BAICC – LAURA MORENO BUENO. A QUE SOA TORONTO

Mai 31, 2022 | Destacados, Entrevistas

  • A pasada convocatoria de BAICC, Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica, promovida polo (S8) canda AC/E e o LIFT, o proxecto elixido foi o de Laura Moreno Bueno, El sonido de las imágenes. A principios de 2022 Laura viaxou a Toronto para traballar nas instalacións do LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto), no que se converteu nunha descuberta da cidade marcada pola súa idea de traducir as súas imaxes filmadas en 16mm en sons, grazas ao traballo con micrófonos fotosensibles, sobre a pantalla de proxección. Un proceso cheo de descubrimentos e cuxa rigorosa aposta formal non é incompatible coas sensibles impresións do caderno de viaxe que Moreno Bueno construíu. Falamos de todo isto con ela.

Como nace a idea do proxecto que presentaches a BAICC? Xa traballaras unindo cinema analóxico máis son?

Nace a raíz de varias liñas que finalmente se xuntaron. A idea de codificar e descodificar elementos dun medio de percepción a outro. Como son neste caso a imaxe e o son, a vista e o oído. De tentar buscar outra maneira de xogar co fílmico e o sonoro que se afastase un pouco da experimentación co son óptico. E, por último, unir dúas pequenas paixóns. Realmente non teño nin idea de música, pero apaixóname, e esta era unha forma de me achegar a ela desde algo que controlo un pouco mellor, a imaxe. Así que é un pouco un soño cumprido, porque realmente non xogara moito antes co analóxico e o son. Moito menos en directo.

Cando te puxeches mans á obra, que cousas inesperadas atopaches no proceso? Que achados te estimularon máis?

Mamaíña, cada día había algo inesperado. Moitas das cousas que fixen nesta peza probábaas por vez primeira, logo todo era un achado para min. A verdade é que foi todo un reto, pero moi moi enriquecedor e curioso. Pensei que non ía poder sincronizar dúas pantallas en analóxico que se fosen acendendo e apagando, mais ao final foi case o máis sinxelo. «Preparar» o son para a proxección foi algo imposible ante o que me tiven que render… Realmente non sabía a enorme diferenza que existe ao proxectar unha mesma imaxe en diferentes proxectores, tanto en analóxico como en dixital. A viaxe lumínica muda por completo; isto crea sons diferentes cada vez. Hai imaxes que pensas que van soar dunha maneira e ao final non teñen nada que ver, e máis aínda no celuloide, no que a luz non deixa de cambiar. O revelado manual sempre che dá sorpresas e que as manchas, veladuras ou glitch que aparecen realmente soen é algo que non me deixa de alucinar!!!

Como configuraches a montaxe final que vas presentar da obra? Sabemos que é a dúas pantallas, e imaxino que haberá unha «película» en cada un dos proxectores.

Foi xurdindo un pouco sobre a marcha, pero había cousas que tiña claras. Sabía que ía ser algo máis sensitivo que narrativo, polo mero feito de unir oído e vista. Tiña claro que quería xogar con dúas pantallas para crear certa desorientación na vista, mais non no oído. Porque podes oír os sons independentemente de onde veñan, pero só podes mirar para un sitio á vez. A idea era enfrontar as pantallas e que o teu corpo tivese que se xirar para atopar a imaxe, mais deixábate bastante atordado e realmente as imaxes dialogan entre si; era unha mágoa separalas. Así que decidín xuntalas un pouco. O resto foi vindo a medida que avanzaba. Pero sempre tendo presente como se ían distribuír todos os elementos da montaxe.

PUBLICACIÓNS RECENTES