Helena Girón e Samuel Delgado protagonizarán o foco Sinais do (S8)

Mai 6, 2021 | Destacados, Novas

  • O festival fará un percorrido pola súa obra cun programa online e outro presencial, en sala de cine e guiado pola produtora Beli Martínez. Ademais, como broche final, os dous levarán a cabo unha film performance na cidade da Coruña.
  • A creación contemporánea de Galicia máis recente tamén estará presente na Mostra na sección Sinais en Curto da man de Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña sempre tivo a creación audiovisual galega como un dos piares fundamentais da súa programación e, nesta edición dual que se celebrará entre os próximos 28 de maio e 6 de xuño, tamén continuará a ser así. Grazas ao formato combinado con proxeccións na sala de cine e programación online adoptado pola Mostra nesta edición, a programación artellada arredor da obra de cineastas do país volverá ter este ano unha presenza dobre, favorecendo a internacionalización e difusión global da creación galega.

Nesta duodécima edición, o foco Sinais do (S8) estará adicado a un dúo creativo en profunda sintonía coa Mostra: a galega Helena Girón e o canario Samuel Delgado. No seu traballo conxunto combinan a investigación coa asociación de materiais e ideas en películas que dan conta dun fío subterráneo de subversión. O estudo dos mitos e do oculto -xunto ás implicacións políticas que isto agocha-, ou a relectura da historia partindo doutros prismas menos habituais son temas frecuentes na súa obra. Nesta edición do festival adicarémoslle un especial online no que coñeceremos os seus procesos creativos e veremos as películas Sin Dios ni Santa María, Montañas ardientes que vomitan fuego y Plus Ultra

Alén disto, os dous cineastas estarán presentes na Coruña durante a celebración da Mostra para levar a cabo unha performance e asistir ao programa que se lle adicará en sala de cine, cun posterior encontro co público conducido pola produtora das súas últimas pezas, Beli Martínez. Aproveitarán a ocasión para amosar tamén as primeiras imaxes da que será a súa primeira e esperada longametraxe, Eles transportan a morte.

Sinais en Curto: Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén

A sección Sinais en Curto convida unha vez máis a descubrir ou a facer repaso dalgunhas das pezas máis suxestivas feitas por cineastas de Galicia no último ano. Articulándose en torno ao contraste entre exteriores e interiores ou entre a colectividade e o illamento, nesta edición presentaranse películas asinadas por Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez Serén. Ademais da proxección en sala das súas obras máis recentes, cada un deles participará nun programa online a través do que se repasará a súa traxectoria e no que o público terá ocasión de descubrir e ver a fondo o traballo e as inquietudes deste grupo de creadores e creadoras.

Alberto Gracia. Partindo dunha sorte de desconcerto posmoderno, Alberto Gracia construíu unha filmografía que se podería describir como unha amálgama alucinatoria fabricada cos produtos e refugallos dunha sociedade saturada de imaxes. O desasosego, un peculiar sentido do humor e un radicalismo irredento percorren a súa obra, dende El quinto evangelio de Gaspar Hauser a La estrella errante, ata chegar á obra que terá a súa estrea en Galicia no marco do festival, Tengan cuidado ahí fuera.

Sol Mussa. É unha artista sen etiquetas: formada en Belas Artes, especialízase en pintura e recala no cinema como un medio de expresión máis co que experimentar. Os seus traballos audiovisuais son un híbrido entre este interese plástico e unha vocación etnográfica en primeira persoa, dende a que se produce un achegamento a temas como a migración e a precariedade laboral. Neste programa coñeceremos as inquedanzas detrás da súa obra, e veremos as súas pezas Ratatouille e Stockroom.

Xacio Baño. Tratando o cine como unha materia de infinitas posibilidades, este cineasta móvese libremente entre a ficción, a non ficción e a experimentación. Tendo a memoria como materia prima, o seu traballo procura todos os xeitos posibles de explorala, dende o familiar ata o colectivo. No marco do festival poderemos ver algunhas como Ser e voltar, que comeza como un retrato dos seus avós para tornar en intelixente ficción, e Augas abisais, onde o testemuño da súa avoa abre a porta a unha exploración heterodoxa e asociativa da memoria histórica.

Marta Valverde. A fluidez á hora de moverse entre disciplinas anima o traballo de Marta Valverde: ademais de asinar pezas audiovisuais monocanle (Blanco y fucsia e El tiempo suspendido), achégase ao traballo multipantalla, o live cinema, a fotografía, a instalación e os visuais para teatro e representacións escénicas. Como ela mesma sinala, os seus intereses diríxense cara á intimidade, a memoria e a autobiografía en obras que se expanden, tal e como ocorre en Blanco y fucsia, alén da pantalla. 

Eloy Domínguez Serén. Toda a filmografía deste director está atravesada por unha ollada curiosa a través da cal se relaciona cos lugares que habita, xa se trate de Suecia, Sahara ou Galicia. Nesta edición do (S8) achegarémonos a pezas que parten de derivas que desbordan o real de varios xeitos: a ficción oblicua que propón Rust a través dunha apocalíptica localización sueca; e o retrato sensorial que fai en Os corpos do transo do entroido galego, unha tradición pagá exaltada e delirante. 

PUBLICACIÓNS RECENTES