HELENA GIRÓN E SAMUEL DELGADO

O MUNDO SUBTERRÁNEO

Sábado 5 de xuño | 16:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

En 2015 unha misteriosa película aparecía sobre a face da Terra: Sin Dios ni Santa María. Na súa granulosa textura, que parecía marcada polo paso do tempo, abríase unha fenda que descubría unha capa oculta da realidade. O inquietante relato que a acompañaba semellaba unha psicofonía.

A película asinábaa “La banda negra”, nome baixo o cal levaba a cabo a súa actividade o dúo artístico formado por Helena Girón e Samuel Delgado, que se converteron dende ese momento en parte da escena cinematográfica internacional. Esta denominación de “La banda negra” dános algunhas pistas sobre quen son: trátase dunha apropiación do espírito punk do nome dun grupo parapolicial, activo entre 1919 e 1920 e financiado por empresarios cataláns, que prestou en ocasións “servizos especiais” como parte dunha guerra sucia contra a CNT. Este afán de desenterrar submundos e loxas a medio camiño entre o taumatúrxico e o subversivo é algo que percorre e anima de varios xeitos a súa obra.

A devandita Sin Dios ni Santa María, por exemplo, toma como punto de partida a relectura histórica da figura da meiga, investigación que os levou, entre outros, a textos coma Calibán y la bruja, de Silvia Federici, unha análise que desenterra a dinámica de expropiación social dirixida ao corpo, os saberes e a reprodución das mulleres durante séculos. A este texto precédeno o ensaio sobre as bruxas de Michelet, o colectivo feminista radical estadounidense dos setenta W.I.T.C.H. (Conspiración Terrorista Internacional das Mulleres do Inferno), e revistas coma Sorcières, fundada en 1975, na que colaboraron mulleres como Marguerite Duras, Hélène Cixous e Julia Kristeva. A inspiración común nace dun intento por investigar as nada inocentes raíces da queima de bruxas: “No século XIV a Igrexa declara que se unha muller se atreve a curar, é unha bruxa e polo tanto debe morrer”. A protagonista das imaxes da película é a avoa de Delgado, na remota aldea lanzaroteña de Ye; asistimos á rutina dunha muller maior no rural. O material, rodado en 16mm e revelado a man de xeito artesanal, leva a pensar nun documento oculto e exhumado. O son, procedente duns deteriorados rexistros en fita da voz de varios pastores, realizados polo antropólogo Luis Diego Cuscoy nos anos sesenta, acaban de dar forma a esta impresión. Todo grazas á proverbial potencia da montaxe e á aliaxe de son e imaxe, poderosas ferramentas do cinema, que Girón e Delgado empregan aquí para os seus “escuros” propósitos.

Esta inmersión no “outro lado” lévaos ata a súa seguinte película a través dun tubo volcánico: o que conecta as localizacións de Sin Dios ni Santa María coas de Montañas ardientes que vomitan fuego. O afán de Girón e Delgado de, pola súa banda, conectar imaxes, sons e ideas de diversas naturezas, parte aquí das investigacións do erudito do século XVII Athanasius Kircher, plasmadas no libro Mundo subterráneo, no que aventuraba a existencia dun túnel volcánico subterráneo que interconectaba o mundo. Vasos comunicantes que se tornan no filme en pasaxes entre diferentes planos temporais, vía pola que Girón e Delgado chegan ás lendas de resistencia dos habitantes orixinais das illas Canarias, atrincheirados en covas subterráneas fuxindo dos traficantes de escravos, covas que tamén servirían como refuxio para maquis e pastores. A través dun tempo actual retratado en 16mm, cargado cunhas imperfeccións do revelado que riman coas rugosidades milenarias das cavidades volcánicas rexistradas cunha cámara analítica en HD, vaise tecendo unha historia de resonancias entre distintas insurreccións e resistencias, un relato rematado por tres fotografías que remiten aos pastores canarios, as revoltas e as erupcións volcánicas que sacudiron a illa.

Ábrese así outro túnel cara á terceira peza desta “triloxía”, Plus Ultra. Os tempos de piratas e traficantes de escravos propúlsannos cara á época da conquista das illas Canarias (unha sorte de “ensaio” do que logo sería a conquista de América, nos tempos do gran imperio español). Isto provoca en Girón e Delgado un enfrontamento máis directo coa ficción, pasando da narración oblicua de Montañas ardientes que vomitan fuego a un relato sucinto e despoxado dun episodio relacionado con ese acontecemento (no que tamén se desposuíu a un pobo enteiro), e que tamén conecta co seu primeiro filme a través da presenza de dúas mulleres, probables “bruxas”, no filme. Plus Ultra será así unha primeira aproximación ao traballo que constitúe o punto de partida do que será a súa primeira longametraxe, aínda en desenvolvemento, co nome Eles transportan a morte.

Esta triloxía que aquí describimos constituirá o núcleo do foco que hoxe lles dedicamos, nunha sesión na que falarán dos seus procesos de traballo e do seu próximo proxecto. Este programa completarase cunha performance e mais cun especial Sinais online, unha extensa entrevista que nos levará ao corazón deste fascinante “mundo subterráneo” polo que nos arrastran Girón e Delgado da man das súas palabras e mais das súas obras.

SIN DIOS NI SANTA MARÍA | Helena Girón e Samuel Delgado, 2015, 16mm a vídeo HD, 11 min.

Ao non haber avións, a xente viaxaba a outras terras mediante pregarias e tornaban cedo, antes do abrente. En antigas gravacións sonoras, as voces dos pastores falan dunha existencia mítica, de bruxas e mais de viaxes. Na cotiandade dunha muller materialízase a maxia dos seus relatos ao tempo que se espera a chegada da noite. A noite é o momento no que as viaxes se fan posibles.

MONTAÑAS ARDIENTES QUE VOMITAN FUEGO | Helena Girón e Samuel Delgado, 2016, 16mm a vídeo HD, 14 min.

O interior da terra convértese nun refuxio fronte á ameaza que se aproxima á illa. Os tubos volcánicos actúan como vasos comunicantes entre espazos e tempos. Neles experiméntase a resistencia.

PLUS ULTRA | Helena Girón e Samuel Delgado, 2017, 16mm a vídeo HD, 13 min.

Plus Ultra é o lema do Estado español, co que se afoutaba os navegantes a conquistar novas terras esquecendo a advertencia da mitoloxía grega: Non Terrae Plus Ultra (Non existe terra máis aló). Canarias –banco de probas das tácticas empregadas na colonización de América– convértese en escenario dunha fábula sobre o territorio.