A actividade —previa ao inicio do (S8)— organízase co apoio da Fundación Emalcsa e a colaboración da Fundación Luis Seoane. Contou coa participación da Fundación ADCOR, a Asociación ASPERGA e usuarios de Cruz Vermella.

O obradoiro Xpresa está apoiado pola Fundación Emalcsa. FOTOS: Andrea R. e A. Morandeira.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico pechou esta fin de semana a súa programación previa ao inicio da XVII edición do festival con Xpresa, o obradoiro cinematográfico de inclusión social organizado co apoio da Fundación Emalcsa a través do seu Programa Cultura Accesible e Inclusiva. Repartido en dúas sesións, a dirección do obradoiro estivo a cargo da artista visual mexicana Marcela Cuevas. A actividade comezou o venres 29 coa Fundación Adcor, dedicada a mellorar a vida de persoas adultas en situación de dependencia. O sábado 30 pola mañá foi a quenda dos usuarios de Asperga, a Asociación Galega de Asperger, e pola tarde, persoas apoiadas desde o Sistema de Acollida de Protección Internacional da Cruz Vermella.
A proposta sobre a que traballaron, guiados por Cuevas, foi a de crear un autorretrato abstracto que puidese ser presentado como unha obra colaborativa. Para isto, crearon imaxes en movemento con técnicas de colaxe e debuxo sobre acetato. Tamén exploraron obxectos, arquivo persoal e plantas da contorna con microscopio e gravaron as súas voces en casete. O resultado, proxectado ao final de cada sesión, ademais de cativador pola estética e o artesanal do proceso, conseguiu representar a diversidade e singularidade dos usuarios, potenciando as súas posibilidades de integración.




Participaron no obradoiro a Fundación ADCOR, a Asociación ASPERGA e a Cruz Vermella.
Xpresa é un obradoiro que rompe os moldes á hora de espertar o entusiasmo polo cinema, brindando aos participantes un mecanismo para experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais. Desde os seus inicios ten sido dirixido por cineastas e artistas visuais internacionais de recoñecida traxectoria e con metodoloxías de traballo creativas e moi centradas no valor do proceso. En edicións anteriores conduciron a actividade cineastas como o arxentino Pablo Mazzolo, a chilena Jeannette Muñoz, a portuguesa Tânia Dinis, a chileno-canadense Franci Durán, o venezolano-español Andrés Duque, e as españolas Ainhoa Rodríguez e Deneb Martos.

Marcela Cuevas
Nesta ocasión, estivo dirixido pola cineasta, fotógrafa e artista mexicana Marcela Cuevas, quen na anterior edición do (S8) presentou a súa obra Electuario: plantas para el duelo (2024), un cine poema no que profunda na súa aposta pola alquimia e a mestura de formatos como forma de expresión. Cuevas, con formación en fotografía, psicoloxía e antropoloxía da arte, é experta en pedagoxía do cine experimental, acompañamento terapéutico a través da arte, a escrita creativa, o deseño escenográfico e o vídeo comunitario. O seu traballo tense presentado en museos, espazos culturais e festivais de México, Australia, Estados Unidos, Perú, Colombia, Arxentina, Canadá, Uruguai, Paraguai, España, Chile, Guatemala, Bolivia e Ecuador. Tamén traballa con organizacións non gobernamentais impartindo obradoiros, empregando a arte como ferramenta para amosar problemáticas sociais e axudar a crear e soster redes de apoio.
Esta actividade, que forma parte das propostas educativas do (S8), está organizada pola Asociación Cultural eSe8 ofrecendo un espazo respectuoso e aberto á experimentación, gozando do cine como experiencia sensorial, lúdica e creativa. Xpresa conta co apoio específico da Fundación Emalcsa e a colaboración da Fundación Luis Seoane. O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico celébrate do 2 ao 7 de xuño de 2026 e está patrocinado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio de —ademais das xa mencionadas— a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, Acción Cultural Española (AC/E) e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).





