de vivir a experiencia de ver as súas obras proxectadas nunha contorna profesional». De feito, destaca como o festival os introduce nun universo de posibilidades expresivas, sobre todo a través das propostas máis performativas e artísticas.
Nesta edición súmase unha terceira facultade: a de Belas Artes da Universidad Complutense de Madrid. Noemí García, quen titoriza o grupo participante xunto a Isabel María López Campos, explicou que xa coñecían a Mostra, á que consideran «un referente». No seu caso, abriron unha convocatoria na facultade para que o alumnado interesado presentase unha obra candidata a participar no (S8), o que foi todo un éxito, xa que recibiron dezasete propostas, entre as que seleccionaron cinco. A docente resume a importancia da iniciativa destacando que «para a maioría é a súa primeira produción, así que están moi ilusionados coa experiencia».
Paraíso é unha sección que foi demostrando a súa potencialidade como estímulo e proxección artística destes mozos e mozas creadores, nos que causa un grande impacto. De feito, algúns deles pasaron, en apenas un ano, de mostrar as súas obras como estudantes a facelo en seccións profesionais do festival. É o caso de Cristina Souto, quen regresa este ano ao (S8) cunha peza programada en Sinais; ou de Claudia Pineda, que saltou da Mostra a ser seleccionada polo ICAA para o Short Film Corner de Cannes.


¿Qué es real en mí?, Daniel Rodero Sanz | SENTIR, Sara Ricoy
OS TÍTULOS DE PARAÍSO
Habitar todos os mundos posibles, Un crisol de escintileos e Reparar a dor. Eses son os títulos baixo os que se agrupan as películas de cada unha das tres facultades participantes en Paraíso. Son en total catorce pezas —cinco de Pontevedra e Madrid, e catro de Salamanca— que serán proxectadas coa presenza dos autores e autoras o venres 6 de xuño ás 11 da mañá na Filmoteca de Galicia. Ademais desta presentación, os estudantes terán a oportunidade de asistir á masterclass que Carlos Castillo ofrecerá o sábado 7 pola mañá sobre o cinema de vangarda venezolano. O domingo, último día do festival, participarán nun encontro con artistas, programadores, críticos e xornalistas periodistas para pensar formas de dinamizar a creación de comunidade no ecosistema do cinema de vangarda.
Na proxección do venres, preséntanse cinco películas realizadas na facultade de Belas Artes de Pontevedra baixo o concepto de Reparar a dor. Trátase dos títulos Sentir, de Sara Ricoy; Fora, de Iván X. Esmoris e Sara Ricoy; Dentro, de Irene Santamaría; Una estrella se estrelló, de Rocío Campoy Lage, e Ausencia, de Xema Rodríguez. Todas elas teñen en común que devolven ao espectador a un lugar íntimo onde o tempo sente desde a ferida e o cinema opera como costura.
Sofía Sánchez Jiménez, Silvia Alonso Díaz, Darío Hernández Tonzán e Sara Fénix son as estudantes de Salamanca que viaxan este ano á Coruña con películas que ofrecen unha mirada singular e diversa para Habitar todos os mundos posibles. Trátase das pezas Calibre 22, 50 puntos, 25 metros; Manolo el carteru, Preguntas a un fantasma e 333.


333, Sara Fénix | Por tu bien, C. Zhu Qian Wen e Juntian Li
A Universidad Complutense desembarca por primeira vez en Paraíso e faino con cinco propostas agrupadas como Un crisol de escintileos, nas que propoñen unha exploración da linguaxe cinematográfica partindo dunha procura formal. O resultado son os títulos χιτών, de Leo Postlbauer Villa; Por tu bien, de Candy Zhu Qian Wen e Juntian Li; Rutas migratorias, de Raquel Barbero Cienfuegos; CARNE-FICCIÓN, de Luna Blanco Pines, e ¿Qué es real en mí?, de Daniel Rodero Sanz.
O encontro Paraíso forma parte do programa didáctico do eSe8_LAB e conta coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Estas institucións forman parte dos apoios do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico que está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e a axuda de, ademais das xa mencionadas, a Deputación da Coruña e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).