Stefano Canapa. Ver o son

Xuñ 4, 2019 | Entrevistas


Stefano Canapa fálanos do seu traballo co sonido no cinema: da súa performance Wavelength, na que colabora con Antoine Birot, e de The Sound Drifts, o seu filme incluído no programa Vellos e novos amigos.
WAVELENGTH
Antoine Birot: No meu traballo utilizo dous xeradores de baixa frecuencia (GBF), que son aparatos que pódense atopar nos laboratorios de electrónica, para medir a corrente. Son aparatos que xeran un sinal eléctrico e, en consecuencia, un son. Eu gravo ese sinal puro e a partir del vou construíndo on son en directo, a partir da improvisación que está a ocorrer. Como os aparatos que utilizo eu son bastante vellos, xogo tamén cos ruídos que fan, o que serían os seus defectos, digamos.
Stefano Canapa: Hai que dicir que un dos usos orixinais desta máquina era arranxar aparatos de televisión, así que cando comezamos a traballar unha das primeiras cousas que pensamos foi que podiamos desprazar de novo esa frecuencia á tele. E descubrimos –porque foi un proceso de exploración– que isto xeraba unha especie de feedback de vídeo que producía unha imaxe abstracta moi interesante. Ademáis, decatámonos de que se alterabamos a frecuencia, a imaxe ía cambiando con ela. Entón filmamos de novo, en 16mm, estas imaxes da tele, improvisando co instrumento para xerar o son e así improvisar tamén coa imaxe. Despois veu un traballo de laboratorio, fotoquímico, de revelado… utilicei distintas máquinas para explorar esultados. E o paso final foi utilizar o material visual xerado desta maneira e acompañalo de son en vivo, de maneira que a imaxe e o son xúntase de novo.
THE SOUND DRIFTS
S.C.: The Sound Drifts xorde dun traballo de laboratorio. Eu estaba a facer unha copia do meu anterior filme con Jérôme Noetinger. Era unha achega documental ao seu traballo: pedínlle que fixera unha improvisación para a cámara (utilicei dúas cámaras), que durara o que dura unha lata de 16 mm, que despois ampliamos a 35mm. O único que eu non podo facer no noso laboratorio é o son Dolby Surround, porque é un proceso moi complexo, así que encargueino a un laboratorio profesional. E o que pasou foi que houbo un erro dixital. Eu enviei o son nun dispositivo USB, e cando o gardei, perdéronse datos e creouse como un oco no son. Pero como o que Jérôme fai é moi experimental, a persoa responsábel de manipular o arquivo non se deu de conta de que había un problema. O negativo óptico non se pode escoitar, hai que imprimilo primeiro e despois xa podes escoitalo. Así que fixen a copia, e despois, cando a proxectei, decateime de que había un oco no son, no minuto 8:20. E como o meu filme trataba do son que fai Jérôme, molestábame moito que faltara esa parte. Así que no laboratorio repetiron o proceso, pero eu quedeime con ese negativo de son. E claro, para saber onde estaba o problema, tiven que proxectalo. Hai que sacar a ventaniña do proxector para ver o que non se proxecta normalmente, é dicir, a parte do son óptico. E a partir de aí comecei a reflexionar sobre a posibilidade de levar á pantalla esa parte do filme que nunca se proxecta.
Normalmente cando proxectas unha imaxe, o son de esa imaxe en concreto está como veinte imaxes máis adiante, porque non se pode ler unha imaxe que ten unha lámpada de varios kW por enrriba ao mesmo tempo que o son, que é unha marca moi pequeniña. Así que a solución que atoparon no seu momento foi a de desprazalo: a lectura faise en dous sitios diferentes. E como era eu o que facía a copia, puiden imprimir a imaxe e o son calculando este desfase. Por iso, en realidade, o que un ve é o que hai: o que está a ouvir é o que ve.

PUBLICACIÓNS RECENTES