PARAÍSO
Filmoteca de Galicia | Venres 5 de xuño | 11:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
A sección Paraíso reúne un grupo de estudantes de Belas Artes atraído polas potencialidades creativas da imaxe en movemento. O encontro xorde como un estímulo e unha maneira de tender pontes, e nesta edición congregará de novo estudantes da Facultad de Bellas Artes de Salamanca, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo e a Facultad de Bellas Artes da Universidad Complutense de Madrid. Nela poderemos enxergar o cinema experimental do futuro, a partir deste primeiro e suxestivo achegamento do alumnado ás novas linguaxes. Unha ocasión de compartir e xerar debate arredor das pezas, que se verá complementada, en segundo lugar, por un encontro de estudantes o domingo.
Este labor de futuro non sería posible sen as tres docentes cómplices que fomentan e poñen en marcha a imaxinación e o impulso creativo en cada unha das súas facultades: Chus Domínguez en Salamanca, Xisela Franco en Pontevedra e Noemí García en Madrid. Elas mesmas preséntannos a continuación o froito do seu traballo.
DO PERSOAL AO UNIVERSAL
Facultad de Bellas Artes (Universidad Complutense de Madrid)
Tras a magnífica experiencia que supuxo a participación da Facultad de Bellas Artes da Universidad Complutense, por vez primeira, o ano pasado, presentamos este ano catro pezas froito da selección da produción artística audiovisual máis relevante no ámbito da experimentación formal da nosa facultade.
Nesta ocasión prima a práctica ensaística, onde a reflexión sobre a realidade nas súas múltiples facetas, dende un punto de vista persoal, desprega e integra formas fílmicas que inclúen a animación, a práctica performativa, a apropiación e manipulación de imaxes e sons preexistentes e mesmo a resignificación dos códigos do videoclip.
Esta selección é unha oportunidade para enxergar as preocupacións das artistas mozas arredor de cuestións existenciais como a confrontación coa morte (Suelo), a violencia doméstica (Una chica como ella), a identidade persoal como territorio mutante (Luz) e o cuestionamento do antropocentrismo, en liña coa corrente filosófica posthumanista (I love you).
Estas pezas propoñen a transcendencia da mirada ante o espello, cuxa procura esencial, ancorada no persoal, se eleva cara ao universal mediante o xesto creativo.
Noemí García Díaz
Suelo
Clara Tomme Rivera | 2026 | España | Dixital | 5 min
Nesta curtametraxe lévase a cabo unha exploración do medo á morte dende un punto de vista orgánico, fixando a atención no que lle ocorre ao corpo despois do pasamento. Suelo acompaña o espectador ao longo dun proceso conectado inevitablemente á vida. Emprega distintos recursos como guía a través do paso cara á morte, como a narración en off ou diferentes xeitos de abordar e tratar as imaxes: planos xerais fixos, cámara en man para introducir unha primeira persoa, algo de animación… Todo isto, pola súa vez, se combina cunha banda sonora marcada polos silencios e, ocasionalmente, ruídos mecánicos e electrónicos.
(Clara Tomme Rivera)
Las chicas como ella
Zoila Electra | 2026 | España | Dixital | 6 min
Las chicas como ella é un percorrido dixital, propio de alguén criado nun mundo virtual, que reconstrúe as memorias dunha infancia atravesada pola violencia doméstica e de xénero. Dende unha óptica infantil —intervida con historias, garabatos e paisaxes sonoras—, explórase a disociación causada pola violencia sistemática e repetida. Na voz da filla, nárrase a historia familiar dun matrimonio marcado polo maltrato. A curtametraxe convértese nun ritual catártico que homenaxea as nais que, malia o medo, atopan o xeito de salvar vidas.
(Zoila Electra)
I love you
Petra Montoro Portales | 2026 | España | Dixital | 2 min
I love you parte do estudo Animals in Motion, realizado por Eadweard Muybridge entre 1872 e 1885 na súa serie de placas de animais en movemento. A peza utiliza a fusión estética entre o ASCII e os sistemas de detención de forma para levar a cabo unha revisión contemporánea das relacións entre animal e humano, partindo da diferenciación do trato das especies segundo sexan consideradas animal de compañía, de consumo, de entretemento ou praga.
A imaxe recomponse integramente mediante a repetición do conxunto de caracteres «i Løv€ y•U» en formato ASCII, co obxectivo de propor a mirada humana como unha construción categórica de signos por descompor. Este paralelismo subliña a urxencia de cuestionar os límites da nosa relación co non-humano e a necesidade de desenvolvermos novas formas de mirar e nos relacionarmos cos animais.
(Petra Montoro Portales)
Luz
Evelyn Andrea de la Vera-Ovianolavera Cevallos | 2026 | España | Dixital | 6 min
Atravesada pola mirada externa e as construcións sociais, a identidade sae á luz como un territorio mutante onde o persoal, que emerxe do corpo, e o aprendido, que se adhire a el, se entrelazan ata borraren os seus límites. Neste espazo, unha voz íntima oscila entre a lembranza e o pensamento, adentrándose nunha busca difusa do propio. A medio camiño entre o coral e a experiencia persoal, e no contexto dunha sociedade líquida, dá voz ao anhelo por un retorno e a unha pregunta recorrente: é posible volver? Lonxe de formular unha resposta, Luz habita na súa mesma contradición.
(Evelyn Andrea de la Vera-Ovianolavera Cevallos)
MEMORIA, DESARRAIGO E MITO
Facultad de Bellas Artes (Universidad de Salamanca)
Un ano máis, un conxunto de estudantes da Mención en Audiovisuais (Grao en Belas Artes) e do Mestrado en Produción e Prácticas Artísticas da Universidad de Salamanca presentan as súas creacións audiovisuais na sección Paraíso. Partindo de enfoques moi diversos, as obras desta edición converxen arredor da memoria e o desarraigamento, xunto a unha presenza importante do lúdico. Achegámonos así a formas que tratan de conxurar a morriña polo fogar perdido, sexa este unha vivenda, o país de orixe, un modo de vida ou a mesma lingua (7 pasos para una carta, Era, zugzwang e Puxa que espanta). Entre elas xorde tamén unha animación experimental en que dous personaxes arquetípicos se baten nun duelo baixo un sol lunar (Falso azafrán).
Chus Domínguez
7 pasos para una carta
Julia Battaner Egoscozábal | 2026 | España | Dixital | 8 min
Unha familia ten que se mudar repentinamente do seu fogar de toda a vida. O ambiente frío da nova vivenda choca coa sensación de lar que transmitía a anterior. Entre caixas precintadas e lembranzas amontoadas, a autora tenta rescatar a correspondencia familiar coa intención de realizar unha curtametraxe epistolar, ao cal a propia familia se nega rotundamente. Na procura dalgún obxecto ou documento que poida servir de carta, acaba imaxinando unha serie de pasos para construír, ao fin, unha misiva audiovisual.
(Julia Battaner Egoscozábal)
Era
Olga Sofía Escobar Fajardo | 2026 | España | Dixital | 5 min
O desarraigamento e a memoria venezolana. Non é só a distancia física, senón tamén a transformación dese lugar que non existe máis ca na memoria como unha lembranza difusa que xa non coincide coa realidade actual, pero que tampouco se pode abandonar por completo. A obra constrúese a partir de fragmentos de imaxes cotiás, sons diversos e elementos inconclusos para evocar así o xeito en que traballa a memoria.
(Olga Sofía Escobar Fajardo)
Falso azafrán
Sara Fénix | 2026 | España | Dixital | 2 min
Alén da vila e do bosque, á entrada das covas, dous personaxes encóntranse por vez primeira. O cura, malia que disposto a axudar, teme que o mal entre na súa vila. A muller doente, normalmente allea aos meandros da fe, non ve máis opción ca pedir piedade divina. Os voitres obsérvanos en silencio, sabendo que ambos os corpos, o santo e o aldraxado, teñen o mesmo sabor e sacian en igual medida.
(Sara Fénix)
zugzwang
Juan Sebastián Ortega Bolaños | 2026 | España | Dixital | 2 min
zugzwang describe unha situación de xogos por quendas, coma no xadrez, na cal un xogador está obrigado a actuar, mesmo cando calquera movemento empeore a súa posición. A partir da experiencia dun estudante colombiano en Alemaña, a obra traslada esta lóxica ao ámbito cotián, construíndo unha sensación de desarraigamento, perda e confusión nun contorno percibido como hostil. A auga e o océano operan como metáforas da distancia co lugar de orixe e, ao mesmo tempo, como un corpo temido asociado á talasofobia, incorporando unha dimensión íntima de medo e rexeitamento.
(Juan Sebastián Ortega Bolaños)
Puxa que espanta
Silvia Alonso Díaz | 2026 | España | Dixital | 5 min
Entre ruínas e paisaxes deshabitadas, unha voz en asturiano acompaña un territorio onde a lingua e a vida rural se van perdendo. Os arquivos intervidos rachan a imaxe e deixan a memoria en restos fragmentados. A voz percorre estes espazos e a perda percíbese como unha presenza que se mantén na escoita.
(Silvia Alonso Díaz)
O PARAÍSO DO FOTOGRAMA EXPANDIDO
Facultade de Belas Artes (Universidade de Vigo)
Un ano máis, a sección Paraíso abre un espazo de encontro entre o ensino e a creación audiovisual, entendendo o cinema como unha práctica expandida que dialoga con outras artes. Neste contexto, o alumnado convidado aproxímase ao cinema dende un territorio de liberdade, onde a intuición, o erro e a experimentación forman parte esencial do proceso.
Presentamos da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo cinco pezas audiovisuais realizadas como exercicios para as materias de Imaxe en Movemento e Produción Artística: Audiovisuais, de segundo e terceiro curso. A animación —nos seus procesos máis artesanais— tórnase nun campo de exploración que permite liberdade para intervir a imaxe e manipular a percepción do tempo. A técnica de stop motion preséntase de distintas maneiras: nos debuxos de infancia que se activan e se desbordan en Santiamén, no mix media que tensiona a identidade da peza Jugando al escondite ou nos recortes que artellan o imaxinario simbólico do tarot en El viaje del loco.
Este fincapé na fisicidade esténdese ás tres obras restantes, onde a imaxe non se presenta clara e rematada, senón que fai visible as suturas do proceso e o seu rastro material. En Transmisión, a propia artista sitúase en escena dentro dun universo íntimo e perturbador, próximo ao surrealismo, onde a interferencia, o ruído e a inestabilidade do sinal xeran desorientación. Nesta atmosfera onírica, o debuxo e os gráficos en movemento reaparecen como elementos que intensifican a experiencia atmosférica. Persistencia del vacío, rodada en Super 8 nun obradoiro coa cineasta Carla Andrade, despraza o figurativo a unha dimensión abstracta e formal. Mediante a intervención do celuloide a través do software TouchDesigner, a peza propón unha meditación sobre o dixital e o analóxico, na cal o visible e o sonoro se funden nun continuo proceso de disolución. Finalmente, Oda a la extinción constrúe, a partir de imaxes atopadas de documentais dos anos setenta alteradas mediante técnicas de databending e datamoshing, unha visión apocalíptica en que a imaxe dixital devora a realidade física ata a irrupción dunha sorte de deus virtual.
Hai nestes filmes pequenos un retorno ao xesto manual: debuxar, recortar, superpor, montar, insistir, experimentar. É un traballo paciente e táctil, que devolve á imaxe o seu espesor e a súa temporalidade nun contexto actual dominado pola inmediatez nos procesos. Para estes mozos e mozas artistas, o cinema é sobre todo un territorio por descubrir, un lugar ao cal lanzarse con curiosidade e sen certezas. E é precisamente nesa condición aberta e vacilante onde reside o seu maior potencial.
Quizais Paraíso sexa ese fogar a que un chega para se atopar con que o cinema sempre estará por facerse.
Xisela Franco
Santiamén
Claudia Fandiño Moldes | 2026 | Galicia | Dixital | 1 min
Un refacho de saturación visual e sonora nacido da experimentación con debuxos da miña infancia. A través dunha animación frenética, a peza transita cromaticamente desde o branco ata a densidade do negro, evocando un universo infantil en constante transformación.
Unha descarga de estímulos visuais e sonoros construída a partir de debuxos da miña infancia. A animación, de ritmo acelerado, desprega unha transición cromática do branco ao negro, e converte así o arquivo íntimo nun espazo inestable entre memoria e percepción.
Xogando ao agocho
Naiara Vila Canle | 2026 | Galicia | Digital | 1 min
Xogando ao agocho (Jugando al escondite) propone una narrativa abstracta en torno a la identidad, entendida como una construcción intangible y fluctuante. A través de una composición en constante tensión, la obra evoca ese proceso inestable en el que lo humano se define y se desdibuja. Sin rostros reconocibles, la escena se convierte en un espacio confuso de búsqueda y cuestionamiento.
A viaxe do tolo
Raúl Díaz Alonso | 2026 | Galicia | Dixital | 2 min
Mediante recortes e animación stop motion, a peza constrúe un relato a partir da simboloxía das cartas dos arcanos do tarot. Os personaxes transitan por unha realidade ficticia configurada por estas imaxes, nun percorrido que, á maneira dunha tirada, mostra o porvir e suxire un proceso de transformación e crecemento persoal.
Transmisión
Xulia García Pintos | 2026 | Galicia | Dixital | 6 min
A nostalxia do silencio entre o ruído. Esta peza onírica amosa unha rapaza atrapada entre frecuencias de radio, nun mundo tétrico e inestable, atravesado pola constante mudanza de emisoras. Unha sobrecarga abafante de estímulos en branco e negro, atravesada por glitches e interferencias, que deixa entrever un desexo de fuxida.
Persistencia do baleiro
José García Estévez e Isabella Moreno Rueda | 2026 | Galicia | Super 8 a dixital | 5 min
Persistencia do baleiro é o eco de algo que aínda non naceu. Na desmaterialización de todas as certezas, na absoluta nada, xéstase unha forza innomeable que vén de lonxe. É neste estado de descomposición onde xorden os matices, os puntos intermedios entre a potencia e o ser, entre o material e o inmaterial, entre o dixital e o analóxico. Esta ambivalencia que caracteriza o noso tempo non é unha carencia, senón a manifestación de que algo novo está por vir.
ODA Á EXTINCIÓN
Isabella Moreno Rueda | 2026 | Galicia | Dixital | 3 min
Oda á extinción imaxina unha fin do mundo na que a virtualidade consome a humanidade en forma dunha tormenta de bits que satura a imaxe de materia, corrompendo a realidade ata a chegada dun deus virtual que retorna a orde natural do cosmos.
