MESA PROXECTA. A INCLUSIÓN SOCIAL NOS FESTIVAIS DE CINEMA

OBSERVATORIO

Domus | Sábado 28 de maio | 18 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

Os festivais de cinema non poden ser un espazo alleo á realidade que os circunda. Máis alá de seren concibidos como escaparates ou eventos turísticos, deben ser lugares de encontro nos que se fomente o pensamento crítico, nun esforzo por inserilos de maneira orgánica na comunidade das localidades que os acollen. É por iso polo que todos os anos vai tomando forza a conciencia da responsabilidade dos eventos culturais dentro do tecido das cidades, e da importancia de non deixar de man aquelas persoas que, por diversos motivos, están en risco de exclusión social. Na Mesa Proxecta trataremos estas ideas, propiciando o diálogo entre as partes implicadas. Por unha banda, algúns dos festivais de cinema que forman parte de Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que contan con actividades dedicadas á inclusión social na súa programación, como é o caso do (S8) e do Festival de Cine Inclusivo de Vigo. E, por outra, representantes das asociacións galegas que traballan directamente e acotío con colectivos en risco de exclusión social, como é o caso da Fundación ADCOR (Persoas Adultas con Discapacidade Intelectual), ASPERGA (Asociación Galega de Asperger), a Fundación EMALCSA e a Asociación Poten100mos. O obxectivo, xerar ideas e sinerxías para continuar cun traballo ao que aínda lle queda moito por percorrer. 

Ademais, como parte desta sesión, proxectaranse algunhas das películas resultantes dos obradoiros Xpresa que o (S8) leva a cabo desde o ano 2018.