JOHN PORTER
PROGRAMA 1
Filmoteca de Galicia | Xoves 4 de xuño | 19:30 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Cinefugue 4 & 5
John Porter | 1980-81 | O Canadá | Super 8 | 5 min
Unha serie de Camera Dances («Bailes de cámara») en que se emprega o aparello como centrifugadora. John baila coa cámara, bambeándoa arredor de si colgada dunha longa corda e dirixíndoa sempre cara a el, ao tempo que a cámara xira na corda ao seu xeito. Cinco versións en distintas localizacións. Desenvolvido a partir dunha escena do filme Independent Filmmaking (1974), que John realizou en 16 mm na súa época de estudante, e inspirado nunha escena do filme de Sergio Leone O bo, o feo e o malo (1966).
Cinefuge 4 & 5 é a única versión sonora. Comeza cunha versión con son sincronizado (a 5) gravada nos terreos da igrexa de Little Trinity como anuncio para a televisión, na cal John lle fala ao espectador do próximo espectáculo seu que se vai representar en The Funnel Experimental Film Theatre, en Toronto. Conclúe coa versión 4, na cal unha amiga de John, a bailarina Judith Miller, se une á danza que ten lugar en Bickford Park, e que se rodou en película silente, á cal posteriormente se lle aplicou unha banda de son en que se gravou un audio con sons eliminados da versión 5.
(John Porter)
Landscape
John Porter | 1977 | O Canadá | Super 8 | 1 min
Un Condensed Ritual («Ritual condensado») de Porter (cámara rápida e pixilación). John e a súa nai a pintaren no campo, no verán. A súa nai pinta dende sempre e aínda o fai aos seus noventa anos. Cando John e a súas irmás eran cativos, ela levábaos pintar ao campo, e esta foi outra desas ocasións, mais algo nada habitual dende a preadolescencia de John, vinte anos atrás. O escenario de fondo do filme constitúe tamén o tema que tratan os pintores: o eido marrón dun agricultor mentres o ara un tractor vermello e branco; un silo gris, árbores verdes e un ceo azul con nubes brancas e esponxosas. Ao chegar o final, podemos botarlle unha ollada ao cadro acabado de John, outro acontecemento inusual.
Filme rodado nunha soa toma, a tres segundos por fotograma, ao longo dunha hora. A principios da década dos 80 fixéronse dúas impresións de contacto, mais o orixinal aínda pode exhibirse. Película que complementa a Mother and Child, ambas realizadas no mesmo ano, verbo dunha nai e o seu fillo ou filla e emulando as pinturas clásicas.
(John Porter)
Mother and Child
John Porter | 1977 | O Canadá | Super 8 | 2 min
Un Condensed Ritual de Porter (cámara rápida e pixilación). Retrato sedente de Lis Guindon, amiga de John, sostendo a súa filla Marie Claire, de dous meses, na súa sala de estar de Cabbagetown (Toronto). Posteriormente mudáronse ao Quebec e perderon o contacto con John. Filme rodado nunha soa toma, a tres segundos por fotograma ao longo de dúas horas, iluminado cunha única lámpada de mesa e usando exposicións de tres segundos en cada fotograma. Ás nais, en particular, esta película parécelles sorprendente e entretida e din que evoca a experiencia que elas teñen. Filme que complementa a Landscape, ambos realizadas no mesmo ano, verbo dunha nai e o seu fillo ou filla e emulando as pinturas clásicas.
(John Porter)
Santa Claus Parade
John Porter | 1976 | O Canadá | Super 8 | 5 min
Un Condensed Ritual de Porter (cámara rápida e pixilación). O filme máis temperán dos que se mostran nas típicas retrospectivas de John. O gran desfile de Nadal de Toronto, celebración anual histórica, visto dende a cima dun alto edificio situado ao final da University Avenue, longa e ancha, onde tamén se ven as meirandes multitudes concentrándose antes do desfile e dispersándose despois. O edificio pertencía á Zurich Insurance Co., onde John traballaba como operario de maquinaria, e xa foi demolido. A ruta do desfile tamén mudou, de xeito que esta vista perfecta do evento non existe na actualidade. Filme rodado nunha soa toma, usando dous rolos de película filmada a un fotograma cada catro segundos, ao longo de oito horas.
(John Porter)
Exams
John Porter | 1982 | O Canadá | Super 8 | 4 min
Un Condensed Ritual de Porter (cámara rápida e pixilación). Centos de alumnos que fan xuntos un exame no pavimento da histórica Varsity Hockey Arena da Universidade de Toronto. Unha vista en grande angular de toda a escena, dende a parte superior das gradas. Filme rodado nunha soa toma, usando dous rolos de película filmados a un fotograma cada catro segundos, ao longo de oito horas.
(John Porter)
Amusement Park
John Porter | 1978-79 | O Canadá | Super 8 | 6 min
Un Condensed Ritual de Porter (cámara rápida e pixilación). Documento de distintas atraccións da histórica Exposición Nacional Canadense, que ten lugar en Toronto con periodicidade anual, rodado integramente pola noite, a un fotograma por segundo, con exposicións dun segundo. Usáronse dous rolos de película gravados en dous anos consecutivos, o primeiro dos cales consiste en primeiros planos de cada atracción, montados na cámara. O segundo rolo é una única toma longa en grande angular de toda a «avenida» de atraccións, vista dende a cima da histórica torre de observación, que xa se demoleu. Esta escena rodouse de maneira continua ao longo dun período de oito horas que se iniciou antes da noitiña e no cal se foron aumentando os tempos de exposición a medida que diminuía a luz diúrna e mesmo unha vez caída a noite, para acabar case transformando a escena nocturna nunha masa confusa que se creou mediante exposicións de dous minutos por cada fotograma.
(John Porter)
Firefly
John Porter | 1980 | O Canadá | Super 8 | 4 min
Un Camera Dance inspirado no filme de John Amusement Park (1978-79). John improvisa unha performance para a cámara, facendo virar un punto de luz brillante no extremo dunha longa corda, arredor de si mesmo, seguindo diversos padróns, contra un fondo negro. Filme dunha sola toma rodado nunha hora, a un fotograma por segundo. E, con exposicións dun segundo, os feixes de luz multiplícanse e vólvense máis complexos ao refractárense na lente. A iluminación que se empregou foi elaborada coa axuda de Adam Swica, amigo de John.
(John Porter)
Swinging
John Porter | 1981 | O Canadá | Super 8 | 2 min
Vemos a John a bambearse nunha randeeira que construíu no seu estudio. Rodou o filme el só coa cámara situada a moitos pés de distancia, de xeito que, mentres se bambeaba, activaba decontino a cámara, a un fotograma de cada vez, sostendo un mando a distancia dotado dun cabo longo. Así puido gravar cada fotograma individual no preciso segundo en que el pasaba na randeeira por unha posición determinada situada no arco do movemento de bambeo, para crear, deste modo, a ilusión de que se atopaba conxelado no aire, ou a voar en círculos. E, vestido de branco contra un fondo negro e recorrendo a exposicións dun segundo en cada fotograma, creou o efecto visual mediante o cal el é percibido como unha serie de pinceladas.
Película dun só plano, rodada ininterrompidamente no período dunha hora.
(John Porter)
Lightsleeper
John Porter | 2010-11 | O Canadá | Super 8 | 4 min
John actúa no seu propio filme encarnando un individuo de sono lixeiro baixo un manto de luces de Nadal. Rodouse de maneira continuada ao longo de dez horas, con exposicións prolongadas en cada fotograma. Unha versión gravouse no ano 2010 e en 2011 rodáronse simultaneamente catro versións novas.
(John Porter)
Angel Baby
John Porter | 1979 | O Canadá | Super 8 | 2 min
Un Camera Dance inspirado na curtametraxe en 35 mm Pas de deux (1968), de Norman McLaren. John fai mímica para a cámara, interpretando un bebé anxo torpe que está a aprender a voar, personaxe inspirado noutro das tiras de Charlie Brown, de Charles M. Schulz, o paxaro Woodstock. Un temperán e pouco habitual filme «narrativo» de John, realizado cun «guión» e un «teleprompter».
(Alan Walker)
Vestido de branco contra un fondo negro, John rodou a un fotograma por segundo e empregou exposicións dun segundo para crear un efecto de bater de ás e pinceladas.
Con miras a xerar o efecto de voo no seu estudio, tivo que rodar cun espello e interpretar a historia ao revés (de aí o teleprompter) e boca abaixo e, en consecuencia, hai que mostrar o filme de atrás para diante, o que, pola súa vez, require un axuste do foco e das liñas do marco que difire do de calquera película que se exhibise xusto antes ou despois. Película dun só plano, rodada ininterrompidamente durante 45 minutos.
(John Porter)
Down on Me
John Porter | 1980-81 | O Canadá | Super 8 | 4 min
Un Camera Dance realizado con cámara rápida, pixilación e exposicións. John baila coa cámara e déixase levar polo aparello, que vai a un fotograma por segundo e vira ao seu xeito no extremo dunha liña de cana de pescar mentres o fan subir e baixar dende azoteas e pontes. Ao longo de todo ese tempo, a cámara apunta dende arriba a John, que se atopa no chan e ergue a cabeza para lle devolver a mirada á cámara e xira con ela. «Izado de cámara» a cargo de Stephen Niblock, amigo de John.
Recorreuse a diversas localizacións, que se montaron na cámara, e houbo dúas sesións de gravación separadas por un intervalo dun ano; a primeira foi en exteriores e a segunda en interiores (ocos de escaleiras) gravados con exposicións, coas cales se crearon ocasionais vórtices abstractos.
(John Porter)
Toy Catalogue
John Porter | 1996 | O Canadá | Super 8 | 18 min
Serie crecente de filmes sonoros ou con narración en vivo que comezaron en 1981. John documenta parte da súa ampla colección de bonecos de plástico baratos e en miniatura envorcando nunha mesa, baixo a cámara, bolsiñas clasificadas que os conteñen, para logo os esparexer formando composicións de cores e texturas e prestando especial atención a determinados xoguetes de entre as masas. Cunha rodaxe a velocidade normal e montaxe na cámara, vaise a un ritmo rápido e os xoguetes amoréanse, mais John bótaos a un lado, sen máis, e así pronto fai sitio para máis no medio. Nunha gravación realizada na película sonora tras a rodaxe, ou nunha narración en vivo, describe cada escena e cóntalles contos aos bonecos, e por veces crea «efectos de son» con plástico.
(John Porter)
Scanning 8
John Porter | 2016 | O Canadá | Performance en Super 8 | 4 min
Camera Dances nunha toma, con bailes dun proxector «Super 8 envolvente» interpretados en vivo. Seria continuada de performances en película silente, nas cales John leva ao ombro un proxector de Super 8 ante o público e move a imaxe proxectada arredor de si, por todas as paredes e polo teito, seguindo os movementos da cámara que aparecen no filme. Inspirado nunha proxección de Anne B. Walters realizada en The Funnel Experimental Film Theatre Gallery (Toronto) en 1981.
Scanning 8 é unha nova versión de Scanning 5 cos mesmos movementos e o mesmo intérprete, David Anderson, mais noutra localización: Roundhouse Park, en Bremner Boulevard, situado no centro de Toronto.
(John Porter)
JOHN PORTER
SUPER 8 RADICAL
John Porter é de Toronto (O Canadá) e leva filmando en Super 8 dende 1968. Dende entón, produciu máis de 300 películas e performances, que en si mesmas son todo un manifesto de como o cinema en Super 8, lonxe de ser un cinema menor, ten unha entidade propia na arte grazas precisamente ás características da ferramenta con que se produce. As persoas que constitúen a historia do cinema en Super 8 (algunhas das cales pasaron pola Mostra) demostraron como as súas supostas limitacións son virtudes postas ao servizo de certas sensibilidades e imaxinacións. De nai pintora e pai enxeñeiro, Porter estudou fotografía e cinema na Ryerson University do seu Toronto natal, onde puido comprobar que eses estudos, e a idea do cinema en xeral, estaban dominados polo industrial e comercial. E Porter, sempre un espírito inquedo e contestatario, decatouse de que non estaba interesado en formar parte diso. O Super 8 era barato, accesible e portátil e, sobre todo, non había razón ningunha para non consideralo un formato acaído para a creación máis ambiciosa en imaxinación. Esta preferencia de Porter tornouse en militancia, unha característica que tamén o levou a ser activista do cinema alternativo na súa cidade. Se ben producir cinema en Super 8 era máis económico ca noutros formatos, non había tantos espazos de exhibición dispostos a equiparse para o mostrar. Esta necesidade conduciuno a involucrarse en organizacións colectivas como The Funnel, un verdadeiro fogar para o cinema experimental, a videoarte, a performance e todo tipo de expresións artísticas que existiu entre 1977 e 1989. Porter acode dende sempre a todas as proxeccións alternativas de Toronto, e leva tamén moitos anos a documentar todos eses eventos fotograficamente, alén de manter unha axenda desta clase de proxeccións no seu sitio web (www.super8porter.ca, valiosísima fonte de información sobre a súa vida e obra). Porter elaborou, así mesmo, o célebre Filmmaker’s Map of Toronto, unha guía debuxada á man de todos os sitios de Toronto de posible interese para cineastas (dende galerías e lugares de exhibición a tendas de segunda man, oficinas de correos, bares, parques e máis). E forma ou formou parte de organizacións como o Canadian Filmmakers Distribution Centre, Pleasure Dome, CineCycle e A Space. É dicir, contribuíu de xeito significativo a construír un ecosistema de cinema alternativo e a documentar a súa historia, e segue a participar de forma entusiasta nesta escena, que ten máis en común co espírito dos fanzines e dos circuítos punk e D.I.Y. (como dato curioso, Porter mostrou os seus filmes nunha ocasión no CBGB da man da banda Fifth Column). Pois é sen dúbida unha actitude política a decisión de Porter de pertencer activamente a esta comunidade libre e insubmisa dende todos os seus flancos.
Mais refirámonos aos filmes. Unha particularidade do cinema de Porter é como moitas veces a invención formal casa co sentido do humor. Esa combinación de rigor e espírito lúdico fala de como Porter non perde de vista que unha proxección dos seus filmes é tamén unha canle de comunicación co público. Como sinala Scott MacDonald na entrevista que lle fai en A Critical Cinema 3:
Se ben a maioría dos cineastas do Super 8 recorreron a este formato máis pequeno porque economicamente lles brinda a ocasión de facer filmes tan interesantes coma os que poderían realizar en 16 mm (ou, polo menos, interesantes dabondo), uns poucos foron máis lonxe e produciron películas que serían difíciles de facer, por non dicir imposibles, en 16 mm o 35 mm […]. Mentres que os irmáns Kuchar transformaron as limitacións dos 8 mm nun sentido do humor que conmove —é dicir, en «limitacións»—, o canadense John Porter foi un paso máis alá: nalgúns dos seus filmes máis memorables converteu as «limitacións» en puntos fortes.
Porter traballou moitos anos especialmente en dúas series de filmes. Por unha banda, a que denomina Condensed Rituals (cuxo título fai alusión e, á vez, un pouco de parodia ás Latas de sopa Campbell de Warhol, sopa de tomate concentrado), que son diversas accións e acontecementos filmados en time lapse. Un time lapse que adoita ter unha razón de ser guiada polo enxeño, en situacións estratexicamente escollidas para iso. Por outra banda, a súa serie Camera Dances, que contén moitos filmes que no seu día sería imposible realizar en 16 mm ou 35 mm pola mobilidade da cámara e os recantos a que chega. Tamén compoñen esta serie accións que Porter «coreografía» para a cámara, usando por veces ademais a filmación fotograma a fotograma. Son célebres desa serie varios filmes chamados Cinefuge (dos cales veremos as variacións 4 e 5), nas cales atopamos o xesto de colgar a cámara dunha corda e facela xirar mentres filma, mais neste caso con intencións e estética moi diferentes ás de Claudio Caldini en Gamelan (1981) e Un enano en el jardín (1981). Como lle explica a Mike Hoolboom nunha entrevista publicada no web deste:
Inspireime na última escena do spaguetti western O bo, o feo e o malo, de Sergio Leone, na cal Eli Wallach corre arredor da cámara, que está situada no centro dun cemiterio circular, na procura dunha lápida. A cámara enfócao con nitidez, mentres que as lápidas se volven totalmente borrosas. Pareceume unha gran fonte de inspiración que unha toma tan longa, salvaxe e caótica puidese figurar nun filme comercial.
Outra interesante vertente do seu traballo é a que ten que ver coa interacción en directo coa proxección. Dende performances en que parece «meterse» maxicamente nos seus filmes, como Revolving Restaurant (1981) ou Animal in Motion (1980), ata as súas famosas Scanning, nas cales leva o proxector ao ombro coma se fose unha cámara, seguindo os movementos rexistrados no filme que se proxecta. O ilusionismo que facilita o cinema, tanto no seu rexistro coma na súa proxección, é materia que Porter utiliza de maneira intelixente, amena e formalmente abraiante.
Na primeira sesión que veremos, Porter mostrará algunhas das películas que el considera máis «tranquilas» da súa filmografía (malia que aclara que todas as súas películas son divertidas), e na segunda sesión (enmarcada dentro dos Desbordamentos do patio da Fundación Luis Seoane) veremos as máis rápidas, máis filmes sonoros e catro das súas performances.
Por último, é importante mencionar tamén o que se refire á exhibición dos filmes de Porter. De certo, só se poden ver proxectados no seu formato orixinal, o Super 8. Unicamente hai dous deles dixitalizados. Pola súa forma de produción, o que se ve en cada proxección, na maioría dos casos, son os orixinais de cámara. Por iso Porter adoita manexar el mesmo o proxector e limpalo a fondo previamente. Alén disto, moitos dos seus filmes silentes levan unha narración ou comentario feitos en vivo no momento da súa proxección.
Á vista está que o compromiso de Porter co Super 8 é radical. Unha radicalidade que ten que ver non só coa adhesión absoluta ao formato, senón co que significa como acto político: crer que outro mundo é posible.
Elena Duque
