ENCONTROS PROFESIONAIS

INPUT

INPUT é un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o cal tres autoras terán acceso a tres profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e a arte cos que poderán discutir os seus proxectos, que poden estar quer en estado de escritura e desenvolvemento, quer xa en estado de distribución.

TITORAS

Lur Olaizola Lizarralde
Lur Olaizola Lizarralde (Donostia, 1988) é programadora de cinema e cineasta. Desde 2015 é a coordinadora do programa audiovisual de Tabakalera, Centro Internacional de Cultura Contemporánea de Donostia, onde comisariou, entre outros, o foco Desde el principio. Historias de cine feminista, con programas en Tabakalera e Artium. En 2017 comisariou a primeira retrospectiva de José Val del Omar en Nova York, nos Anthology Film Archives. Como cineasta dirixiu tres curtametraxes, Xulia (2019), Zerua blu (2020, Gran Premio Zinebi do Cinema Español 2020) e Hirugarren koadernoa (Tercer cuaderno), estreado en Cinéma du Réel. En 2021 foi seleccionada para o programa Berlinale Talents. Desde 2020 é profesora da Elías Querejeta Zine Eskola. É parte do comité de selección do festival Punto de Vista. 

Vanja Milena Munjin Paiva
Vanja Milena Munjin Paiva (Santiago de Chile, 1987) é investigadora, crítica e programadora de cinema. Forma parte do comité de selección do Festival Internacional de Cine de Valdivia (Chile) e colabora na área de programación de CineMigrante (Arxentina). En 2018 fundou e programou o Cineclub Proyección en Santiago de Chile e en 2019 presentou Paisajes Críticos. Vídeo y cine experimental latinoamericano na 14.ª Bienal de Artes Mediales, curada canda Carol Illanes. En 2021 foi cocuradora de Fabulación de archivo. Rastros de una opacidad en CineMigrante canda Almudena Escobar e Florencia Mazzadi e foi a programadora convidada do seminario portugués Doc’s Kingdom baixo o título O movimento das coisas. Como crítica participou en Talent Buenos Aires 2018 e Locarno Critics Academy 2021 e colaborou en numerosas publicacións, así como nos libros Cuadernos de crítica 01. Un nuevo mapa latinoamericano e Estéticas del desajuste. Cine chileno 2010-2020

Concha Barquero
Concha Barquero (Málaga, 1975) é cineasta, docente e programadora. Desde o 2001 forma tándem creativo con Alejandro Alvarado. Dirixiron distintas curtametraxes e longametraxes no ámbito do documental de creación, entre os cales destacan Pepe el andaluz (2012), estreada no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata e premiada en Documenta Madrid, e Descartes (2021), que tivo a súa première en DocLisboa y foi premiada recentemente en Zinebi e MiradasDoc. É profesora na Universidad de Málaga, membro do comité de selección da s

PROXECTOS

Quilt Film – Sofía Blanco
Sofía Blanco (San José de Costa Rica, 1995) é cineasta e artista e foi capacitada para a preservación e restauración do patrimonio fílmico no Laboratorio de Restauración Digital da Cineteca Nacional de México. Actualmente cursa o mestrado de MASTER.LAV. O seu proxecto Quilt Film presenta, desde o fundamento dos seus medios, un diálogo entre o proceso de confeccionar un quilt (colcha de retallos) e o de facer unha película en soporte fílmico. Trabállase coa arte decorativa como un medio artístico viable para a expresión da experiencia feminina, accesible e inclusiva, e insírese, á maneira de estratexia subversiva, un elemento doméstico como corpo do cinema. A colcha que se confeccionará é a pantalla e as imaxes que colorean a película proxectada. É unha película/abrigo que convida ao repouso, ao espazo liminar dos nosos soños. 

Como un buzo muerto en el ojo de Dios – Rafael Guijarro
Rafael Guijarro (Ochavillo del Río, Córdoba, 1991) estudou Filosofía para logo cursar o Mestrado en Documental Creativo, Cinema Experimental e Videocreación na Escuela TAI, e posteriormente o MASTER.LAV. No seu proxecto Como un buzo muerto en el ojo de Dios, os personaxes que habitaban unha ficción cinematográfica e lle daban sentido subtráense a ela sen deixar rastro, para seren enviados de volta a un punto orixinario previo á súa existencia. Déixanse intactos a estrutura narrativa, a gramática audiovisual e o espazo que os contiña, nunha película na que os fantasmas do texto e da imaxe se arrastran lentamente e en silencio polos límites da ficción, talvez tratando de dicirnos que o cinema sempre ocorre noutra parte.

La peli del disco duro – Claudia Negro
Claudia Negro (Madrid, 1997) formouse no Conservatorio de San Lorenzo de El Escorial e logo como cineasta na ECAM e no MASTER.LAV. Realizou diversas curtametraxes e mediametraxes con amplo percorrido e recoñecemento en festivais. Participa en INPUT con La peli del disco duro, que a mesma Negro describe así: «Proxecto audiovisual de corte ensaístico narrado pola miña voz, formato desktop film con accións performativas. Dividido en 14 capítulos e montado ao modo colaxe. Xero unha falsa montaxe en directo na que os espectadores son partícipes da miña intimidade. Desagregación da miña identidade (ou da identidade en xeral) partindo dun disco duro roto e ata o interior do meu corpo. (O profundo de quen fun.) Baleiro cada parte que supón unha identificación co eu para quedar na máxima levedade, o desexo de querer ser (e estar) en todas as partes sen responsabilidade. Pedíndolles axs amigxs que naveguen por Internet pensando en min».