KINOTHEK ASTA NIELSEN

Filmoteca de Galicia | Sábado 6 de xuño | 17:00 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Räume (Spaces)
Gunter Deller | 1989 | Alemañaa | Super 8 a 16 mm | 6 min

«Kihn Mill + vivenda anexa (Michelbach, finais do verán de 1989)»: estudo estrutural sobre a luz nunha casa que se atopa nun estado de deterioración: inspección cinemática. 

(Karola Gramann e Heide Schlüpmann)

Wenn du eine Rose siehst (When you see a rose)
Renate Sami | 1995 | Alemaña | 16 mm | 5 min

Cativada pola voz de Cathy Berberian, con fragmentos de melodías e versos na cabeza, namorada da primavera e das flores do verán, vaguei por rúas e xardíns, campos, bosques e pradairos, e para finais dese verán de 1995 tiña unha curtametraxe que acaba de maneira nostálxica con tons de Songs of a Wayfarer, de Gustav Mahler. 

(Renate Sami)

Zitrusfrüchte (Citrus Fruits)
Hille Köhne | 1983 | Alemaña | 16 mm | 10 min

Na década de 1980, Alf Bold, comisario de cinema experimental e decano do ámbito, cuñou o termo «escola de foil de Brunswick», denominación que se aplica dun modo particular a Hille Köhnne. Nos seus filmes en 16 mm, traballa con láminas foil coloreadas, cuxa transparencia ten ecos de celuloide e realza a deste, ao lles conferir resplandor ás cores. Zitrusfrüchte absorbe a luz meridional a través de foil amarelo pálido e limóns postos nunha mesa situada á beira do mar… Vida de praia. 

(Karola Gramann e Heide Schlüpmann)

Zitrusfrüchte II (Citrus Fruits II)
Uli Versum | 1985 | Alemaña | 16 mm | 5 min

Un diálogo de Uli Versum cunha cesta de cítricos regalados, co público e consigo mesmo. 

(Karola Gramann e Heide Schlüpmann)

Kool Killer
Pola Reuth | 1981 | Alemaña | 16 mm | 5 min

O filme adopta unha postura crítica ante o culto narcisista á beleza que se observou tanto nos últimos tempos coma noutras épocas, sobre todo en relación coa obra de Leni Riefenstahl, que vencellou a cultura do físico coa ideoloxía nazi. En Kool Killer fusiónanse unhas preocupacións formais máis abstractas co tratamento que se fai do tema abordado. 

(Michael O’Pray)

Johnny oder das rohe Fleisch (Johnny or the raw meat)
Eva Heldmann | 1984 | Alemaña | 16 mm | 15 min

Unha tráxica historia de amor entre un cacho de carne crúa e unha muller espida. Ela, que sente á vez repulsión e fascinación, mira con embelesada fixeza o seu compañeiro, produto dunha violencia e desmembramento salvaxes. Con certa desgana, avanzan o un cara ao outro. 

As imaxes acompáñanse de música de Claus Dillmann e do poema murmurado Surabaya Johnny, de Bertolt Brecht. 

A obra está baseada nunha fotografía tomada polo retratista estadounidense Don Rodan: Prudence («Prudencia»). 

(Eva Heldmann)

Die Urszene (The primal scene)
Noll Brinckmann | 1981 | Alemaña | 16 mm | 5 min

Na teoría cinematográfica moderna —especialmente na feminista—, fálase moito da indiscreción por parte do espectador. Die Urszene constitúe tamén, pois, unha achega á teoría do cinema. Mais, alén do anterior, o filme ofrécenos unha pequena visión de conxunto da variada decoración dos dormitorios da rexión de Frankfurt. 

(Noll Brinckmann)

American Hotel
Klaus Telscher | 1982-83 | Alemaña | 16 mm | 15 min

American Hotel é un filme elegantísimo e persoalísimo. A tensión créana, por unha banda, as dúas capas superficiais, que exercen un efecto tanto de distanciamento coma de estímulo, e, pola outra, a combinación de elementos fríos e técnicos con outros populares e eróticos. 

(Noll Brinckmann)

Fragment
Laura Padgett | 1986-88 | Alemaña | 16 mm | 2 min

Este filme é un pequeno estudo da relación que se establece entre a linguaxe, o tacto e a percepción. Nel móntanse xuntas tomas invertidas e negativas para crear unha narración, ao tempo que se fai fincapé na calidade da película en branco e negro. Toda a obra se rodou nun único cuarto, e oímos fragmentos de texto murmurado que se dispersan polo filme e crean, así, unha sensación de intimidade. 

(Laura Padgett)

Und sie, sie liebte Raubtiere – tritt auch in den Garten (And she, she loved predators – step into the garden, too)
Hille Köhne | 1982-86 | Alemaña | 16 mm | 10 min

Hille Köhne traballa con material recompilado, a miúdo autobiográfico, e emprega fotografías que coloca sobre tiras de película e láminas foil en cor que selecciona, e que sitúa unhas a carón doutras e enriba doutras antes de, por fin, pólas en movemento. O filme está baseado nunha cita dun poema de Maiakovski: «Na auga verde azulada áchase o crocodilo, apático e aburrido, disposto a volverse depredador en calquera momento». 

(Renate Lippert)

Alpsee (Alpine lake)
Matthias Müller | 1995 | Alemaña | 16 mm | 15 min

Alpsee, fotografada cun ollo exquisito para os interiores e a invención infatigable, pon en escena o tránsito dun rapaz cara á idade adulta, esa dolorosa franxa que existe entre a dependencia infantil e a individuación da madurez. Müller, sen recorrer apenas á palabra, procede por analoxía e sinécdoque, reunindo momentos do fogar que se enmarcan con precisión e tomándoos como indicios. O seu magnífico cromatismo e a súa potente iluminación supoñen unha mudanza notable con respecto aos traballos en pequeno formato que Müller realizou na década dos 80. 

(Mike Hoolboom)

Passagen (Passages)
Lisl Ponger | 1996 | Austria | 16 mm | 12 min

Lisl Ponger crea un mapa imaxinario do século XX no cal se gravan as historias de emigración igual ca vieiros a miúdo transitados da memoria occidental. As imaxes, tomadas por turistas observadores, revélanse, na súa relación de tensión coa banda sonora, como unha viaxe poscolonial. Unha viaxe exactamente por eses países que hai moito que ficaron comprimidos, uns con outros, no espazo e no tempo. Ao cabo, os marabillosos letreiros de neon do Hotel Edison e Radio City lémbranlle a un as orixes desta forma de apropiación do mundo, a época das grandes expedicións, os escaparates e as pasaxes de Walter Benjamin e os días en que os aparellos técnicos e os medios de transporte supuxeron unha mudanza fundamental nas percepcións do home moderno. 

(Christa Blümlinger)

KINOTHEK ASTA NIELSEN

FORMAS E RELATOS ALEMÁNS

Con este programa, gustariamos de deitar luz sobre o cinema experimental alemán da década dos 80 e principios dos 90, coa adición dun filme de Lisl Ponger, cineasta e fotógrafa austríaca. Mediante esta introdución preténdese contextualizar os filmes. 

A nosa é una selección subxectiva: un programa de memoria e perda, non só de amigos, senón tamén dos filmes na súa materialidade, na súa proxección no espazo do cinema. É, igualmente, un programa de amizades perdurables e experiencias compartidas. 

Todos os textos referidos ao cinema experimental desa época comezan destacando a abundancia e a diversidade de formas estéticas e contido político, así como o prometedor talento dos cineastas mozos. Os cimentos de tal avance radican principalmente nas numerosas aulas de cinematografía, de moi distinta orientación, impartidas nas escolas de arte (HbK Braunschweig, HfK Bremen, Städelschule Frankfurt am Main, KhK Kassel, HfG Offenbach e demais) e, por último, mais non por iso menos importante, na Academia Alemá de Cinema e Televisión de Berlín Occidental (DFFB). O profesorado estaba composto por, entre outros, Gerhard Büttenbender, Peter Kubelka, Klaus Telscher, Udo Serke e Werner Nekes, todos eles cineastas. A diferenza do que acontecía con moitas mulleres deste ámbito, en cuxa obra se combinaban posturas feministas con estratexias formais (Ute Aurand, Rotraut Pape, Eva Heldmann, Bärbel Freund, Hille Köhne, Pola Reuth, Laura Padgett ou Noll Brinckmann, por citar simplemente algunhas), nos postos docentes seguía a haber un notable desequilibrio entre homes e mulleres, cousa que non mudaría ata moito despois. 

Resulta importante advertir, así mesmo, que existía unha ampla infraestrutura de financiamento que servía para apoiar a realización de filmes non comerciais. Iso por si só non abonda, xaora; tamén hai que exhibir os filmes. 

Ao longo do ano tiña lugar unha gran cantidade de festivais onde nos reuniamos: ao principio, o máis importante constituíao o Obradoiro de Cinema Experimental de Osnabrück, que máis adiante pasou a estar baixo a miña dirección (Karola Gramann); a partir de mediados dos 80, e cada vez máis, o Festival Internacional de Curtametraxes de Oberhausen; o Stuttgart Filmwinter, e Experi und Nixperi en Bonn. De particular relevancia foi o Foro Internacional de Cinema Novo, fundado en 1971 como sección do Festival de Cinema de Berlín baixo a dirección de Ulrich e Erika Gregor, que entenderon que a súa tarefa debía ser a de mostrar filmes que ampliasen e redefinisen a linguaxe do cinema. Apenas hai ningún cineasta alemán independente cuxo traballo non se exhibise aí. En Suíza atopámonos co VIPER, en Lucerna, e, baixo os auspicios do de Hyères, estaba tamén o Festival des cinémas différents. Máis aínda, produciuse un aumento das actividades de distribución que contribuíu a que as películas se visen e se comentasen (como foi o caso da empresa CINE PRO, de Ingo Petzke). O Goethe-Institut apoiou estes avances con varios «paquetes» de cinema experimental que se puxeron en circulación no ámbito internacional, algúns dos cales foron recompilados e presentados polo gran comisario Alf Bold. 

Chegados a este punto, queremos ter un recordo para o noso amigo e mentor Alf Bold, que finou demasiado prematuramente e que converteu para nós o cinema Arsenal de Berlín nunha Escola do Ver. 

O cinema experimental viviu unha época florecente na década dos 80 non só nos festivais, senón tamén nas salas de cinema, e atopou eco na crítica cinematográfica. Durante este período, interesámonos dun xeito particular polo cinema feminista e queer (como autoras e coeditoras da revista Frauen und Film, ou «Mulleres e Cinema»), movemento que conseguiu entrar nun ámbito moi predominantemente masculino, e participamos nel como críticas, comisarias e organizadoras de festivais, de maneira que forma parte da nosa historia. Resultaba lóxico, polo tanto, que a finais dos 90 desenvolvésemos o concepto dun «arquivo vivo», a Kinothek Asta Nielsen, que está dedicada ao traballo cinematográfico das mulleres ao longo da historia e na actualidade, así como ás relacións entre os sexos no cinema. Centrouse sempre a atención na participación do público, na investigación no ámbito fílmico-histórico, nas publicacións e, co paso dos anos, na constitución dun arquivo cinematográfico e documental. Fomos responsables do proxecto da Kinothek de 1999 a 2018, co apoio de moitos aliados. En 2018, Gaby Babić, que agora dirixe a Kinothek, sumouse a nós nun festival novo, o Remake. Frankfurter Frauen Film Tage, no cal levabamos varios anos a traballar. Dende entón ten lugar cada dous anos. 

Organizáronse importantes retrospectivas fílmico-históricas, dedicadas a Germaine Dulac, Asta Nielsen, Alice Guy, Lois Weber e Elvira Notari, algunhas acompañadas de publicacións. O cinema mudo e a música desempeñaron tamén un notable papel. Así mesmo, o cinema queer foi, dende o principio, parte integral da nosa programación. Un dos eventos máis destacados veu dado por Extratrouble – Jack Smith in Frankfurt, coa presenza da superestrela Mario Montez, así como Only Angels Have Wings, con Isaac Julien e Terence Davies como convidados. Unha parte intrínseca do noso traballo consistiu en presentar películas experimentais independentes realizadas por mulleres: Renate Sami, Elfi Mikesch, Ute Aurand, Noll Brinckmann, Helga Fanderl, Laura Padgett ou Milena Gierke, por citar só algunhas. 

Nese sentido, este programa tamén forma parte do labor da Kinothek Asta Nielsen.

Karola Gramann e Heide Schlüpmann

* O título está tomado dun programa de filmes experimentais alemáns comisariado por Michael O’Pray en 1984 para o Goethe-Institut London e o Consello das Artes de Gran Bretaña. 

Gustaríanos dedicar este programa á memoria de Klaus Telscher, cuxa achega ao cinema experimental alemán debería volver pórse á disposición dun público internacional. En 1995, o seu traballo viuse truncado, dun xeito brutal, por unha grave doenza tras a cal foi incapaz de volver facer filme ningún ata a súa morte, no ano 2025. Sempre o levaremos no corazón como amigo e como espléndido cineasta.