Corría o ano 1984, o ambiente vibrante da movida viguesa en plena ebulición. Ese foi o escenario da primeira colaboración do que sería unha frutífera unión: a establecida entre Antón Reixa e Antonio Segade. Reixa, que viña de fundar o Grupo de Comunicación Poética Rompente e a banda Os Resentidos, proponlle a Antonio Segade, de formación deseñador industrial, que poña en imaxes as súas poesías. De aquí xorde a mítica peza vangardista Salvamento e socorrismo, que abre o programa que presentamos hoxe co nome “Falar por non calar”.
Precisamente é a poesía e a súa tradución á linguaxe audiovisual o que articula a obra do dúo, que o programa de hoxe recolle en forma de “remix” comisariado polo crítico, escritor e programador Jordi Costa, quen tamén conduce unha proveitosa conversa con Reixa e Segade. “Falar por non calar” abrangue así dende as súas primeiras obras, de espírito punk e “faino ti mesmo”, ao mítico programa da televisión galega que conduciron, Sitio distinto, e aos chispazos máis vangardistas de traballos máis convencionais insertos na industria audiovisual.
Unha estética libre de prexuízos e sen medo ao lado máis cru do vídeo caracteriza os primeiros traballos que veremos: o importante, como sinalan Segade e Reixa, era facer. Por unha banda, a inmediatez da performance, a creación de imaxes tan desconcertantes como as que crea Reixa na súa poesía, a causa do choque de elementos discordantes e do exceso da propia representación. Por outra, o uso de imaxes atopadas que se engaden a este collage iconoclasta. Son traballos nos que se analiza dende a incidencia social do capitalismo e os mass media aos elementos identitarios galegos, aos que sacan constantemente do seu sentido tradicional nun acto de afirmación cargado de crítica e de ironía. Galicia entendida como territorio autónomo e sigular, para ben e para mal, coa lingua galega á cabeza sempre.
Esta actitude trasládase, dentro das posibilidades do medio, á televisión: Sitio distinto (título tomado dunha canción de Os Resentidos) é un magazine que se emitiu na Televisión de Galicia entre 1990 e 1991. Actuacións, entrevistas e concursos, que para moitos galegos representaron unha fiestra aberta á contracultura e a unha visión humorística, crítica e punk de Galicia e a súa realidade.
Co paso dos anos, a parella vaise centrando cada vez máis en traballos de encargo (documentais, videoclips e outro tipo de pezas), e no caso de Reixa, en diversas longametraxes de ficción coas que obtén recoñecemento dentro do ámbito do cine español. Tamén se traslada a estes traballos, en secuencias e momentos concretos, o lado máis creativo e fantasioso de Segade e Reixa, especialmente no ámbito visual. Verémolo en fragmentos e momentos destacados deste programa, debuxando unha liña de de coherencia creativa incombustible, independente do medio polo que se prodigue.
O legado de Reixa e Segade é xa que logo, como sinala este especial de Xerme, un dos elementos que propiciaron que Galicia, no tocante ao cine, sexa hoxe un sitio distinto, un caso de particular potencia creativa dentro do panorama nacional.