O OBSERVATORIO DO (S8) REUNIRÁ A PROFESIONAIS DE ALEMAÑA, LETONIA, EUA E CANADÁ PARA FALAR SOBRE A PROGRAMACIÓN DE CINE EXPERIMENTAL

Mai 26, 2022 | Destacados, Novas

  • Mentres que na mesa “Entre o feixe de luz e a pantalla. Programar cinema experimental hoxe” estarán presentes Angelika Ramlow(Alemaña), Ieva Balode (Letonia), Bryan Konefskyy (EEUU) e Scott Miller Berry (Canadá); na “Mesa Proxecta. A inclusión social nos festivais de cinema” poñerase o foco sobre os festivais como lugares de formación dun pensamento crítico. 
  • Ademais, a Mostra deixa espazo, como cada ano, para que dúas institucións internacionais programen unha carta branca. Nesta ocasión serán membros do prestixiosa Arsenal(Berlín) e do letón Baltic Analog Lab (Riga).

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, que se celebrará entre este 27 de maio e o 5 de xuño en sedes como o Porto da Coruña, Palexco, a Domus e a Fundación Luís Seoane, presenta hoxe a súa programación dedicada ao sector profesional coa súa sección Observatorio e dúas cartas brancas, unha da man do distribuidora Arsenal (Berlín) e outra seleccionada polo Baltic Analog Lab de Riga, Letonia.

A partir de mañá, venres 27 de maio, o festival empezará coa súa programación ás 10h30 na Domus da Coruña con proxeccións para escolares, e continuará pola tarde co inicio do taller que impartirán os cineastas experimentais australianos Dianna Barrie e Richard Tuohy.

Con respecto ás cartas brancas, se nos centramos en Arsenal, cabe destacar que, dende a súa fundación no ano 1963, esta distribuidora ocupouse de forma crítica da historia do cinema e a evolución actual do medio e nesa traxectoria foi representando os discursos contemporáneos que teñen lugar na sociedade, reflexionando sobre eles e contextualizándoos. Tras sesenta anos de labor no cinema e en festivais, o Arsenal conta cuns fondos cinematográficos que abranguen 10.000 títulos; trátase dunha expresión dos impulsos históricos vencellados ao cinema político e de vangarda, pero tamén se achega unha visión da diversidade do traballo fílmico contemporáneo. Erika e Ulrich Gregor, fundadores do Arsenal e do Foro Internacional do Novo Cinema, alargaron considerablemente a historia do cinema da Alemaña de posguerra, abordando tanto o xeito de ver os filmes como o discurso que rodea este medio. No programa poderán verse as obras de Shelby Kennedy, Alice Anne Parker (Severson), Klaus Telscher, Anita Thatcher, Corinne y Arthur Cantrill, Jenny Okun y Carl Elsaesser.

O Baltic Analog Lab, pola súa banda, é un colectivo fundado no ano 2016 en Riga (Letonia), que reúne cineastas e artistas interesados no cinema e na fotografía analóxicos e ten por obxecto facer producións, achegar ensinanzas e inspirar o público facilitando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a instrución. Ieva Balode, comisaria deste programa, é unha das persoas que fundaron o Baltic Analog Lab e, como directora do festival Process, tamén investiga sobre novas obras fílmicas experimentais na súa rexión, tentando definir a linguaxe cinematográfica propia desa zona. Esta carta branca abrangue traballos de cineastas experimentais consolidados que rodaron as súas películas en 16mm e 8mm, alén dunha nómina de creadores noveis que non deixa de aumentar. Poderán verse as pezas de Roberts Vanags, Henrijs Laķis, Kei Sendak, Miglė Križinauskaitė-Bernotienė, Linda Lindenberga, la propia Ieva Balode y Michael Higgins, Betija Zvejniece, Paul Kuimet, Mersedes Margoite y Sintija Andersone.

Observatorio, punto de encontro profesional

O Observatorio, a parte do festival dedicada a reflexionar sobre distintas cuestións importantes para a Mostra e o sector tratará nesta edición dous temas que o (S8) considera fundamentais: a programación de cinema experimental en festivais e a inclusión social neste tipo de eventos.

En “Entre o feixe de luz e a pantalla. Programar cinema experimental hoxe” Angelika Ramlow -programadora e encargada de distribución de Arsenal (Berlín, Alemaña)-, Ieva Balode -fundadora do Baltic Analog Lab e directora do festival Process (Riga, Letonia)-, Bryan Konefsky -director do festival Experiments in Cinema e da organización sen ánimo de lucro Basement Films ( Albuquerque, Novo México, EUA.)-, e Scott Miller Berry -director do colectivo de curaduría The re:assemblage collective e director executivo de Workman Arts (Toronto, Canadá)-, porán sobre a mesa como se enfoca a programación de salas e festivais a día de hoxe, tratando temas como a reactivación das proxeccións presenciais, a creación de públicos ou o compromiso co cinema experimental e cos formatos analóxicos.

No segundo dos encontros, a “Mesa Proxecta. A inclusión social nos festivais de cinema”, participarán, por unha banda, algúns dos festivais de cinema que forman parte de Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que contan con actividades dedicadas á inclusión social na súa programación, como é o caso do (S8) e o Festival de Cine Inclusivo de Vigo. E, por outro, representantes das asociacións galegas que traballan directamente e a diario con colectivos en risco de exclusión social, como é o caso da Fundación Adcor – Persoas Adultas con Discapacidade Intelectual, Asperga (Asociación galega de síndrome de Asperger), a Fundación Emalcsa e Asociacion Poten100mos. O obxectivo, xerar ideas e sinerxias para continuar cun traballo ao que aínda queda moito por percorrer. Ademais, como parte desta sesión, proxectaranse algunhas das películas resultantes dos talleres Xpresa que o (S8) leva a cabo desde o ano 2018. 

Apoios

A décimo terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación ese8 co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía das Artes Audiovisuais do goberno de España ICAA como parte do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia e o programa Next Generation da Unión Europea. 

Ademais, a invitación para a participación de Philipp Fleischmann (director da Schule Friedl Kubelka, Austria), Angelika Ramlow ( project manager de Arsenal – Institute for Film and Vídeo Art, Alemaña), Bryan Konefsky (director de Experiments In Cinema, EEUU), Ute Aurand (produtora e programadora especializada no cinema contemporáneo), Scott Miller Berry (director de Workman Arts, Canadá), Ieva Balode (directora de Process – Experimental Film Festival, Letonia), Vanja Milena (programadora do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia, Chile), Amy Halpern (creadora, programadora e docente na U.S.C., Los Ángeles) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española. 

Cabe descatar que a Mostra puido beneficiarse tamén do mesmo programa na súa modalidade de mobilidade, que ten o propósito de que as entidades culturais estranxeiras conten con artistas, profesionais e creadores españois na súa programación, viaxando ata Italia para presentar o programa “La mecánica de la luz” dentro da programación do festival Nomadica.

PUBLICACIÓNS RECENTES