Madi Piller. A memoria inscrita con luz

Xuñ 9, 2019 | Entrevistas


En moitos dos teus filmes experimentar co material, tentar atopar novas imaxes, é moi importante.
Sí, cada quen busca unha forma de expresarse. Eu sempre pensei: se tes unha ámara e mércaslle unha lente, todas as fotos van ter o mesmo ángulo. E ás veces pensas… pero eu quero ir máis aló, quero chegar ata alá! Entón tes que cambiar de lente. Se non o fas, non cambias as túas posibilidades de chegar a certas formas. Que podo cambiar aquí para chegar alá? Que técnica podo usar para desenvolver este proxecto? Por que estou a usar esta técnica, por que esta cámara, esta lente…? Eu teño esa necesidade de buscar un pouco máis alá. Será pola miña curiosidade polas tecnoloxías. Lembro que na universidade fixen unha asignatura sobre historia da tecnoloxía e deixoume abraiada. Pero a min xa desde pequena fascinárame a tecnoloxía e a mecánica.
Nos teus últimos filmes esta experimentación cos procesos e os materiais mestúrase cunha búsqueda da memoria, das túas raíces. Gustaríame saber cómo chegan a confluír estes dous ámbitos.
O persoal ten que ver co feito de que vivimos nun mundo máis amplo, e eu vexo que as miñas historias familiares o a miña búsqueda de identidade e todas estas problemáticas están moi presentes. É como un eco de moitas outras sociedades, é dicir, non penso que o que eu estou a procurar sexa único, senón que é un eco do que está a suceder no mundo. Non hai nada novo, pero eu redescubroo e gústame saber que, coa miña búsqueda, estou facendo tamén unha recuperación. É necesario que as cousas sexan contadas e repetidas. Ogallá que non sucedesen máis, que é xusto o que está a pasar. Por iso hai que telas sempre presentes. Esta é unha parte da miña necesidade intrínseca, pero nese paso estou buscando sempre a imaxe da luz. Eu penso que é algo que sae moi natural, no meu caso. Ás veces poño unha foto diante da cámara e paréceme moi cruda: quéroa disfrazar, quero poñer outra ventá diante dela, mirala doutro xeito. Aí é cando comezo a buscar eses elementos de animación
Interésame o proceso do teu filme The Shifting Sands. É material atopado, pero mestúrase coa túa propia historia familiar. Pódesnos falar un pouco disto?
Foi todo sacado dunha película que fixo un documentalista, Jacques Madvo. El filmou moito en moitos países. Foi unha encarga dunha organización de arte en Canadá, LIFT, que seleccionou a varios artistas e díxonos que escollesemos un tema. Eu escollín Israel, porque pareceume que o traballo documental que fixera Madvo sobre Israel era moi puntual, moi específico na súa parte histórica. Se revisas esa historia, é unha historia moi fracturada, pero ao mesmo tempo é a historia dunha nación que avanzou moito dentro dos seus problemas e que constentamente foi mudando as súas políticas internas. Hai que facer toda unha revisión da historia dun país tan novo. E aínda hai moitas problemáticas dentro dese espazo, pero eu quixen recuperar ese documental e mesturalo con fotografías que o meu pai tomara cando estivera alá despois da Segunda Guerra Mundial. Facer un filme así é moi difícil, penso que por iso xurdiu a idea de facelo totalmente manual. Fíxena imprimindo directamente a película contra as fotografías, facendo impresión óptica do documental manualmente e mesturándoo con fotografías. É unha película moi dividida, como o espazo no Oriente Medio. E penso que é así, pensando moito na historia e nas cousas, como un pode chegar a darlle unha forma ao filme, ou así é como eu consigo facelo.
Tamén imos ver Not Moldova, 1937, un filme que bebe tamén da túa historia familiar, de novo relacionada coa Segunda Guerra Mundial. Poderíasnos contar algo máis sobre el?
Este filme ten unha achega moi dura, porque ten que ver con entrar nunha sociedade na que non recoñecen o erro tan humano (ou inhumano) que fixeron durante a Segunda Guerra Mundial. E iso pódese ver neses espazos abandoados. Eu estiven alá un par de veces, tratando de investigar o espazo para ver que atopaba, e básicamente o que atopas son pedras abandoadas. E o silencio, que tamén está representado no filme. Ata a xente que me axudo alá é xente nova que non tiña nin idea desta historia. É bastante dramático. Máis que unha reunión cunha historia familiar, para min é unha recuperación dunha memoria que está completamente esquecida e que ninguén ten intención de recuperar. Rumanía fixo algúns esforzos por entrar na Comunidade Europea e hai unha maior sensibilidade, pero no caso de Moldavia, que é unha república que está ao lado, non vexo que fixeran realmente ningún esforzo. E básicamente a zona de Moldavia é o que antes era Besarabia. Cando crecín en Perú, había tanta xente que era de Besarabia que eu pensaba que era un país, pero era unha provincia de Rumanía. É un filme doloroso.
Nos teus filmes The Shifting Sands and Not Moldova, 1937, pero tamén en Untitled, 1925, o político ten moito peso.
Si. Untitled é unha crítica. Dentro desta búsqueda, que foi moi longa, de ir ás bibliotecas, que é un proceso bastante difícil… E de atopar tamén o que está fóra das bibliotecas cando non se ten acceso a elas, atopar de novo as viaxes dos inmigrantes, atoparme de novo a min mesma… Porque eu cheguei a Perú para investigar sobre a viaxe do meu avó, para percorrer este camiño buscando atoparme tamén a min mesma e á xente que vive alá e que me ve como unha estranxeira, cando o certo é que eu teño un corazón que naceu alá é que, dalgún xeito, vive con eles. Unha sente na distancia certas conexións, e cando chegas alí, queres de novo unha unión con esa terra, e descubres cousas tan dolorosas… ata o punto de que en Untitled decidín non filmar a periferia do que estaba diante da cámara. Situeime únicamente na viaxe do meu avó para evitar todo o caos visual que está a ocorrer. É un filme que aparentemente é moi tranquilo pero que é moi forte nas palabras que eu expreso. Todo o caos está expresado na poesía, no que eu estou a recitar, porque era o sentimento desde momento. Fixen outro filme no que estou a traballar temas políticos e sociais que estan a ocorrer algora, pero… si, o certo é que para min son esenciais, históricos, mnemónicos. E no cinema é posible achegarse a eles dun xeito directo.

PUBLICACIÓNS RECENTES