ESPECIAL SINAIS EN CURTO: ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

Sinais en curto, sección na que recollemos unha escolma de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, vólvese desdobrar nesta edición: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas que forman parte desta selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e mailas inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na sesión en sala.

ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN

Pódese considerar que o motor do cine de Eloy Domínguez é a experiencia: toda a súa filmografía está atravesada por unha ollada curiosa a través da cal se relaciona cos lugares que habita, xa se trate de Suecia, Sahara ou Galicia. Neste especial de Sinais en curto presentamos dúas pezas que parten de derivas que desbordan o real de varios xeitos: por unha banda, a ficción oblicua que propón Rust a través dunha apocalíptica localización sueca; por outra, o retrato sensorial que fai en Os corpos do transo do entroido galego, unha tradición pagá exaltada e delirante. Dúas pezas nas que o protagonismo do son é esencial, e que nos serven para falar con Domínguez do seu cine e das vivencias detrás deste.

  • Os corpos | Eloy Domínguez Serén, España, 2020, vídeo HD, 11 min.
  • Rust | Eloy Domínguez Serén, España, 2016, vídeo HD, 14 min.