ESPECIAL SINAIS EN CURTO: XACIO BAÑO

Este contido online poderase ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) o 6 de xuño de 2021

Sinais en curto, sección na que recollemos unha escolma de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, vólvese desdobrar nesta edición: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas que forman parte desta selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e mailas inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na sesión en sala.

XACIO BAÑO

Tratando o cine como unha materia de infinitas posibilidades, Xacio Baño móvese libremente nas súas primeiras pezas entre a ficción, a non ficción e a experimentación. Tendo a memoria como materia prima, o seu traballo procura todos os xeitos posibles de explorala, dende o familiar ata o colectivo, en obras que se pensan a si mesmas. Neste especial que hoxe lle dedicamos presentamos dúas pexas que ben poderían compoñer unha especie de díptico: Ser e voltar, que comeza como un retrato dos seus avós para tornar en intelixente ficción, e Augas abisais, onde o testemuño da súa avoa abre a porta a unha exploración heterodoxa e asociativa da memoria histórica.

  • Augas abisais | Xacio Baño, España, 2020, vídeo HD, 25 min.
  • Ser e voltar | Xacio Baño, España, 2014, vídeo HD, 13 min.