Sábado 3 de outobro. Cruzando o limiar: Adrián Canoura, Jardines secretos, Miwa Matreyek

Out 2, 2020 | Artigos

Hoxe chegamos á nosa xornada final, aínda que a festa continúa  domingo con todos os nosos contidos dispoñibles online a partir de hoxe sábado ás 8 da mañá. Continúa a dualidade, que nesta ocasión comeza xa á mañá cos nosos encontros profesionais, que serán presenciais mais tamén poderan ser seguidos a través de Internet. Máis información sobre o tema aquí. Tamén Adrián Canoura, o noso protagonista de Sinais deste ano, nos chega tanto pola rede como á sala de cine. E, para pechar a xornada, Miwa Matreyek estará nas paredes da Coruña e nas pantallas de todo o mundo grazas a Internet.

Rexistros, Adrián Canoura

Comecemos con Canoura. Orixinario de Burela, Adrián Canoura dálle unha volta á idea de etnografía en obras nas que emprega unha intensa manipulación estética, traballando con sinais de vídeo analóxicos, ás veces combinados con outros dixitais. Poderemos penetrar na súa obra por distintos camiños, dependendo de se escollemos a sesión presencial ou a sesión online, que incorporarán ademais diferentes elementos performativos. Na nosa sesión presencial, teremos ocasión de ver un light show con música de Guerrera en directo. No programa online poderemos ver unha improvisación de Canoura cun sintetizador de vídeo. E, como aperitivo ou complemento, recomendamos a lectura desta entrevista a Canoura realizada o ano pasado por Brais Romero para A cuarta parede.

Amarillys – A Study, Jayne Parker

Outro dos pratos fortes da nosa xornada presencial constitúeo a sesión Xardíns secretos, que non só evoca esa primavera perdida da que falamos no tema da nosa edición a través de películas “florais” ou botánicas, senón que estende a idea do xardín secreto a un territorio interior, a unha exploración dos xardíns secretos da psique. A sesión arranca cun espírito materialista, ou ben plantando unha tira de 16mm sobre unha de 35mm, coma no caso de Plantas trepadoras de Julieta Averbuj, ou ben directamente sementando o celuloide de flores e herbas, como ocorre con The Garden of Earthly Delights de Stan Brakhage. A exploración fotograma a fotograma dos límites da percepción e das posibilidades da cor no cine continúa cos Bouquets de Rose Lowder (pódese ler unha entrevista sobre estes na revista Lumière). Recobramos certa calma co Interlude que nos brinda Nathaniel Dorsky, nun novo ramallete de observacións recollidas que quita o alento. Metémonos dentro dunha flor da man do estudo floral de Amaryllis, de Jayne Parker, inmersión nun mundo de cor e texturas. Un rexistro delicado que segue a estar en Transcript, de Erica Sheu, primeiro cunha composición de flores secas, sombras e cianotipos: transcricións de luz dunha flor sobre o papel, impresións íntimas coma as das cartas manuscritas do final da peza. O sol tamén debuxa formas coas sombras das árbores, que recolle a cámara de super 8 de Milena Gierke, en Baumschatten, nun xardín apracible coma o de Garden Pieces, de Margaret Tait, peza en tres movementos arredor dun xardín (entre eles unha animación pintada directamente sobre a película). Entramos no eido doutro tipo de xardíns máis metafóricos: o xardín animado en time lapse de Jodie Mack, restos conxelados de plantas que reviven nun ciclo infinito. Seguindo co uso de elementos atopados, propoñemos dúas películas de found footage: o invernadoiro perturbador de I Began to Wish…, de Julie Murray, e o xardín secreto, exorcismo de dores e traumas, de Phil Solomon e The Secret Garden. O desta entrega de Puchuncaví, de Jeannette Muñoz, pola súa banda, lévanos ao lago e ao xardín secreto da intimidade do espazo creativo da cineasta chilena. Rematamos con outro xardín que nos ofrece a mirada simple e trascendental de Bruce Baillie en All My Life.

Infinitely Yours, Miwa Matreyek

Pechamos esta edición dual cunha performance realizada directamente dende os Ánxeles que se verá asemade en Internet, na Fundación Luís Seoane e en distintos puntos da Coruña. Miwa Matreyek, artista que nos visitou no 2012, mestura no seu traballo o abraio do protocine (a través da idea das sombras chinesas) co último da tecnoloxía dixital. Nas performances de Matreyek a súa propia sombra é a protagonista, atopando xeitos sorprendentes de interactuar con animacións, mappings, retroproxeccións e outras técnicas ilusionistas en coidadosa coreografía cunha banda sonora composta especialmente para elas. Desta vez, Infinitely Yours tráenos unha sorte de ópera en miniatura sobre o desastre ecolóxico mundial, non sen unha nota de esperanza coa que encararmos este futuro incerto.

PUBLICACIÓNS RECENTES