LOS CABALLOS DE DÜSSELDORF. PERO QUE RAIO É UN DOORAG?

Xuñ 3, 2026 | Destacados, Entrevistas

Los Caballos de Düsseldorf, colectivo equino radicado en Madrid, preséntannos o seu filme Fifty Fifty, sonorizado en directo e acompañado dun pequeno concerto. O xeito de pensar os doorags (instrumentos feitos con xoguetes e aparellos obsoletos) con que adoitan tocar, esta vez aplicado ao Super 8.

Como se vos ocorre a idea de Fifty Fifty e como a levades a cabo? Non é doado rebobinar e refilmar un cartucho de Super 8.

Contactou connosco o colectivo cajabaja, que organiza o 16/2 Certamen Super 8; proporcionábannos unha cámara Super 8 cun cartucho e tiñamos que filmar para logo sonorizar en directo o filme. Aceptamos o reto coa idea da superposición tanto de imaxe como de son. Queriamos filmar elementos naturais en contraste con outros mecánicos, o campo fronte á cidade. Tapamos a metade do obxectivo, subimos ao monte e filmamos a natureza. Pensabamos rebobinar o cartucho con facilidade e descubrimos que, contrariamente ao formato Single-8 de Fuji, os cartuchos de Kodak non se poden rebobinar. Estabamos atrapados coa metade da película exposta. Non tivemos outro remedio que abrir o cartucho cun cutter ás escuras, rebobinar manualmente a película e volver cargar a cámara. Por sorte, con temor e suor, logramos o propósito tras un segundo intento. Cambiando de lado a máscara do obxectivo, saímos a filmar luces da rúa: semáforos, LED, rótulos… Esperabamos ter dúas imaxes en paralelo no mesmo encadramento, 50-50, fifty fifty. Entregámoslle a bobina a cajabaja cruzando os dedos.

Sobre a sonorización, contádesnos de que está feita e como foi o proceso de facela?

Acordamos improvisar sobre a película o día da proxección. Por casualidade atopabámonos en Glasgow o día da estrea e non podiamos actuar en directo; non obstante, gravamos a banda sonora na casa coma se estivésemos en directo, unha toma. Eramos dous cabalos e repartimos a medias a imaxe: un sonorizaba o campo mentres o outro tocaba a cidade. Por fin teremos a ocasión de repetir a improvisación en directo con público e preto do mar.

Xa en concreto sobre o traballo de LCDD: contádesnos que é e como se fai un doorag? Como empezastes a facelos e cales son os vosos favoritos e por que?

Los Caballos de Düsseldorf (LCDD) utilizan instrumentos caseiros (doorags) fabricados manipulando circuítos electrónicos coma se dun cartucho de Super 8 se tratase. Abrimos, mutilamos, engadimos e volvemos montar o circuíto; neste punto o son orixinal muda. O que fixemos coas imaxes repetímolo co son. En ambos os casos a sorte, o caos e a improvisación inflúen sobre o resultado. Levamos moito tempo actuando con doorags e fabricándoos (dende primeiros de século) coa suficiente experiencia para lograr chegar ata a fin dos tres minutos do cartucho. Para non perdermos a pista dos instrumentos sementados pola paisaxe sonora das nosas xiras, numerámolos; andamos polo número 350… Difícil ter un favorito que non se perdese polo camiño. Antes de cada actuación eliximos os doorags en función dos sons e do humor dos cabalos.

PUBLICACIÓNS RECENTES