ELS VAN RIEL
PROGRAMA 1
Cantones Cine | Xoves 4 de xuño | 17:00 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Unwritten Page
Els van Riel | 2001 | Bélxica | 16 mm | 10 min
Unwritten Page é un filme en 16 mm realizado para unha composición de Antoine Beuger. Pedíronme que seleccionase unha peza de música contemporánea para ser interpretada en directo por un pequeno conxunto, Q-O2, e para facer con ela unha «película incidental». A idea era que formase parte dun programa nocturno chamado Muziek in Beeld, ou «Música en imaxe». Ao principio resultoume difícil entender por que ía querer ninguén engadirlle unha imaxe en movemento a unha peza musical existente, e a única resposta que deron á miña pregunta foi «E por que non?». Nese momento interesábame crear imaxes en movemento sen lastres; tentaba decantar as que fosen as necesidades básicas para obter «un filme» e non conservar nada agás unha pantalla, a luz proxectada e o tempo como elementos que eran precisos para conseguir que unha imaxe se movese. Ao escoitar a gravación de Unwritten Page de Antoine Beuger, atopei un compañeiro. Sorprendeume oír como os seus tons de violín, minimalistas e sinxelos, aparecían e desaparecían, cunha coidada presenza que só se apreciaba nas minuciosas mudanzas e durante os espazos de silencio que había entre eles.
(Els van Riel)
FUGUE, A Light’s Travelogue
Els van Riel | 2017 | Bélxica | 16 mm | 27 min
Con este traballo dediqueime a explorar a consistencia física da luz, tanto a solar como a artificial.
Non se achou unha resposta ou fórmula completa. Do que trata este filme é de atopar o xeito de expresar o desexo de entender.
Talvez así abonde?
(Els van Riel)
ELLIPTIC
Els van Riel | 2025 | Bélxica | 16 mm | 30 min
Elliptic é un traballo fílmico en que se considera a imaxe como luz reflectida. Estúdase con que grao de brillo se desvía un raio de luz cando choca contra un bordo e transforma a imaxe segundo entra nunha lente. Cun cambio de foco, delicadamente lento, lévase este movemento polo cono do campo visual ata chegar a certa profundidade e volta a empezar. As sorpresas aparecen amodo e desaparecen para lle facer sitio á seguinte. Un comentario importante é que este filme debe verse de principio a fin, con toda probabilidade non nunha pantalla de ordenador.
Son e composición a cargo de Marie-Cécile Reber.
(Els van Riel)
ELS VAN RIEL
A TRANSFIGURACIÓN DA LUZ
En 1676, Antoni van Leeuwenhoek, funcionario do Concello de Delft, descubriu a existencia dos seres microscópicos. Esa forma de vida, descoñecida e insospeitada naquel momento, foi visible grazas a un microscopio que el mesmo construíu puíndo concienciudamente pequenísimas lentes. É un caso paradigmático de como a óptica lle permitiu ao ser humano ver o invisible, un caso que deixa ao descuberto que hai un mundo que, malia que estea xusto fronte aos nosos ollos, non somos capaces de percibir sen esas próteses ou ferramentas de estudo. Os filmes de Els van Riel confróntannos exactamente con iso: cada un deles é un fino traballo de puído da imaxe cinematográfica que vai poñendo de manifesto capas insospeitadas no máis aparentemente banal. É a través dos seus experimentos como podemos constatar de xeito empírico o que son a luz, a visión e a óptica, fenómenos tan incorporados á experiencia do mundo de todas as persoas videntes que non chaman a atención. A óptica, a mecánica e a fotoquímica serven para os descompor e recompor dun modo sorprendente, ao fío das intuicións de Van Riel.
Els van Riel, procedente do norte de Bélxica (non tan lonxe de Delft), vive e traballa en Bruxelas. Formouse primeiro en fotografía e logo en cinema, alén de exercer como proxeccionista. Tamén participou na escena de música experimental e arte sonora en Bruxelas e, máis adiante, en colectivos como o Labo BxL e Cinéma Parenthèse. O seu traballo está centrado na imaxe en movemento (cine e vídeo) non só en forma de filmes, senón tamén de instalacións, obras todas que reflexionan arredor da luz e da súa mecánica de distintas maneiras.
Estas reflexións sobre a luz requiren o seu propio instrumental. Igual que para o estudo dos microorganismos fan falla microscopios, as lentes, as ópticas, as cámaras e a película fotosensible son as ferramentas para este despezamento e análise de Van Riel. É por iso polo que o pensamento verbo do dispositivo (tanto da cámara como do proxector) non se pode despegar do seu traballo de investigación. Na mostra que lle dedicamos poderemos ver filmes en que iso se pon en evidencia, como é o caso de Gradual Speed (2013). Motivada Van Riel pola que nese momento parecía ser a inminente desaparición da película fotoquímica, o filme está composto por unha serie de imaxes que van emerxendo dende unha brancura total por mor da sobreexposición ata virar cara á escuridade. O método é importante na investigación: neste caso consiste en variar a obturación da cámara, dende dous fotogramas por segundo (permitindo, así, a entrada da luz durante máis tempo, o cal vela a película) ata unha velocidade estándar e maior, que a expón correctamente. Isto produce, pola súa vez, unha velocidade enrarecida no movemento ao ser proxectada a 24 fotogramas por segundo. Unwritten Page (2001) fíxose como acompañamento a unha peza musical, e nace así mesmo do branco, da luz a bañar por completo a pantalla da cal vai emerxendo tamén pouco a pouco unha imaxe, que parece unha pintura por estar capturada a través da trama dunha tea. Fugue, A Light’s Travelogue (2017) é unha sorte de historia da luz impulsada por unha colaxe de imaxes de arquivo e propias. Dende gravados de primixenias teorías (como a de que a visión do mundo se obtiña a partir de raios que emitían os ollos humanos), pasando por un retrato de Alhacén, matemático e físico árabe que escribiu o Libro de óptica entre 1011 e 1021 e postulou a verdadeira natureza da luz xunto coa avanzada teoría de que a visión se formaba no cerebro, ata a efixie de Thomas Young, que descubriu a natureza ondulatoria da luz, ou a de Cecilia Payne-Gaposchkin, que estudou a luminosidade das estrelas. Un compendio de imaxes de eruditos, ilustracións científicas e tamén rexistros de luz artificial (eléctrica ou de candeas), entre outras cousas, que se amalgaman nunha estrutura que parte da filmación dunha película proxectada que logo se revela, se proxecta sobre a anterior e se filma de novo e así sucesivamente, engadindo cada vez máis capas á proxección filmada e afastando un pouco cada vez a cámara para englobar o espazo da proxección. A esta historia ilustrada e «amoreada» agrégaselle unha capa de empirismo a través do uso e do comportamento da luz ao longo do filme: a artificial saída dos proxectores, a que vai recollendo a cámara segundo os feixes de luz dos oito proxectores que chega a utilizar se van superpondo, e a luz natural que vemos nas fiestras do fondo do estudio onde todo ocorre a medida que amence. Finalmente, Elliptic (2025) estuda o comportamento da luz en conxunción coa óptica mediante unha serie de lentos cambios de foco en diferentes imaxes, que van descubrindo e ocultando elementos do encadramento.
Hai varias calidades que se manteñen como unha constante nos filmes de Van Riel. Unha é a súa estrutura: a maioría artéllanse arredor de variacións sobre un mesmo método, tentativas de experimento con diferentes resultados. É o caso de Gradual Speed e de Elliptic, nas cales un mesmo procedemento se repite con diferentes motivos e con resultados que varían de acordo con eses motivos. En Fugue, A Light’s Travelogue, esas variacións desenvólvense máis ben en forma de boneca rusa. No seu cinema desempeña un papel importante tamén a ausencia de imaxe, tanto polo exceso de luz como pola profundidade de foco da lente, así como pola escuridade que non chega a impresionar a película. Facéndose eco disto, nas bandas sonoras dalgúns dos seus filmes, feitas en colaboración con artistas sonoros, é tamén capital o silencio. Abofé, o tempo é un factor determinante na súa obra. As gradacións e os detalles vanse revelando paseniñamente, e de aí a inherencia do cinema nesta investigación. Esa progresión fai que en certo modo poidamos sentir na nosa propia pel que a luz é, en efecto, unha suma de partículas que viaxan en ondas para se pousaren sobre a superficie fotosensible da película. Segundo di a propia Van Riel nunha entrevista, é coma se a tira de película fose un anaco de tempo, coma se puidésemos asir o tempo coas nosas mans.
Outra cousa presente no cinema de van Riel é o engano e o desengano do ollo, e mesmo a idea do enganaollos. En Unwritten Page pasamos de ver unha superficie branca a ver o que semella un lenzo e unha pintura, que logo comprobamos que non é tal grazas ao movemento dun transeúnte (o uso da gasa entre a realidade e a cámara apela á pintura tamén ao lembrarnos o veo de Alberti, unha «máquina de debuxar» do século XV). En Gradual Speed, o ir adiviñando os motivos case se converte nun xogo para a espectadora, igual que ver os detalles que as mudanzas na cantidade de luz que recibe a película van revelando ou ocultando na imaxe. En Fugue, A Light’s Travelogue, tardamos en reparar en que o que presenciamos é a filmación dunha proxección, e en decatarnos do espazo que a circunda. En Elliptic, é practicamente maxia ver as cousas insospeitadas que van xurdindo do progresivo cambio de foco. O que semella un motivo abstracto ao principio deixa paso a cousas imposibles de intuír: observamos así con abraio como xorde un bosque ou un mar ao fondo dunha imaxe que en absoluto parecía contelos.
No entanto, incluso con todo o pensamento que se desenvolve no concepto mesmo de cada filme, o cinema de Els van Riel é máis ca un experimento ou un estudo científico. Nos filmes respírase tamén calidez, imaxes que apelan aos sentidos e aos sentimentos. A auga, o mar, un animal, unha persoa que dorme, os abrochos dunha árbore, o sol a bañar unha foto dun ser querido nun interior doméstico. É a luz que se transfigura non só para ser analizada e comprendida, senón tamén para que recaia na superficie sensible da nosa psique.
Elena Duque
