DENEB MARTOS

DESBORDAMIENTOS

Patio de la Fundación Luis Seoane | Venres 3 de xuño | 23 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo | Live streaming AQUÍ

A práctica artística de Deneb Martos céntrase na fotografía sen cámara e no cinema experimental a través de distintas investigacións en técnicas de fotograma e de quimigrama. Na súa obra, o material fílmico entra en relación directa cos rastros e pegadas físicas dos elementos cos que traballa: por exemplo, a propia pel humana, o viño e os compostos orgánicos que arrodean o seu proceso de maduración ou, no caso que hoxe nos ocupa, o ouro. Gold Film é unha peza que é á vez escultura, instalación, filme e performance, modelada arredor dunha película feita traballando directamente sobre o celuloide con finas láminas de ouro. Para a súa exhibición, Martos constrúe unha prodixiosa estrutura/maquinaria grazas á cal podemos ver os efectos do material ao pasar polo proxector (luces e sombras, impresionismo abstracto en movemento), ao tempo que tamén podemos contemplar a refulxente tira de película dourada, tanto de preto como amplificada. Unha espectacular posta en escena coa que dialoga o músico experimental Wade Matthews coas súas improvisacións sonoras e na que o corpo e as accións de Martos entran tamén en xogo, mudando a relación da obra co espazo de proxección e co público. 

«Ao misterio e á beleza da obra únese un simbolismo ancestral do ouro como materia da imaxinación, da luz e do coñecemento. Fronte ao ouro grave e solemne do pasado, cuxos significados máis asentados eran a eternidade ou a magnificencia, en Gold Film Martos ofrece a leve palpitación da lámina como metáfora da maxia dun espazo-tempo eternizado nun intre. A pel da superficie dourada convértese así na sutil metáfora do tránsito dun estado a outro. Quizais esa película colgada en vertical, como rolos de antigos papiros, conteña mensaxes encriptados para os iniciados na sombra do ouro.»

Diana Angoso, «La sombra del oro: poéticas materiales en la obra de Deneb Martos» 

GOLD FILM
Deneb Martos | 2019-2020 | España | Instalación de cinema expandido para Máquina Kinética (proxector analóxico de 35 mm con loop de película de ouro), cámara dixital, proxector dixital, manipulación en vivo das películas | Música en vivo de Wade Matthews | 40 min aprox.