JAMES EDMONDS
A PEGADA SOBRE O SOPORTE
Xoves 3 de xuño | 16:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta
Unha pegada é un trazo peculiar e distintivo que unha persoa deixa nas obras que produce, así coma a pegada que deixa tras de si unha cousa ou suceso. Na obra de James Edmonds, esa pegada plásmase en diversos soportes (na fita de película de cine, nos lenzos sobre os que pinta) e de diversos xeitos. Para comezar, atópase na singular maneira na que o diarístico e o pictórico se mesturan nos seus filmes. Atendendo a outra faceta do significado, é a pegada que imprime a luz dos seus días na película. As súas pinturas, pola súa banda, deixan a súa marca nas películas, creando ecos e contrapuntos de forma e cor a través da montaxe. Todo un ecosistema cíclico que parece poñerse en marcha grazas ao sol que entra por unha ventá.
De orixe británica e cunha formación en Belas Artes, James Edmonds vive e traballa dende hai anos en Berlín. A súa obra, como comentabamos, esténdese tamén pola pintura e a instalación. Este programa (que se complementa na sesión de Desbordamientos, onde veremos tres dos seus filmes en proxección “expandida”) abre con After Hours e Inside/Outside, películas impregnadas por unha indagación en torno ao que significa construír un espazo físico a través do cinema. A silandeira After Hours amósanos o que se intúe como un centro educativo baleiro, nun estudo de como a luz natural e artificial entra e sae do edificio a diferentes horas do día, xogando un papel protagonista dentro do contexto deste non-lugar impersoal e simplemente funcional. Hai un lugar especial para a penumbra, , para eses momentos de limiar entre a claridade e maila escuridade. Inside/Outside é, como el mesmo explica, “unha arquitectura ficticia”, na que a montaxe unifica espazos distantes xeograficamente, pero próximos emocionalmente. Xusto este “dentro/fóra” ao que alude o título tórnase, ademais de nunha reflexión en torno a como filmar diferentes espazos e como esas imaxes se relacionan entre si, nunha “metáfora e resonancia experiencial do mundo interior e exterior propios”.
Se ben estas películas xiraban en torno a motivos delimitados, é en Movement and Stillness onde veremos o principio dun xeito de facer cine máis relacionado co principio de “caza-recolección” (palabra empregada por Nathaniel Dorsky para referirse ao seu método) de fragmentos e motivos, en películas que son como cadernos de apuntes ao modo do Notebook de Menken ou das películas de Tait. Movement and Stillness apela, por exemplo, ao movemento do quedo (que tamén evoca o paso do tempo): nun plano fixo, no que nada se move, a luz escintila, a brisa move levemente as follas dunha planta, as nubes, a néboa ou o vapor pasan a través da ventá, un conxunto rápido de planos fixos crean movemento ao seren proxectados. As ventás son quizais o motivo máis recorrente deste filme (que recorda, por momentos, a Kaskara, de Dore O.): é a través delas que se ve a vida pasar e por onde nos chega a luz, dúas afirmacións que tamén podemos aplicar ao cine.
Overland é probablemente unha das súas películas máis complexas e máis relacionadas (dende ese principio do persoal) coa pintura. Por exemplo, a través da súa primeira sección, que xoga coa xustaposición de motivos e cores. Planos dunha fonte, unha planta ou unha ventá son montados en rítmica sucesión con anacos de fita que enchen de diferentes cores sólidas a pantalla. O ollo vaise impulsando así a través dos contrastes cromáticos e da asociación de motivos xeométricos e patróns entre uns planos e outros. Tras unha parte máis sosegada e cotiá, onde o autor experimenta co resultado a nivel cromático e de textura de filmar con diferentes emulsións, a sección final xoga na montaxe coas súas propias pinturas, levando os seus motivos abstractos á realidade a través de reservas, espellos e “collages” creados para a cámara, para desembocar en fragmentos nos que pinta directamente sobre a fita de película. Achados todos que unifica na coda do filme.
Vimos falando ata agora de películas realizadas en super 8, unha ferramenta que ten as súas vantaxes e inconvenientes. A Return, pola súa banda, está filmada en 16mm, o que engade outros modos de funcionamento ao seu cine, abrindo posibilidades coma as superposicións feitas en cámara. A Return tamén supón un cambio de tempo, concentrando de xeito máis escintilante e intenso os intereses de Edmonds. A conxugación de dous espazos distantes (o seu Reino Unido de orixe e a súa Alemaña cotiá) rexorde aquí, xunto co rexistro de experiencias e recordos, pequenas explosións internas (en forma de breves ramalletes de imaxes, en ocasións filmados cadro a cadro) e o entretecido de formas e estruturas da realidade coas súas pinturas (onde a superposición dá lugar a fascinantes resultados).
Seasons/Patterns e Configurations, as súas dúas películas máis recentes, son filmes nos que cobra protagonismo algo que atravesa toda a súa obra, o paso do tempo e o rexistro autobiográfico, que parecen xurdir da revisión e da reflexión en torno ao material propio. Seasons/Patterns constrúe así un delicado estudo da luz ao longo das estacións, e das emocións e experiencias propias de cada unha delas; Configurations, pola súa banda, basea a súa estrutura no contrapunto de formas e cores, e puntos de luz dentro do encadre, nunha montaxe libre e colaxística, case musical.
Cerramos cunha breve nota sobre o son dos seus filmes. Do mesmo xeito que en moitos deles o compilado se mestura co creado (o rexistro cotián coas pinturas, por exemplo), nas súas bandas sonoras mestúranse gravacións de campo e delicados momentos musicais ou paisaxes sonoras manufacturadas. Dende esa onda que nos arrastra en A Return, ata o espírito casual de Configurations cos seus sons cotiáns e os momentos de improvisación captados con viveza.
AFTER HOURS | James Edmonds, Reino Unido, 2005, super 8, 7 min.
Filmando con película de 8mm e facendo gravacións de campo en cinta de casete, os patróns de luz e son rexistrados trasládannos a un plano lo-fi de serenidade onírica, silencio e incerteza dende o que explorarmos o paso do tempo a través do estudo de espazos institucionais baleiros. Os espazos transitorios destes edificios mundanos pero impresionantes revélanse como unha realidade obsoleta de ideais esquecidos; resonancias que quedan impregnadas na propia materialidade da película. (James Edmonds)
INSIDE/OUTSIDE | James Edmonds, Alemaña, 2008/2015, super 8, 6 min.
Unha arquitectura de interiores e exteriores ficticios creada a partir de observacións intuitivas a través do obxectivo da cámara. A xustaposición de ambos espazos funciona como metáfora e á vez como eco experiencial dos mundos internos e externos do ser. Ao mesmo tempo, a película documenta, case ás agachadas, a experiencia de vivir a cabalo entre dous lugares. (James Edmonds)
MOVEMENT AND STILLNESS | James Edmonds, Alemaña, 2015, super 8, 11 min.
Momentos de contemplación pausada, variacións luminosas que van dende intensas escintilacións ambarinas ata grises difusos e se asoman, de xeito intermitente, ás ventás dun mundo interior. Unha película sobre chegar á casa; imaxes arquetípicas nas que o eterno e o transitorio se dan cita. Reflexións tranquilas que dan paso a viaxes nunha interminable procura de formas que paguen a pena. Capítulos persoais feitos de collage e refugallos. (James Edmonds)
OVERLAND | James Edmonds, Alemaña, 2016, super 8, 22 min.
Estruturada en tres partes, Overland evoca unha enigmática paisaxe de formas, substancias, criaturas e recordos. Unha película en cor filmada en super 8 ao longo dun ano e montada manualmente a modo de collage con materiais biográficos.
A RETURN | James Edmonds, Alemaña, 2018, 16mm, 6 min.
Regresar de novo. Volvérmonos atopar é, quizais, o obxectivo destas visitas. A xeografía das orixes convértese en catalizador dun reencontro interno co secreto, o privado, o non dito do propio ser. Un albiscar entre capas, un escorregar de planos de ventás e de tempo, o xesto fragmentario da danza. Unha serie de veloces contrastes, unha síntese da experiencia elemental e cotiá. Estruturas que se transforman e se entretecen: dous mundos que se tornan un. (James Edmonds)
SEASONS/PATTERNS | James Edmonds, Alemaña, 2020, super 8, 10 min.
A carne do tempo, febras do presente no seu continuo encarnarse e esvaecer. Un carrete por cada estación, expostos entre 2016 e 2017. As flores como leitmotiv favorecen certa percepción de unidade en cada estación: a película reflexiona sobre as sensacións que deixan tras de si as súas presenzas pasaxeiras. (James Edmonds)
CONFIGURATIONS | James Edmonds, Alemaña, 2021, 16mm, 8 min.
Lugares distantes, estacións, persoas queridas, interiores e exteriores naturais, luces, sombras e pinturas, cores e composicións. Un rico ramallete de motivos que Edmonds organiza aquí en intuitivas configuracións, en analoxía e contraste, onde as emocións e recordos se funden cunha singular concepción formal do cinema.