JAMES EDMONDS. UN FOGAR DE XEOMETRÍA E POESÍA

Xuñ 3, 2021 | Artigos, Destacados

Un artigo de Mattia Fiorino publicado orixinalmente en Il tempo impresso (www.iltempoimpresso.com).

A Return é un filme que fai do retorno a súa razón de ser. A súa creación é, de feito, dada pola alternancia de metraxe de dous lugares diferentes cos que o director impresionou a película e que superpuxo de acordo a criterios que se poden definir como harmónico/musicais máis que como lóxico-sintácticos. Non é difícil ter a impresión de atoparnos fronte ao que Jonas Mekas chamou “glimpses of beauty”, aínda que hai diferenzas na maneira en que estes dous directores se relacionan cos seus persoais “glimpses”.

En películas como Reminiscences of a Journey to Lithuania, o suxeito (Mekas) é externo ao obxecto (a casa) e contémplao coa tenrura e a sinceridade propias do director lituano, que permanece en abstracto (a súa voz fóra do cadro é un claro exemplo) na idea mesma de usar o cine como unha folla en branco na que escribir sobre recordos e pensamentos. Aquí, entón, a súa vella casa é un fin, algo no que fixarse dende o exterior. En A Return, por outra banda, o director está no interior e mira cara a fóra, a súa mirada proxéctase dende a casa cara ao exterior, cara ao que existe alén da ventá; a estetización tamén é dada pola forma, non “atribuída” polo contido. Noutras palabras, a estética dos “glimpses of beauty” de Edmonds difire da de Mekas na vontade de ensamblar “glimpses” poeticamente intensos a priori e non facelo por medio de algo que estea ligado a eles (no caso do segundo director, pola conciencia da súa posición respecto do que filma, dada polos famosos escritos que aparecen nas súas películas e pola súa práctica de “poetizar” recordos e pensamentos). Os lugares de A Return transmiten (mediante o seu intercambio e combinación) a calidez e a beleza dun niño, as caras dos seres queridos, animais, árbores, ceos: todo é un fogar, todo é unha representación atmosférica de pertenza e proximidade.

A relación entre os dous lugares nos que se filmaron os fragmentos da película é interesante como alternancia e superposición de dous macro-aspectos da imaxe: o xeométrico-lineal e o pictórico-sfumato. O que de feito diferencia as dúas localizacións é a elección do director de reproducir elementos estruturais e elementos naturais na transición de Berlín ao sur de Inglaterra, entretecelos e crear formas completamente novas, agora angulares, agora curvilíneas, finalmente fundidas para crear unha nova casa. Este (re)aliñamento de imaxes non é máis ca unha mestura de suxestións sedimentadas en recordos, un proceso común que ten que ver coa memoria e que leva á reelaboración (claramente distorsionada) dun lugar que non é o que realmente é, e que ao mesmo tempo é o que é (a verdade poética da memoria consiste precisamente na súa opacidade).

A ollos do artista o mundo é exactamente o lugar no que traballa, coas súas regras e esquemas persoais. Volvendo á comparación Mekas-Edmonds é posible aclarar máis a cuestión relativa á súa percepción das cousas que se atopan ao seu redor. O primeiro observa o mundo dunha maneira completamente natural (onde “natural” significa a representación mecánica dada pola cámara) e non obstante (velaquí o fermoso paradoxo do cineasta) dá ao espectador unha visión extremadamente única e persoal, modulada e artisticamente formada tras da filmación e antes do filme rematado; o segundo parte dunha visión que se realiza no mesmo fotograma, creada por el no momento de filmar, poética na súa plenitude e realizada na sinfonía que se pon en escena na película rematada. Pódese dicir, quedando na esfera musical, que o cinema de Mekas está composto de cancións e o de Edmonds de pezas instrumentais.

A expresión máis completa desta idea musical da película é quizais a decisión de usar como banda sonora un río que desemboca no mar, unha das máis poderosas secuencias, que se pode pensar en relación á idea de superposición e ao natural entretecemento de imaxes: é precisamente así como os fragmentos da película se suceden os uns aos outros, de acordo a unha lóxica puramente instintiva e “natural”, como se as imaxes se atraesen entre si e a tarefa do director fose soamente satisfacer esa tensión/atracción. O regreso á casa é, neste caso, unha viaxe que non é física (como se dixo da posición do director respecto dos lugares filmados; óllao todo dende o interior. Xa está na casa, basicamente), mnemónico e evocador, no que as matemáticas e a poesía dialogan entre si e finalmente converxen: Mondrian e Kandinsky, Ghilberti e Brunelleschi, Policleto e Fidias, Bach e Händel. A Return é unha sinfonía de “dous mundos que se funden”.

PUBLICACIÓNS RECENTES