David Sherman e Rebecca Barten
Ofrecemos a continuación un texto dos primeiros en usar o termo “microcinema”, os fundadores do Total Mobile microCINEMA, que funcionou en San Francisco entre 1994 e 1998. Un aperitivo para o noso encontro “Micro is Big”, onde reuniremos as persoas á fronte dalgunhas das nosas salas de cine predilectas.
Despois de ler o X-Factor Manifesto, comecei a escribir unha recapitulación acesa e solidaria do “estado da cuestión”. Pero decidín que, en realidade, iso sería unha reiteración xuvenil de moitas ideas que alí xa estaban moi ben presentadas. No canto diso, falarei aquí en detalle do proxecto curatorial que iniciei para materializar un conxunto de preocupacións que se relacionan coa esencia dese manifesto nas súas motivacións.
Son cineasta experimental e teño 30 anos. O meu primeiro recordo político é a dimisión de Nixon, e fíxenme maior durante os tempos de Reagan e Bush. Non é estraño, logo, que non tivese un colchón de apoio financeiro para o meu desenvolvemento artístico. O que non se ten non se pode perder! Como cineasta ou videasta experimental, un sempre ten que lidar coa frustración que vén da inmaterialidade literal e cultural do medio. Este medio non pode existir como obxecto; o cinema e o vídeo precisan dun lugar para se activar. Un lugar é o contexto no que a desexada unión entre público e realizador se materializa durante un intre. A creación de “lugares” vitais de presentación, recepción e diálogo permite que os artistas medren e que se cree comunidade.
Durante os últimos anos, Rebecca Barten e mais eu sacamos adiante un pequeno cine de 25 localidades nun soto, chamado Total Mobile Home microCINEMA. Este proxecto comezou co desexo de crear un lugar íntimo para os cineastas. Ambos viamos a intimidade coma algo inherente ao noso medio e esperabamos que creando un ambiente moi específico, unha serie de obras esixentes puidesen ser vistas nun contexto non institucional mais con criterio. Moi rapidamente “funcionou”. Tras 120 proxeccións, con públicos de entre unha e 35 persoas, estamos seguros de que o financiamento non é necesario para a escala particular do que cremos que é un “éxito significativo”. O ambiente que creamos permite o diálogo e o debate en torno a traballos que van dende as sete horas de Our Hitler ata as primeiras bobinas de super 8 de cineastas novos. As proxeccións adoito funcionan case como seminarios onde se difunde información aínda que a “autoridade”, dependendo da composición circunstancial do público que se dea, cambia constantemente. Por suposto, o noso proxecto ten modelos históricos, dende cineclubs coma os Surrealists ou cooperativas coma as do movemento do New American Cinema nos sesenta, ata proxeccións domésticas espontáneas. Quizais foron esta clase de reunións as que nutriron a actividade artística e mantiveron viva a esperanza en tempos de apatía cultural.
No canto de preocuparnos por entrar en contradicións ideolóxicas para conseguir un quimérico apoio institucional, empregamos o noso precioso tempo simplemente en manter o noso espazo en funcionamento. En lugar de apoio oficial, recibimos unha serie de agasallos persoais: un proxector de vídeo obsoleto, equipo de 16mm, equipamento de son, equipos de iluminación, un xardín traseiro e ata un harmonio, todas doazóns de xente contenta de ver que se lles dá uso ás cousas. Fóra do financiamento do sistema somos marabillosamente libres. Só programamos as cousas que nos interesan; a nosa liña responde ao rigoroso enfoque de “a onde nos leve a nosa curiosidade”. O noso proxecto púxonos en contacto con artistas e con outros espazos pequenos de todo o mundo. Para a nosa satisfacción, vemos que hai unha serie de espazos que están a programar cinema experimental a unha escala pequena aínda que esixente, con pouco ou ningún financiamento. Entre espazos afíns coma o Orgone Cinema en Pittsburgh; Inst’tute en Austin; Theatre Kino en Sapporo; Edison Electric en Vancouver; Other Cinema en San Francisco; Scratch en París; e o Exploding Cinema en Londres, hai consenso en que o noso público ten ganas de intimidade.
O noso público é unha selección multixeracional que vai dende xente moi nova que está afeita a espazos en sotos ata xente moi vella e consolidada (por exemplo Sidney Peterson, que aos seus 92 anos estaba moi contento de ter un “salón”). Este impulso por buscar e experimentar unha alternativa dá como resultado un grupo de xente que (polo xeral), non quere ser cegamente entretida. Isto non quere dicir que “se o fas xa virán”; todos asumimos algún fracaso TOTAL de vez en cando.
Persoalmente, o que foi esencial para min é a miña propia participación en moitas liñas de traballo dentro de contextos diferentes aínda que complementarios. Todo o que fago, traballar como distribuidor de cinema experimental, dar clases, xestionar un cine e facer as miñas propias películas, conduce a unha aterradora reverberación cruzada. As conexións xeradas grazas a traballar en contextos múltiples propulsan o artista cara a novas situacións nas que é chamado para asesorar e dirixir recursos culturais. Os cineastas experimentais que traballan en institucións artísticas, a industria ou a reprografía DEBEN aproveitar o que teñen, usar todos os seus recursos e inxectar complexidade aos produtos do seu traballo. Sobre todo os artistas non deben desmoralizarse por seren “pouca cousa”; as sementes pequenas MEDRAN, pero pensar que por forza teñen que medrar déixanos paralizados esperando a que algo “grande” apareza.