A duodécima edición do ( S8) 2021 dará comezo este venres coa cooperación internacional como un dos seus obxectivos principais

Mai 25, 2021 | Destacados, Novas

  • O festival, que se celebra entre o 28 de maio e o próximo 6 de xuño na Coruña, proxectará case 130 pezas procedentes de países como Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Canadá, Chile, EEUU, Suíza, Xapón, España, Francia, Italia, México ou Reino Unido.
  • Desde este venres 28 de maio estará dispoñible a opción de retirada de entradas para as sesións presenciais e a programación en liña ao completo en aberto, todo na web do festival.

A duodécima edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presentouse en rolda de prensa esta mañá na Domus da Coruña coa presenza José Manuel Lage, concelleiro de Economía,  Facenda e  Réxime Interior e portavoz  do  Goberno municipal; Xurxo Couto,  deputado de cultura da  Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC; Isabel Izquierdo  Peraile, directora de Programación de Acción Cultural Española; e Ángel Rueda, director do (S8)  Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.

Lage quixo aproveitar a ocasión para celebrar que “a cultura é algo vivo, é economía, compromiso e tamén fundamental para a identidade dun pobo” mentres que Couto puxo o foco na calidade da programación do evento ao definir ao (S8) como “un festival que é unha referencia internacional e aposta pola vangarda e a calidade cada ano fusionando o visionado de películas con outras experiencias”. Sutil, pola súa banda, falou sobre a comunidade que se crea neste tipo de certames, resaltando o bo facer da organización “nestes tempos de incerteza” e lembrando a colaboración da  Filmoteca de Galicia (antes  CGAI) ao ser unha das sedes da  Mostra. Isabel Izquierdo asegurou debullou a tripla colaboración de Acción Cultural Española coa  Mostra nesta edición: a través dun programa dobre ao redor da figura de  Val del Omar, a través do seu programa para a internacionalización da Cultura Española  PICE na súa modalidade de visitantes e por medio do programa de residencias  BAICC, que abre este ano xa a súa quinta convocatoria.

Ademais, a organización do festival aproveitou o acto para desvelar os últimos contidos da programación para esta nova edición, na que a  Mostra volve con renovadas forzas á sala de cinema á vez que mantén o seu formato dual, ofrecendo tamén unha extensa programación en liña de vocación divulgativa. 

Tal e como destacou o seu director, Ángel Rueda, “o (S8) contará con varios programas temáticos, como a presentación ao redor da vangarda italiana dos anos setenta que traerán ata A Coruña  Giuseppe  Spina e  Giulia  Mazzone do Circuito  Nomadica, un dos axentes máis relevantes do cinema experimental en Italia”, e no que estarán incluídos nomes como os de  Marinella  Pirelli,  Gianfranco  Brebbia e  Piero  Bargellini. O festival contará tamén cunha carta branca ao redor da colección de  Sixpackfilm, a mítica cooperativa e distribuidora de cinema experimental  austriaca.  Dietmar  Schwärzler ha  comisariado para a ocasión un programa en torno ao corpo, con cineastas e  performers como Mara  Mattuschka,  Hans  Scheugl e Maria  Lassnig, entre outros. 

O programa didáctico do (S8), pola súa banda, móvese por distintos camiños. Nesta edición haberá un espazo dedicado a unha conferencia ilustrada do cineasta francés Jean-Claude Rousseau  comisariada por Francisco  Algarín Navarro e Carlos  Saldaña), na que el mesmo ensinará e comentará algunhas das obras que máis influíron o seu traballo. O festival tamén abre un espazo dedicado ao ensino académico do cinema experimental, no que se poderán ver varios traballos producidos desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e iniciarase unha conversación entre esta e a Facultade de Belas Artes de Cuenca.

Ademais, o (S8) renova o seu compromiso coa cidade a través do seu programa  Xpresa, impartindo talleres a colectivos vulnerables como os que defenden as asociacións  Asperga,  ADCOR e o Centro de Menores de San José de Calasanz. Finalmente, a  Mostra amplía este ano a súa oferta a centros de ensino públicos de toda Galicia cun programa que achega a proposta do festival ao público novo, promovendo valores como o medio ambiente e a sustentabilidade desde a mirada dos máis pequenos. 

A Mostra como punto de creación e asesoramento de proxectos

A  Mostra continuará tamén colaborando coa Fundación Luis Seoane a través do programa de asesoramento de proxectos  INPUT, no que tres profesionais destacados do mundo do cinema –Mariana  Hristova, crítica de cinema, xornalista cultural e programadora búlgara;  Chiara  Marañón, directora de Contido en  MUBI; e Pablo  Useros, director e fundador de Máster  LAV, Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea-, asesorarán os proxectos  fílmicos en desenvolvemento de Lucía Vilela, Luis  Lechosa e Miguel Rodríguez Pérez.

Unha conexión co fomento á creación (con especial fincapé nos formatos analóxicos) que tamén prosegue a través do programa de residencias  BAICC, que abre desde hoxe mesmo e  ata o próximo 25 de setembro a súa quinta convocatoria, e no que o (S8) une forzas con Acción Cultural Española e a  Liason  of  Independent  Filmmakers  of Toronto. 

E ademais…

  • Todos os programas en liña estarán dispoñibles e en aberto durante a celebración do festival.
  • A Mostra conta con arredor de 130 piezas a proxectar.
  • Películas procedentes de 15 países (Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Canadá, Chile, EEUU, Suíza, Xapón, España, Francia, Italia, México, Reino Unido).
  • José Val del Omar será a figura central desta edición, na que se articulou un programa destinado á difusión internacional da figura do artista granadino a través de tres vías: un programa dobre, un especial en liña e unha conferencia con expertos na súa obra.
  • A programación reunirá na Coruña a cineastas veteranos con novos talentos, como sucederá coa cineasta alemá Deborah S.  Phillips, o británico James  Edmonds, o xaponés  Tomonari  Nishikawa ou o sevillano Bruno Delgado Ramo.
  • Helena Girón e Samuel Delgado protagonizarán o foco  Sinais do (S8). A programación galega compleméntase coa sección  Sinais en  Curto con Alberto Gracia, Sol  Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Domínguez  Serén.
  • Jodie Mack, Juan Sebastián Bollaín, Pablo Marín e David Domingo  formarán parte do que foi un dos contidos estrela da pasada edición do festival:  Camera  Obscura, sección inspirada en  Screening  Room, o programa de referencia nos anos 70 para a comunidade do cinema de vangarda.
  • Volve a filme  performance cos “Desbordamientos” á Fundación Luís Seoane.

Na súa aposta polo descubrimento de creacións auténticas feitas para gozar cos cinco sentidos, Cervezas Alhambra volve colaborar un ano máis co festival que forma parte de Momentos Alhambra. Así, a cervexeira converte esta sección “Desbordamientos” nunha oportunidade para  maridar as súas variedades coas mellores propostas artísticas e culturais. Por segundo ano consecutivo, a marca presta o seu apoio ao (S8) no marco do seu compromiso por impulsar a cultura e a promoción de experiencias únicas.

A duodécima edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación eSe8 co apoio de institucións coma o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA). Ademais, a invitación para a participación de Tomonari Nishikawa, Giulia Mazzone, Damien Sanville, Chiara Marañón, Dietmar Schwärzler, Giuseppe Spina, Mariana Hristova, Deborah S. Phillips e James Edmonds nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española ( PICE), na súa modalidade de Visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas, conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais e prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.

PUBLICACIÓNS RECENTES