ESPECIAL SINAIS EN CURTO: ALBERTO GRACIA

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

Sinais en curto, sección na que recollemos unha escolma de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, vólvese desdobrar nesta edición: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas que forman parte desta selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e mailas inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na sesión en sala.

ALBERTO GRACIA

Partindo dunha sorte de desconcerto posmoderno, Alberto Gracia construíu unha filmografía que se podería describir como unha amálgama alucinatoria fabricada cos produtos e refugallos dunha sociedade saturada de imaxes. O desasosego, un peculiar sentido do humor e un radicalismo irredento percorren a súa obra, dende El quinto evangelio de Gaspar Hauser (as aventuras? en 16mm deste home lendario que medrara totalmente illado) a La estrella errante (viaxe lisérxica dunha vella gloria punk cunha paisaxe postindustrial de fondo), ata chegar á obra que hoxe presentamos, Tengan cuidado ahí fuera; de Canción triste de Hill Street ao vídeo doméstico, dos búnkers de guerra ao mundo do tuning e dos cemiterios de coches. O illamento e a apocalipse nun desacougante baile.

  • Tengan cuidado ahí afuera | Alberto Gracia, España, 2021, vídeo HD, 24 min.