PARAÍSO
ENCONTRO DE ESTUDIANTES DE BELAS ARTES
Sala (S8) Palexco | Domingo 5 de xuño | 12 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Se entendemos que o cinema é unha arte (e así o cremos na Mostra), onde se han de plantar as súas sementes é entre os futuros artistas. O que o ano pasado comezou como unha mostra/encontro entre estudantes de Belas Artes que empezan a experimentar coas posibilidades da imaxe en movemento (guiados por docentes de sensibilidade excepcional) este ano consolídase como unha sección máis do (S8) e faino baixo o nome «Paraíso»: un lugar exuberante de descuberta no cal atoparse e recoñecerse. A pasada edición contamos coa complicidade das facultades de Belas Artes de Vigo e de Cuenca e nesta teremos unha nova fornada da de Vigo, guiada pola cineasta Xisela Franco, e coa da Universidad de Salamanca da man de Laura Gómez Vaquero.
GLOBOK
María Marlen | España | 2022 | Vídeo | 3 min
Globok é un videoensaio arredor da globalización e o folclore que presenta a disolución da confusión producida pola sociedade globalizada a través do reencontro coa identidade. O tratamento do tema é case como un delirio, partindo de ideas sobre como a globalización nos atrapa por inercia e evolucionando cara a unha maior claridade. Distintas preguntas e cuestións levan os pensamentos á conclusión da necesidade de te atares ás túas raíces nun mundo onde se dilúe a orixe de todo. (María Marlen)
Sara Díaz | España | 2022 | Vídeo | 4 min
A través de novos camiños, sigo a miña propia busca do fogar, da identidade, e mergúllome nas emocións que isto comporta. (Sara Díaz)
LA VISTA DENTRO DEL ARMARIO
Natalia Pérez Novo | España | 2022 | Vídeo | 3 min
Nunha tarde de verán, unha nena agóchase no armario para fuxir dunha avespa que anda polo cuarto. Unha vez dentro e sumida na escuridade, os zunidos aumentan acompañados de todo tipo de bater de ás, chíos e asubíos. Coa orella pegada na porta e con demasiado temor para saír, a nena só pode ser testemuña de como toda sorte de alimarias invaden o que algunha vez foi o seu cuarto. Este «soño esperto» é a manifestación dos medos e angustias dun neno que carece da capacidade para poñer palabras aos problemas de adultos. (Natalia Pérez Novo)
Lidia Rodríguez González | España | 2022 | Vídeo | 7 min
MEAT trata de explorar toda a beleza que rodea a carne, unha busca que culmina na adoración dun deus cárnico. (Lidia Rodríguez González)
Lydia Paredes Vázquez | España | 2022 | Vídeo | 14 min
Vídeo documental de carácter biográfico no que se reflicten os labores manuais e o traballo no campo no rural galego. Retrato da idade e do paso do tempo a través dos rostros e o xesto. (Lydia Paredes Vázquez)
RESTOS DIURNOS
Verónica Alvez | España | 2022 | Vídeo | 4 min
Soñamos espertos lembranzas fugaces mentres tentamos construír o futuro que buscabamos ao emigrar. Restos diurnos representa os recordos que escapan do subconsciente e aparecen de forma fuxidía na vida cotiá dunha emigrante. A técnica utilizada para a súa realización é a do found footage, recuperando vídeos da miña infancia e empregando outros atopados de Internet. Deste xeito, a experiencia non é só persoal, senón tamén colectiva. (Verónica Alvez)
Mirian Opazo | España | 2022 | Vídeo | 10 min
Todos atesouramos na memoria algunha lembranza da vila. Lugares, persoas, xogos, momentos…, imaxes con aparencia de película antiga que nada teñen que ver coa actualidade dos escenarios dun rural cada vez máis decrépito e abandonado. A partir da gravación en distintas localizacións do sur da provincia de Ourense e dos meus recordos sobre a infancia na aldea, este proxecto pretende constituírse como un espazo que, lonxe da pretensión de atopar respostas ou solucións, convide á reflexión sobre o despoboamento sen freos que sofren estes lugares. Retratos do silencio xorde, ademais, no seu aspecto formal, dunha reflexión sobre a relación das imaxes e o tempo e sobre como a apropiación da aparencia dun determinado formato evoca momentos pasados, así como emocións e sensacións ligadas a eles. (Mirian Opazo)
O FÓRA É O DENTRO: CREAR ESPAZOS A TRAVÉS DOS QUE CONTARSE
Belas Artes (Universidad de Salamanca)
A actividade, que, de maneira inédita, comezou o ano pasado no (S8), amplíase este ano. E faino coa presenza dunha selección coidada de pezas realizadas por estudantes que cursan, nos seus dous últimos anos, o itinerario de Audiovisuais dentro do Grao de Belas Artes da Universidad de Salamanca. A xenerosa acollida, por parte da Mostra de Cinema Periférico, implica, así, fortalecer un diálogo, que non adoita darse tanto como debería, entre dous espazos: o festival de cinema e a universidade, os dous implicados en favorecer a aprendizaxe e fomentar a creatividade. Que isto ocorra prodúcenos un grande entusiasmo.
Tamén é motivo de celebración que unhas expresións artísticas realizadas no seo da universidade achen un espazo no que se visibilizaren, fóra das aulas, e, en especial, que o dito espazo se vexa como un lugar de encontro no que darlles vida, animalas, non só mediante a súa proxección sobre a pantalla, senón tamén a través da interacción coas asistentes a un evento que se propón aberto, para conseguir unha experiencia imposible de replicar mediante unha pantalla de ordenador. Que o (S8) se nutra de propostas de artistas mozos que traballan coa imaxe en movemento é un compromiso cunha nova xeración que achega frescura á creación cinematográfica que tamén debe apreciarse. E que o Vicedecanato de Estudantes da Facultad de Bellas Artes da USAL, a cargo de Estifen Tedejo, impulsase a iniciativa que tiven o pracer de coordinar e que, ademais, o fixese con tanto entusiasmo é causa de optimismo.
As pezas compoñentes do programa, realizadas por María Marlen, Sara Díaz, Natalia Pérez Novo, Lidia Rodríguez González, Lydia Paredes Vázquez, Verónica Alvez e Mirian Opazo, construíronse mediante o uso de diferentes métodos de enfrontamento co mundo no desexo delas por entendelo: observar a realidade a través do marco; atopar refuxio no interior dun proxector ou dun armario para acceder a unha realidade alterada; achegarse á materialidade de obxectos cotiáns ata os diluír… e reivindicalos despois na súa importancia; (re)encontrarse nun arquivo persoal e colectivo; mergullarse nos espazos baleiros para terminar encontrando realidades substanciais, e realizar un rito á carne.
Alén da súa variedade, estas propostas presentan a necesidade de conectar coas raíces, de reflexionar sobre a memoria e de revelar pulsións e ansiedades persoais. E fano tentando atopar no «fóra» respostas a preguntas de carácter persoal ou íntimo, mais tamén afondando nun «dentro» que descobre un medio externo a través do que expresarse. Malia cada unha apuntar cara a lugares diferentes, poden lerse no seu conxunto como un retrato colectivo dunha xeración enfrontada a un mundo tecnolóxico (pos?)pandémico, marcado pola incerteza e a desesperanza.
En moitas delas, curiosamente, a casa configúrase como escenario central, considerada nunhas ocasións como o espazo daquilo que é estable, da infancia e do recordo, e noutras como o lugar no que transcorren os máis terribles pesadelos. Mais tamén aparecen expresións urbanas do capitalismo globalizado, como o supermercado, ou mesmo se propón unha viaxe fluída por paisaxes e temporalidades diferentes, de acordo coa mudanza e a mobilidade constantes que caracterizan as sociedades actuais. Trátase de lugares atravesados pola melancolía e a incerteza, pero tamén polo asombro e a estrañeza; e mesmo, nalgún caso, pola esperanza.
A Facultad de Bellas Artes, a única dedicada ás artes en Castela e León, agradécelle ao (S8), festival de referencia no panorama español e recoñecido no circuíto internacional, a posibilidade de intervir nesta iniciativa, que logrará facer partícipes os estudantes dunha comunidade na que poderán gozar das expresións do cinema experimental contemporáneo máis interesantes, así como que insiran as súas propias achegas. Agardamos que o próximo ano poidamos seguir formando parte desta fantástica aventura na que habitarmos o Paraíso.
Laura Gómez Vaquero – Investigadora, programadora e docente da Facultad de Bellas Artes (USAL)