ENTREVISTA A JUANA ROBLES: IX PARTICIPANTE DAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS BAICC

Abr 30, 2026 | Destacados, Entrevistas

Juana Robles

Béal’, de Juana Robles foi o proxecto elixido na pasada convocatoria de BAICC – Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica promovida polo (S8) xunto a AC/E e o LIFT. En setembro de 2025, Juana viaxou a Canadá para explorar cunha gravadora de audio e unha cámara de 16mm as historias entrelazadas, as comunidades e a vida cotiá de Cabbagetown e Regent Park en Toronto. Falamos con ela de como esa intensa experiencia influíu no seu proceso de creación. A película resultante desta residencia poderá verse na Coruña o próximo xuño no XVII (S8).

1. O teu proxecto ‘Béal’ transformóuse moito unha vez que chegaches a Toronto, poderías falarnos desta evolución e en que consiste finalmente?

Durante o proceso de solicitude da residencia e de investigación, o proxecto ía centrarse principalmente en Cabbagetown, un barrio que investiguei desde Irlanda, onde vivo desde 2019, a partir das conexións coa migración irlandesa e a Gran Fame Negra do século XIX. Xa tiña un primeiro contacto alí a través dunha filmación prevista no Cabbagetown Boxing Club, e a exploración do barrio e da súa historia recente e pasada, como é habitual na miña práctica, estaba pensada desde un enfoque máis experimental.

Pero o proxecto cambiou cando empecei a explorar o barrio. Na primeira xornada de procura de localizacións cheguei a Oak Street, o límite entre Cabbagetown e Regent Park (nunha zona historicamente asociada ao antigo Cabbagetown, unha das áreas de maior pobreza urbana de Norteamérica a finais do século XIX e principios do XX, que na década de 1950 converteuse no primeiro e maior complexo de vivenda social de Canadá), e atopeime con George, unha persoa sen fogar. Ese encontro cambiou a forma de explorar e de expresar, especialmente o enfoque formal.

O filme empezou entón a virar ao redor dos contrastes e fronteiras que xera a xentrificación: dous barrios separados por poucas rúas, pero con realidades moi distintas, mesmo dentro dun mesmo territorio. Empecei a ver a necesidade de centrarme máis nas loitas actuais, especialmente en Regent Park, que desde principios dos 2000 está en proceso de transformación, e de usar Cabbagetown como contrapunto, máis que unicamente unha narración das súas historias pasadas. Non é unha soa mirada, senón un conxunto de voces desde diferentes posicións en ambos os lados. Construín o filme coma se fosen ladrillos que se van unindo, revelando aos poucos as interconexións e as consecuencias de decisións políticas, así como o seu impacto nos distintos grupos.

Así, Béal converteuse nunha exploración de Cabbagetown e Regent Park como un tecido común de migración, pobreza, xentrificación, reurbanización e resistencia, a través da historia oral e planos estáticos dos barrios.

O título, Béal, significa “boca” en irlandés. Inicialmente facía referencia á Gran Fame Negra e a migración irlandesa, así como á desembocadura do río Don en Toronto, un territorio utilizado por comunidades indíxenas como lugar de tránsito, pesca e asentamento moito antes da colonización europea en Canadá. Ao longo do proceso, o seu significado ampliouse cara á oralidade e a transmisión de historias, e cara á vivenda como un espazo atravesado pola especulación e a lóxica do capitalismo.

Imaxes Béal (Juana Robles, 2026)

2. Este é o proxecto de BAICC que máis se centrou na comunidade de Toronto, especialmente Regent Park. Décheslle voz. Como foi o proceso de chegar a estas persoas?

O acceso á comunidade non foi un proceso lineal nin completamente planificado, senón algo que se foi construíndo a partir da presenza cotiá no lugar, de coincidencias afortunadas e da apertura a confiar e a acoller as oportunidades e conexións que xurdían de forma natural. 

Empecei cunha idea máis formal de conexión, como o contacto previo que tiña co Cabbagetown Boxing Club, que me permitiría conectar coa comunidade de Cabbagetown e a súa historia.

Pero o encontro con George foi clave, porque a partir de aí apoioume a conectar con outras persoas e organizacións.

Atopeimo sentado nun banco dando para comer a esquíos e pombas no Peace Garden de Elsaida Douglas, fronte a unha organización comunitaria que ofrece apoio, comida e servizos a persoas en situación de vulnerabilidade. Senteime con el e empezamos a falar. Sentín que estabamos nun punto xeográfico de tensión onde se cruzaban historias sociais, políticas e urbanas, e que existía unha urxencia por parte das persoas de compartir as súas historias e ser escoitadas.

Gravei ao redor de 15 horas de son —moitas delas no mesmo banco onde coñecín a George, sen necesidade de desprazarme—. As conversas iniciábanse de forma espontánea, con testemuños de distintas persoas e comunidades en Cabbagetown e Regent Park. George prefería non ser gravado, pero nalgunhas ocasións actuaba como intermediario: indicábame con quen falar ou a quen evitar e, ademais, coidaba o equipo de gravación. Non había forma de concertar citas; a xente non aparecía, así que a única maneira era volver a ese banco, esperar con George e compartir o tempo conversando e dando para comer a pombas e esquíos. 

A confianza construíuse a través do tempo compartido, e moitas das persoas coas que falei levaban anos vinculadas á comunidade, como residentes, traballadores ou activistas. Moitas pasaran por momentos difíciles ou experiencias de crises nas súas vidas, e máis tarde crearan ou empezaran a traballar en organizacións, ou a axudar a outras persoas con traxectorias similares. Así, a maioría das persoas coas que falei atopábanse nunha situación relativamente estable, desde a cal podían reflexionar e defender os dereitos das persoas en situación de maior vulnerabilidade. Ofrecían testemuños persoais, pero ao mesmo tempo falaban das organizacións e do seu impacto no barrio —algo que a miúdo se botaba en falta cando Regent Park foi planificado exclusivamente como vivenda social, cun deseño considerado inseguro e sen as instalacións necesarias para reducir o dano ou responder as realidades da contorna, marcadas por decisións de planificación urbana e desigualdade social.

Cheguei a principios de outubro, que resultou ser un mes moi suave, con temperaturas agradables e sol, o que facía que a xente estivese máis na rúa e nun estado máis accesible. Cando me fun a finais de mes, as temperaturas xa estaban preto dos 0 graos pola noite, e quería despedirme dalgunhas persoas, pero xa non quedaba ninguén nos lugares habituais desa rúa. 

Imaxes Béal (Juana Robles, 2026)

3. O contido íntimo afetou á forma. Fálanos destas eleccións visuais.

O carácter íntimo das historias influíu directamente na forma do filme, especialmente na decisión de non ilustrar os testemuños nin expor ás persoas que así o desexaban. En lugar de “representar”, busquei un espazo onde a palabra, a voz e a imaxe puidesen convivir e crear un diálogo con carácter propio, mantendo una certa distancia visual e atopando un equilibrio entre a creación de contexto e a evitación de planos demasiado explicativos.

O núcleo da residencia foron os encontros e o tempo dedicado a escoitar, pero decidín non estruturar o filme como un diario desa interacción nin converter a miña presenza ou a miña relación coas persoas nunha narración en primeira persoa. Tentei manterme o máis á marxe posible. A miña voz non aparece no filme, a pesar de que o proceso estivo atravesado por moitas conversas informais, lonxe dunha entrevista convencional.

A formulación inicial, cando aínda non tiña en conta este tipo de interaccións e o enfoque estaba máis no barrio como personaxe, traballando co medio fílmico e con técnicas como dobres exposicións, velocidades de obturación variables e rodaxe fotograma a fotograma, tería, na miña opinión, desprazado a atención cara aos efectos e a forma máis que cara ás propias narrativas, algo que me preocupaba. A miúdo traballo con persoas fóra dos contextos máis visibles, sen recorrer ao diálogo ou á palabra, deixando que as historias se expresen a través do corpo. Neste caso, con todo, era importante desprazar ese enfoque cara a escoita e a palabra, e dar espazo aos testemuños e ás conversas que xurdiron no proceso, xa que tampouco contaba co tempo habitual de traballo con colaboradores, que noutros proxectos adoita ser de ao redor dun ano.

As historias son en moitos casos duras —violencia, adicción, desprazamento, precariedade—, o que levou a non convertelas en imaxe directa, senón a deixalas existir principalmente a través da voz e de fragmentos visuais abertos, onde o encadre, a ausencia e o ritmo responden a unha procura de respecto, protección e unha aproximación máis sensorial.

Neste contexto, a única persoa retratada de forma claramente é Elsaida. O día que planeaba filmar o seu “Peace Garden” contra a violencia, ela mesma apareceu cun gran retrato dela enmarcado e situouse con el no centro do xardín. Non quixen interrompela nin insistir nun concepto artístico previamente establecido de non mostrar rostros, tamén porque a súa historia e a súa figura como activista no barrio están profundamente ligadas ao lugar. Ademais, Elsaida tamén me convidou á súa casa no edificio de persoas maiores en Regent Park, o que me permitiu gravar distintos estados do desenvolvemento do barrio desde perspectivas únicas. Finalmente, Elsaida aparece ao comezo e ao final do filme, pechando así a estrutura narrativa como un xesto de apertura e peche, unha especie de personaxe principal.

Como mencionei, os testemuños funcionan como “ladrillos” que constrúen a estrutura do filme, pero a imaxe nunca os encerra completamente. Hai un espazo para que o espectador tamén constrúa eses elementos e atope a súa propia resonancia.

Lamentablemente, non todas as persoas que coñecín nin todas as historias puideron formar parte do filme.

Imaxes Béal (Juana Robles, 2026)

4. ‘Béal’ está filmado en 16mm branco e negro. Que aporta o formato analóxico?

Creo que teño que responder de forma máis xeral, xa que non atopo unha achega específica para este proxecto cinematográfico que non tivese de todos os xeitos.

Veño dun transfondo en pintura e debuxo, e só atopei un acceso pleno ao medio cinematográfico tras descubrir o cinema analóxico a través de talleres en festivais de cinema experimental, mesmo despois de completar dous anos de formación nunha escola cinematográfica (dixital).

As cámaras analóxicas concíboas como unha ferramenta de traballo sensorial, máis próxima a un medio como a pintura; o que permite que a obra fale a través da materialidade do propio medio, algo que non logro coas cámaras dixitais nin coa interacción con menús interminables.

Filmo exclusivamente en analóxico, salvo en proxectos colaborativos puntuais. Se é un proxecto en solitario, o dixital non é unha opción.

É simplemente a miña ferramenta de traballo. O cinema analóxico permíteme crear unha conexión única co suxeito —xa sexa unha persoa, un obxecto ou a natureza— que non é fácil de explicar. A cámara é unha protección, pero tamén me conecta: podo participar no mundo sen quedar absorbido por el. Parte desta experiencia é simplemente mirar a través do visor, o son e a interacción física coa cámara.

Gozo do elemento de sorpresa, tento estar plenamente no momento e que cada toma teña valor, converténdose case nun acto performativo ou ritual.

Creo que o uso do formato tamén está moi conectado coa experiencia positiva dentro da comunidade de cinema experimental, onde finalmente sentinme na casa despois de moitos anos de probar distintas disciplinas no ámbito artístico ou de estancamento. As primeiras veces que se proxectaron as miñas películas non tiña nin páxina web, nin Instagram, nin unha traxectoria consolidada, e creo que iso foi algo marabilloso. Animoume a seguir adiante, a construír unha linguaxe de expresión e a confiar nunha comunidade acolledora que abraza a creación de traballos independentes e non comerciais.

Juana Robles e George rodando Béal en Toronto

5. Como foi a acollida da comunidade experimental de Toronto e das institucións?

A acollida na comunidade experimental de Toronto e LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto) foi extremadamente positiva. Contei con moito apoio, boas facilidades e acceso a equipamento, o que permitiu que o traballo e a miña práctica evolucionen de forma natural, sen presións nin expectativas predeterminadas.

Esta experiencia tamén reforzou unha forma de traballar baseada no proceso, onde a escoita e a observación teñen prioridade sobre estruturas puristas dentro do cinema analóxico experimental ou, ao contrario, sobre narrativas pechadas e resultados predefinidos, abríndose a calquera tipo de linguaxe cinematográfica e entendendo o cinema experimental como algo gradual máis que como un xénero illado.

Durante a residencia tamén coincidín con membros do (S8), que presentaban traballos doutras residencias, o que abriu novas conexións con cineastas e organizacións durante sesións de cinema, ceas e encontros informais. Ademais, puiden asistir a distintas proxeccións na cidade e coñecer laboratorios de procesado e escaneo, o que ampliou a miña rede dentro do contexto audiovisual local.

Foi unha experiencia moi xenerosa e enriquecedora.

Encontro con cineastas e programadores en Toronto. De esquerda a dereita, Juana Robles, Ángel Rueda, Almudena Escobar, John Porter, Nela Fraga, Sonya Mwambu, Janine Marchessault, Philip Hoffman.

PUBLICACIÓNS RECENTES