II Convocatoria de BAICC, Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2018

Xuñ 10, 2018 | Novas


A Mostra Internacional de cinema periférico (S8) convoca en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e a Liaison of Independent Filmmakers of Toronto a segunda edición das Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica-BAICC 2018.
Dende os seus comezos, a Mostra ten realizado unha decidida labor de promoción, difusión e reivindicación dos formatos cinematográficos analóxicos, constituíndo un espazo único dentro do panorama nacional. Neste sentido, a idea de abrir novos camiños nesta dirección existiu case sempre dende a primeira edición da Mostra. Unha liña de traballo que por fin atopou a súa correspondencia na colaboración cunha institución única no mundo no seu apoio ao cinema en formato fílmico, á constante búsqueda estética aínda por explotar nese campo, e á convivencia frutífera das novas tecnoloxías cos soportes fotoquímicos. Falamos de LIFT, a Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, que ten unha sólida andaina ás súas costas acollendo artistas en residencia que traballan en analóxico (por elas teñen pasado artistas como Naomi Uman, Helga Fanderl, Tomonari Nishikawa e Martha Colburn, entre outros)
AC/E como sociedade estatal para a promoción da cultura promove co seu traballo o impulso do sector creativo-cultural de España a través dun amplo programa de actividades, como as axudas para fomentar a mobilidade exterior de profesionais creadores tales como as residencias para artistas en distintas disciplinas. Os proxectos de AC/E subliñan a diversa contribución española á cultura global, así como as recentes achegas dos seus creadores máis actuais nos principais ámbitos creativos.
En 2017 puxéronse pois en marcha as primeiras Residencias Artísticas internacionais de Creación Cinematográfica-BAICC, un proxecto moi desexado polo (S8) que se viu materializado grazas ao apoio de AC/E e o LIFT, de Toronto, reafirmando a forte aposta da Mostra pola formación e a creación artística en espazos alternativos.
Logo dunha exitosa primeira convocatoria con máis de 15 propostas recibidas, ‘Reliefs’ de Tono Mejuto foi o proxecto seleccionado a desenvolver durante 5 semanas na Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. O resultado final poderémolo ver, en estrea mundial, durante a 9ª Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar en A Coruña do 25 de maio ao 3 de xuño de 2018.
A semana seguinte á Mostra abrirase un proceso de selección para participar nunha residencia de produción dunha peza audiovisual rodada en formato analóxico (35mm, 16mm, Super 16mm, 8mm ou Super8mm) en Toronto (Canadá).
Esta convocatoria ten como obxectivo continuar nunha liña de traballo que busca abrir novos camiños para os creadores emerxentes, facilitando a creación de lazos de intercambio cunha institución de relevancia internacional como LIFT-Liaison of Independent Filmmakers de Toronto.
Poderán participar na convocatoria todas aquelas persoas nacidas ou residentes en España, cunha traxectoria artística acreditada, que desexen realizar un proxecto audiovisual en formato analóxico.
A duración da residencia será de entre 4 e 6 semanas ininterrompidas a escoller entre mediados de xaneiro de 2019 e marzo de 2019 e estará suxeita á dispoñibilidade das instalacións de LIFT en Toronto.
Os proxectos que desexen optar a as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica- BAICC poderán ser presentados a través do noso formulario online.

PUBLICACIÓNS RECENTES