SINAIS EN CURTO
Venres 2 de Outubro | 18:00 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Venres 2 de Outubro | 18:00 h | CGAI | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Sinais en curto, sección na que recollemos unha selección de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, desdóbrase este ano en dous: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas convocados na selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e as inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na selección en sala.
PONS MINEA | Alberte Pagán, 2020, vídeo, 20 min.
Peza da serie Superfícies II (continuadora de Superfícies I, iniciada en 2014), na que Pagán xera unha colisión de significados e texturas proxectando imaxes sobre diferentes superficies e logo refilmándoas. Neste caso, a simboloxía franquista do Embalse de Belesar, baixo o que desapareceu a vila de Portomarín, póusase sobre un ombú homenaxe a Antón Alonso Ríos e en lembranza de Ínhigo Berriochoa.
MIÑA NAI (CINTAADHESIVA) | Area Erina, 2016, vídeo, 3 min.
Imaxes domésticas que semellan desenterradas directamente da memoria: unha infancia perdida, a maternidade. Estas son as compoñentes desta peza visual de Area Erina, unha montaxe emocional embebida de cores e texturas, feita para “Cintaadhesiva”, un proxecto literario-musical que une a música de Jesús Andrés Tejada e os textos de Silvia Penas.
UNIDADE VECIÑAL | Tono Mejuto, 2020, 16 mm a vídeo, 8 min.
Tono Mejuto continúa, desta volta en 16mm, o movemento iniciado polo seu fotolibro Unidade veciñal (Fabulatorio, 2015) adicado ao proxecto do coruñés Barrio das Flores de Andrés Fernández-Albalat. A súa mirada atenta aos detalles en aparencia nimios pero altamente significativos fai desta volta un percorrido ascendente pola Unidad Vecinal nº3, edificio inaugurado en 1969 e proxectado por José Antonio Corrales.
A VELLA E O DESERTO | Lara e Noa Castro, 2020, vídeo, 8 min.
Volvendo ao formato vertical, Lara e Noa Castro paséanse entre o surrealismo e a austeridade nunha peza de imaxes contundentes e evocadoras, que funde a súa raizame na simboloxía a través de diversos elementos e seres, nunha viaxe a misteriosos recunchos do subconsciente.
ALÍ SENTÍAME ETERNA | Aldara Pagán, 2020, vídeo, 7 min.
Poema visual creado no (fértil) contexto do Chanfaina Lab. “Con esta obra pretendía plasmar un momento de paz, de tranquilidade, de liberación. Algo que necesitaba nese momento. Podería dicir que as miñas referencias baseáronse en artistas como Alberte Pagán, Ana Mendieta ou Maya Deren” (Aldara Pagán).
MARCAS | Aldara Pagán, 2020, super 8, 10 min.
O corpo dunha muller inscríbese en diferentes espazos (que semellaran a expresión visual da intimidade e a soidade), en cada un dos tres “capítulos” desta peza táctil, marcada pola luz e, por momentos, pola manipulación física do material. Filmada e proxectada en super 8, con performance sonora en directo da artista.