CAMERA OBSCURA: TOMONARI NISHIKAWA

Mércores 30 de Setembro | 20:00 h | s8cinema.com
Mércores 30 de Setembro | 20:00 h | CGAI | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

De 1972 a 1981, na televisión pública de Boston, Robert Gardner conduciu un programa que, co paso do tempo, se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, que eran entrevistados en profundidade por Gardner. O presentador daba aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra en fondura, polo que incluía no programa algunha das pezas destes cineastas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, pero tamén propulsados polas facilidades que nos dá a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado aos nosos tempos, realizado cunha estética peculiar e cunha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas ao mesmo tempo que gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable no mundo.

Reducir o mundo ás súas formas máis puras e valerse do mecanismo singular da cámara para xogar con elas: esta frase podería servir de porta de entrada ao cinema de Tomonari Nishikawa, xaponés residente en Binghamton, Nova York, que traballa desde principios do século XXI en todos os formatos que existen de cinema fotoquímico e, ocasionalmente, tamén en vídeo. Os seus rexistros “documentais” de distintos lugares do mundo están filtrados por un ollo especialmente sensible á esencia visual do que o rodea. Amais están filmados a través de diferentes procesos que van desde a captura fotograma a fotograma, ao uso de cámaras fixas, pasando polas máscaras en cámara e, nas súas películas máis meditativas, por unha estrutura gráfica ou de montaxe singular. Neste Camera Obscura repasaremos a súa obra a través das súas propias palabras e da visión dalgunhas das súas películas.