Neste décimo aniversario da Mostra, que se celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño, a sección SINAIS volve despregarse en diversas iniciativas: por unha banda, o festival dedicaralle unha sesión monográfica á artista, fotógrafa e cineasta galega Carla Andrade e, por outra, acollerá a estrea mundial do filme 7 Limbos, de Alexandre Candelo e Berio Molina, cruce entre cinema e arte contemporánea, que irá acompañada dunha serie de accións performativas que prolongarán a experiencia cinematográfica por diferentes espazos da cidade da Coruña máis aló da proxección.
A sesión monográfica arredor da obra de Andrade, que estará conducida por Xisela Franco, xirará arredor da súa evolución e posicionamento como artista e achegarase a influencias de outros creadores e creadoras de diferentes países e cidades no que Carla Andrade residiu nos últimos anos. No encontro, a artista amosará tamén a súa relación íntima con Galicia, coa natureza, co territorio, co baleiro concibido como un lugar cheo de posibilidades, ilimitado e reivindicará o seu papel de muller que trata de buscar a súa propia linguaxe. O programa acollerá a proxección de pezas como Listen to me, Sibila, El paisaje está vacío y el vacío es paisaje , Geometría de ecos I e Magma.
O filme experimental 7 Limbos, pola súa banda, supón a suma de forzas entre Alexandre Cancelo, guionista e realizador, e Berio Molina, cuxa actividade xira en torno á arte sonora, de acción e interactiva. Trátase un cruzamento entre cinema e arte contemporáneo no que sete grupos de enmascarados percorren diferentes paisaxes. Cos seus movementos golpean o chan das cidades, permanecen quietos esperando o ruído da ruína e capturan o vento coas súas vestimentas. 7 Limbos é unha viaxe sonora polas veladuras do espectral que nos conducirá por diferentes experiencias en diversos escenarios fantasmais e evocadores a través de Europa da man dos artistas Miguel Prado, Alejandra Pombo, Nick Papadimitriou, Alberto R. Samaniego, Ignacio Castro, Loreto Martínez e Isaac Cordal.
Sinais en Curto: migración, memoria e ausencias
A sección Sinais en Curto volve traer, un ano máis, unha selección de traballos arriscados e vangardistas feitos por creadores e creadoras de Galicia. O percorrido que festival propón nesta décima edición configura unha especie de historia subterránea de migración, unha peza clave da identidade e o espírito desta terra. Un percorrido que comeza na illa de San Simón, na que a celebración do festival Sinsal dá pé á creación dunha peza que se estende máis aló do rexistro cara a rexións poéticas e evocadoras.
Dentro do programa Sinais en Curto amosaranse as obras máis recentes dos creadores e creadoras Alexandre Cancelo, Margarita Ledo, Sol Mussa, Alberte Pagán, Carlos Martínez-Peñalver, Adrián Canoura, Samuel Delgado e Helena Girón, que xirarán arredor da idea de migración, a memoria e as ausencias.
Ilha, de Alexandre Cancelo (tamén presente en Sinais con 7 Limbos, codirixida con Berio Molina), crea e recrea a través dun dispositivo sonoro as voces dun pasado incerto. A auga branca, da creadora e investigadora Margarita Ledo, fainos chegar desde a súa peza o eco de quen se foi da terra para non volver, e que lembra desde Extremadura a Galicia e ás súas fontes de auga branca. A emigración desde o presente é o que aborda Stockroom, de Sol Mussa Juane, coa sombra do Brexit axexando Europa. Unha peza que trata a imaxe de vídeo desdobrándoa e dándolle outra dimensión, mostrando como vive o migrante hoxe en día. Uluru, do cineasta, escritor e investigador Alberte Pagán, é un punto de inflexión na sesión, a través da súa construción dunha posible arquitectura do espazo a través do cinema, e da memoria presente dunha viaxe a un sitio sacro. Con Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, empréndese o camiño de volta cara a Galicia, un camiño no que regresar é unha forma de desaparecer. Adrián Canoura, pola súa banda, retrata en Rexistros. Xeografía de San Sadurniño os espazos baleiros que deixaron os que se foron tras de si, a través da súa experimentación sensorial co vídeo analóxico. Pecha a sesión Irmandade, nova peza de Helena Girón e Samuel Delgado, que co seu distintivo halo esotérico retratan aos que quedaron, nunha procura da esencia do espírito das revoltas pasadas dun pobo combativo.