Vídeo resumo da XVI edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico que rematou o 8 de xuño.
A dirección do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico fai balance da que foi a súa 16ª edición, marcada pola extraordinaria capacidade de convocatoria do festival e a súa aposta por ser un espazo de descuberta, inspiración e encontro entre público e artistas. Con más de cen películas proxectadas, e convidados e público chegado de Galicia, España, Europa, Latinoamérica e os EUA, o seu codirector, Ángel Rueda, sinalou como a Mostra se ten consolidado como «a cita internacional clave do cinema de vangarda, facendo da Coruña o epicentro mundial da creación cinematográfica».
E se por algo destacou esta edición foi pola gran afluencia de público, superándose a cifra de oito mil participantes, entre os que destacaba a presenza de xente moza, profesionais e artistas chegados de lugares tan diferentes como Italia, Portugal, Alemaña, Irlanda, México, Madrid, Andalucía, Cataluña ou Canarias. Ana Domínguez, codirectora do (S8), lembrou as colas de agarda que se creaban antes de cada sesión, colgando sempre o cartel de sala chea, o que demostra o acerto da programación e a fortaleza dun público que se achegaba «dando as grazas polo programa, pola organización, e porque un evento así exista».



As colas e salas cheas foron a tónica durante o festival. FOTOS: Andrea R. e A. Morandeira
UN PROGRAMA CARGADO DE MOMENTOS INÉDITOS
Este 2025 foi o ano no que a Mostra afianzou os seus lazos con Latinoamérica a través de focos e estreas de autores como o venezolano Carlos Castillo, a chilena Jeannette Muñoz ou a arxentina Daniela Cugliandolo. No caso de Castillo, un referente da arte contemporánea, a do (S8) foi a súa primeira retrospectiva en Europa, o cal lle serviu para reencontrarse co seu cinema, xa que a maioría das películas que amosou na Coruña, proxectadas en Super 8, levaban décadas sen ser amosadas. Este é só un exemplo das moitas experiencias inéditas e irrepetibles que sucederon durante a Mostra, na que 33 obras fixeron a súa estrea mundial e as mulleres volveron ser maioría, asinando dous terzos dos 112 filmes programados.
A estadounidense Betzy Bromberg foi outra das grandes protagonistas, amosando por vez primeira en España dous dos seus filmes máis icónicos: a Darkness Swallowed e Glide of Transparency. Cunha Filmoteca de Galicia ateigada de público, a proxección realizouse no formato orixinal de 16 mm e deu paso a intensos coloquios coa autora, que combina o seu traballo na industria de Hollywood cun cinema máis artístico e feminista. Ademáis de presentar a súa obra, Bromberg, ao igual que o resto de artistas convidados, participou activamente de todo o programa da Mostra, asistindo aos pases de películas de autores consagrados, pero tamén das seccións Sinais e Paraíso, onde se reúne a creación de artistas emerxentes.



Castillo e Bromberg mantiveron, ao igual que todos os artistas, numerosos encontros co público | Xunto aos cineastas consagrados, a Mostra é punto de encontro de autores emerxentes
UN EVENTO QUE CONECTA PÚBLICO, TALENTO E CIDADE
A convivencia entre cineastas consagrados e novos creadores é un dos grandes atractivos da Mostra, que este ano pechou cun encontro profesional no que se foi reivindicado o papel dos festivais como artífices de comunidade. Esta aposta pola presencialidade é moi valorada polo asistentes ao festival que atopan no seu programa unha fonte de inspiración e un contexto para impulsar as súas creacións, con iniciativas como o encontro de titorización de proxectos INPUT ou as residencias artísticas internacionais BAICC, que teñen aberta a súa convocatoria ata o próximo 22 de xullo.
Porque unha das características do (S8) é precisamente esa, que crea comunidade arredor do cinema e tanto artistas, como público e profesionais, crean unha conexión moi forte co evento e a cidade, á que regresan cada ano para estrear as súas obras, descubrir a de outros ou contribuir á escena internacional do cinema de vangarda. Nesta edición ademais, destacou a ampla cobertura da Mostra por parte de revistas e medios especializados, o que supón un gran posicionamento de marca da cidade como espazo cultural internacional.

A CORUÑA ‘DESBORDADA’ POLO SÚPER 8
A capacidade de convocatoria da Mostra de Cinema Periférico medra cada ano e dende a sesión inaugural dedicada aos volcáns —protagonistas da imaxe desta edición— tanto a Filmoteca de Galicia como a Sala (S8) de Palexco enchéronse para cada sesión. Tamén o patio da Fundación Luis Seoane, onde teñen lugar as noites de Desbordamientos.
Estas film performances seguen a ser un dos principais atractivos do programa incluindo desta vez obras de autores de Canadá, Venezuela, España, Francia e Portugal. Proxeccións múltiples, simultáneas, con voz, corpo, texto e incluso fume. As film performances dos Desbordamientos son sempre experiencias únicas e este ano traspasaron os muros da Fundación Luis Seoane con dúas propostas: Smoke Show, cunha proxección analóxica sobre fume, e mais Wandering Projection, que amosaba as películas en 16mm sobre muros e árbores da cidade vella da Coruña.
Esta proxección itinerante, con más de cen persoas seguindo a proposta polas rúas, foi o peche de programación dunha edición na que se homenaxeou ao Super 8 polo sesenta aniversario da aparición do formato. O festival comezara un mes antes coas sesións para centros educativos que xuntaron a máis de tres centos escolares na Domus e co taller de inclusión social Xpresa, apoiado pola Fundación Emalcsa. Unha programación paralela que continúa agora co Taller de cine analóxico en Corme conducido por Deneb Martos e que comeza o próximo 7 de xullo.



Desbordamientos na Fundación Luis Seoane e polas rúas da cidade
AGRADECEMENTO
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.