BRUNO DELGADO RAMO

INGREDIENTES E PROCEDEMENTOS

Mércores 2 de xuño | 20:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

Aínda co curto tempo transcorrido dende as súas Bobinas ovinas (2018), a súa primeira película en super 8, Bruno Delgado Ramo acadou unha comprensión notoria da especificidade do cinema como medio, que se traduciu nunha serie de obras que, sen deixar de lado o aproveitamento sensual (e reflexivo) de elementos fotográficos coma a cor e maila luz, pensan dun xeito único este invento que temos entre mans. Se ben Delgado (que estudou arquitectura) conta cunha filmografía previa en vídeo dixital onde o autorreferencial se prodiga máis dende o que se coñece como “metacine”, é noutras facetas do seu traballo onde se poden ver indicios do corazón da súa maneira de proceder: por exemplo, en accións coma a realizada coa súa maqueta da catedral de Málaga, que logrou situar dentro do rexistro de Google Maps; a súa Fotocopia 1:1 del Guernica (aquí entra ademais un elemento cinematográfico: a reprodutibilidade técnica da imaxe); ou Make It Make It Make It Again (The smell of bananas), itinerario con subtítulos, voz e música (en colaboración con Ignacio de Antonio Antón), onde entra en xogo o elemento espacial e onde se apuntan algunhas das preocupacións sobre as que seguiría traballando na súa máis recente obra performativa en torno á proxección cinematográfica. Delgado, ademais, tamén conta cunha serie de publicacións impresas autoeditadas que son parte coherente deste corpus.

No tocante ao cinema, Una película en color (que puidemos ver no (S8) 2019) abriunos a porta a un modo de pensamento cinematográfico singular, composto de xestos mínimos (e abraiantemente poderosos) arredor dunha idea: relacionar o cubículo que é o espazo dunha habitación (unha “cámara”) co cubículo que é o interior dunha cámara de cine. Unha película montada en cámara (nunca mellor dito), e filmada na súa totalidade dentro da súa habitación sevillana, chea de finas asociacións nas que a recorrencia do cotián acaba por construír un sistema propio que (parafraseando de memoria o filme) vai cobrando forza a medida que avanza. Cada procedemento fai referencia ao cine de diversas maneiras, e a un microcosmos no que un adhesivo de froita, unha páxina dun libro de gravados, un anaco de película ou unha listaxe de sinónimos funcionan como se se tratase de engrenaxes, arandelas e parafusos dun proxector ou dunha cámara.

O programa que hoxe lle dedicamos ábrese cunha Sugerencia de presentación: o público faise consciente, nada mais entrar na sala, de como funciona isto das proxeccións de cine. A continuación veremos a súa película máis recente, Aguas Bravas (en colaboración con Paula Guerrero), un cartucho de cor montado en cámara: “une partie de campagne” das consideracións das que vimos falando aquí). Spinoza/Ongodist introduce un elemento máis no traballo de Delgado: o son, que grava empregando tamén a cámara de super 8 e cartuchos caducados de Kodachrome sonoro (procedemento que xa empregara noutra das súas películas, Locations). Estes anacos de película sonora, non revelados, móntaos xunto a fragmentos con imaxe filmada, facendo referencia a outra particularidade da proxección: o que vemos non está en sincronía co que ouvimos (o lector do son do proxector non está xunto á abertura a través da cal se proxecta a película, senón uns fotogramas por detrás), co que hai breves superposicións de son e imaxe. Pecha este primeiro bloque do programa Un baile con Fred Abstrait, colección de bobinas da mesma serie ca Una película en color. Nesta montaxe de bobinas queda patente o set de regras que Delgado dispuxo antes de comezar a filmación, unha serie de parámetros que foi abandonando a medida que avanzaba. Unha película na que se pode ver tamén un particular sentido do humor (presente en toda a súa obra) que aquí roza o slapstick vía Jerry Lewis.

A segunda parte da proxección ocúpaa unha selección de bobinas de kino~okno, proxecto desenvolvido na segunda metade de 2020 en Sevilla, e que continuaba coas investigacións que Delgado iniciara no seu Traballo de Fin de Grao en torno á relación entre a ventá arquitectónica e o cine. Estas bobinas forman parte do conxunto de prototipos do Gabinete kino~okno (que foron compostas, ademais, de de proxeccións intervidas, publicacións e instalacións), nos que traendo á fronte o aspecto optomecánico do cinema se reflexionaba en torno á ventá, “o oco na parece”, e as súas derivacións relacionadas co cinema: da abertura da cámara e o proxector, á propia idea de espectáculo de luz que tanto unha coma outro ofrecen. Pecha a sesión Sugerencia de continuidad, unha peza que incita á asistencia á sesión na que afondaremos no lado performativo da súa obra (ver Desbordamientos) a través dunha alusión directa ao acto da proxección.

SUGERENCIA DE PRESENTACIÓN | Bruno Delgado Ramo, España, 2021, proxector de super 8, mesa Karva, brazos de rebobinado e foco, 10 min. 

Comeza a proxección, polo seu verdadeiro principio. Desarticúlanse as convencións dunha presentación de cine, déixase ao público ver os seus elementos técnicos desarmados, aluméase o proxeccionista.

SPINOZA/ONGODIST | Bruno Delgado Ramo, España, 2021, super 8, 11 min.

Spinoza/Ongodist achégase á figura de Baruch Spinoza como puidor de lentes, filósofo e comerciante de froitos secos. Todas elas cousas que se poden ver nesta película, do vermello ao azul e a través de distintos xestos, a partir da visita á que fora a casa do filósofo en Rijnsburg, hoxe convertida en museo.

 

UN BAILE CON FRED ABSTRAIT | Bruno Delgado Ramo, España, 2020, super 8, 25 min.

Podemos dicir que esta película é a “precuela” de Una película en color: pertence ao grupo de bobinas filmadas partindo da idea accionada polo libro Viaxe ao redor da miña habitación (1974), do escritor francés Xavier de Maistre, de filmar unha película montada en cámara na súa totalidade sen saír dunha habitación de 12 metros cadrados e 15 de perímetro. Un proxecto que comezou cunha serie de regras e premisas, e que se articula en torno á luz, á cor e á cámara de cine (que aquí se equipara á “cámara” arquitectónica, a habitación).

*Interludio* selección kino~okno | Bruno Delgado Ramo e VV.AA., España, 2020-2021, super 8, 21 min.

Unha das accións do gabinete kino~okno consistiu na filmación, eminentemente de ventás, usando unha cámara rusa de super 8 marca Quartz “preparada”. Trátase dunha cámara robusta e espartana á que se lle quitou o obxectivo para deixar o proceso de filmación no seu grao cero. Estas cámaras (pois había varias iguais) foron entregadas a diferentes persoas implicadas no proxecto. Aquí presentamos unha selección destas bobinas, os kino~okno 2, 7, 8, 23 e 24, nos que cabe dende un “noticiario” das actividades do Gabinete no Convento de Santa Clara, a unha ventá na Costa Oeste de El Puerto de Santa María.

SUGERENCIA DE CONTINUIDAD | Bruno Delgado Ramo, España, 2021, super 8, 4 min.

Unha película sonora en super 8 dunha persoa que enfía un proxector por primeira vez.

AGUAS BRAVAS | Bruno Delgado Ramo, Paula Guerrero, España, 2019, super 8, 3 min.

Unha única bobina montada en cámara, filmada no río Júcar, en Cuenca. O movemento das augas compasa o movemento dos corpos e mais dos varridos, a fita de película vaise estendendo dentro e fóra da cámara.