María Meseguer. Fotografar a oscuridade

Xuñ 6, 2019 | Entrevistas


Falamos coa fotógrafa María Meseguer da súa exposición e do seu novo libro, 9/10 (S8), o particular percorrido da súa mirada pola historia do festival.
A primeira (segunda) edición
Eu comecei no festival porque chamáranme Ángel e Lucía Rolle, que xa me coñecían de antes. Lembro que tiven unha reunión con eles e me dixeron: tes que facer fotos na escuridade. E eu pensei…. «a ver que sae!». O primeiro ano non facía tantas fotos, estaba un pouco máis perdida porque non coñecía a ninguén do equipo… Pero lembro grandes personaxes que pasarn por alí: Guy Sherwin coa súa familia, Zoe Beloff e seu marido… era como unha gran familia.
Fotografar na escuridade
Podo facelo a partir dun punto de luz, utilizando a luz que ven das pantallas, as sombras… Na pouca luz que pode xurdir do filme, tamén cando cambian o filme, ou a luz mesma do proxector… con iso xa podo tirar para adiante e facer fotos.
A paciencia e os retratos
Penso que ter paciencia é moi importante neste caso. Porque para achegarse a certa xente… Jeannette, por exemplo. Non me gusta achegarme sen máis, gústame coñecer á persoa, se é posíbel. Coñecela ver como se move, os seus xestos. E se teño a oportunidade, seguila ao longo do festival. E moitas veces, a primeira foto non é boa. Por exemplo, Phil Hoffman. O ano pasado, a primeira foto que lle fixen no CEGAI é unha foto que non está mal, pero xa está. Pero despois coñecímonos mellor e iso tamén se foi vendo nas fotos. Nótase moito cara ao final do festival: a xente está xa máis relaxada, e iso vese.
A selección para 9/10 (S8)
O que fixen foi unha selección, ano por ano, das fotos que máis em gustaban. Esta primeira selección era un pouco máis ampla. Despois, coa axuda de David Carballal (que foi quen deseñou e editou o libro) fomos retirando fotos. Eu ía dicindo: esta sí, esta non… e cando tiña dúbidas, comentaba a decisión con David. Foi un proceso de revisar unha e outra vez, ver que fotos encaixaban ben, e observar tamén o conxunto, se había unha unidade. Horas de ver, seleccionar, retirar…
O percorrido da exposición
O percorrido non é cronolóxico, está basado nas imaxes: en como funcionan unhas con outras. É dicir, non ten nada que ver co que os fotografados sexan colegas ou que o seu cinema sexa parecido. O importante foi sempre atopar unha afinidade visual nas imaxes. Foi como compoñer un crebacabezas. Por exemplo, os retratos van todos xuntos, as fotografías de salas aparte… coa idea de non romper a mirada. Eu buscaba crear unha liña, unha continuidade.
O libro
É un libro pequeniño que ten máis de 120 fotografías, hai máis fotos que na exposición. Pero non sei… quizáis o que mellor podería falar disto é David, que é o que fixo a edición. Pero co tamaño tes xa unha idea para facer a composición. Tamén quixemos manter as alturas, que as verticais foran sempre iguais para manter unha continuidade. É dicir, hai una composición a dous páxinas, pero que é lineal.

PUBLICACIÓNS RECENTES