SINAIS ADRIÁN CANOURA

Sábado 3 de Outubro | 17:30 h | s8cinema.com

O traballo de Adrián Canoura (Burela, 1991) baséase na intersección e confluencia de mundos que poden semellar distantes. Por unha banda, o das raíces da terra: as lendas e costumes que conforman a identidade galega, o saber ancestral da agricultura e da pesca, que na súa obra dan forma a unha mirada etnográfica desde dentro, lonxe do arquetipo do antropólogo que viaxa a terras afastadas. Por outra banda, o mundo da modernidade, da cultura de rúa e urbanita, o universo que vive nas sinais eléctrica do vídeo analóxico ou dixital. Aproveitando ao máximo as posibilidades plásticas do vídeo e experimentando coa imaxe e o son, Canoura soubo crear un imaxinario propio no que o ancestral e o eléctrico son unha mesma cousa. Co traballo que levou a cabo nos últimos anos (desde as súas pezas máis persoais, ás relacionadas coa música; desde o seu dueto electrónico Nistra, á súa colaboración con Baiuca) revelouse como unha das personalidades máis emocionantes do audiovisual galego.

Neste programa en streaming teremos a oportunidade de coñecer os referentes e procesos de Canoura a través dunha entrevista en profundidade, revisando tamén algunhas das súas pezas. Desde as súas películas Da morte nace a vida, Rexistros (xeografía de San Sadurniño) e Salitre nas veas, aos videoclips realizados para os temas de Baiuca Adélia e Camiños.