- Recentemente bautizado como Paraíso, o encontro entre estudantes de Belas Artes que organizamos na Mostra desde 2021 pretende ser un lugar no que abrir as mentes e descubrir e crear co cinema. Un espazo que non sería posible sen o entusiasmo, a xenerosidade e a complicidade de docentes como Xisela Franco (Universidade de Vigo) e Laura Gómez Vaquero (Universidad de Salamanca), que nos traen as pezas dos seus alumnos. Hoxe falamos con elas sobre o ensino e a difusión do cinema experimental. É aquí onde está o futuro, é así como a aula pode ser un espazo de liberdade.
Como descubristes vosoutras o cinema experimental? Que foi o primeiro que vos atrapou?
Xisela Franco: Eu descubrín o cinema experimental cando estudaba en Madrid e a universidade non me ofrecía nada disto. Anoxábame e aborrecíame estudar historia do cinema só polo libro de Román Gubern, porque vía que había outros cinemas. Falo do ano 97, cando comecei os meus estudos de Comunicación Audiovisual e a historia do cinema que se ensinaba era só a do cinema de Hollywood, precisamente aquela contra a que se levantan os cinemas que exploran outros camiños menos convencionais. En Madrid existía La Enana Marrón (ano 2000) e pouco máis; non había escena de cinema alternativo. Falo do cambio de milenio. Eu ía á Filmoteca, aos Alphaville, Renoir, Princesa, ás salas alternativas de Madrid, pero non foi ata 2001 cando se comezou a dedicar unha sala, por exemplo, ao documental independente (co éxito dalgúns documentais que permitiron xerar espectadores, como Les glaneurs et la glaneuse). Había publicados algúns libros (por exemplo, saíron dous de Margarita Ledo, que foi unha teórica pioneira, como Del cine-ojo a Dogma 95 ou Cine de fotógrafos, mais conseguir ver esas películas que ela citaba era difícil). Accedín ao cinema experimental a partir do cuestionamento do documental convencional, que me derivou ao cinema artístico, á poesía do real. Logo estudei Filosofía, xa traballando cunha produtora propia. Lembro ler da existencia de Val del Omar, pero non foi ata 2005 cando puiden ver (nun incipiente YouTube) o seu Tríptico elemental. É dicir, tiñamos unha carencia importante porque era difícil acceder a cinema experimental fóra das salas ou festivais. En Arco [CRL1] podías atopar algunhas películas, poucas. En La Casa Encendida, que se inaugurou en 2003, algunha exposición contiña películas artísticas encaixadas máis dentro do concepto de videoarte. Foi co Documenta Madrid 2003, o seu primeiro ano, ou con L’Alternativa, de Barcelona, ou co Images Festival de Toronto ou o DOK Leipzig, cunha película que me levou a eses festivais e outros (Aadat, codirixida con Noé Rodríguez), como viaxamos e descubrimos, sobre todo, que había fóra de España unha escena vibrante de cinema alternativo, na que estaba tamén o experimental[CRL2] . O exemplo máis impactante foi Toronto, observar a alucinante comunidade de cinema experimental de alí, coñecer LIFT, que nos regalasen película en 16mm… Alucinamos… Foi o seu director (Roberto Ariganello, que tristemente finou despois) quen nos animou a coñecer a Universidade de York porque alí había un mestrado orientado ao experimental. E por iso conseguín unha bolsa e me fun estudar alí. E así coñecín a Phil Hoffman, o meu mentor, e outros cineastas e alumnos da escena underground de alí, como Luo Li, Nico Pereda ou Stephen Broomer, que foron alumnos do mestrado.
Laura Gómez Vaquero: O meu primeiro contacto co cinema experimental deuse mentres estudaba Historia da Arte na Universidad Autónoma de Madrid, especificamente a través do cinema de vangarda e, diría eu, en concreto con Un chien andalou. A sensación de que a película era, máis ben, unha provocación ao espectador gustoume especialmente.
En anos sucesivos, fun descubrindo algunhas películas e cineastas de maneira un pouco desordenada, ao fío das proxeccións en Madrid en espazos como La Casa Encendida, o Festival Visual de Cine Novísimo e La Enana Marrón. Alí vin a obra de Jonas Mekas, mais tamén películas de tres cinematografías que non adoitan aparecer nas historias do cinema experimental: a irlandesa, a portuguesa e a española, ademais das curtametraxes filmadas en Super 8 de Iván Zulueta e o traballo de Val del Omar. O meu interese durante os anos seguintes no cinema realizado por mulleres levoume a descubrir nomes e obras non sempre presentes nas historias canónicas do experimental.
O que máis me interesa é a posibilidade de atopar prácticas diversas unhas doutras, desde tendencias pensadas a partir da «autoría» ata outras xurdidas no ambiente de (sub)culturas e contraculturas. No experimental, como no documental, encontro con bastante asiduidade películas que empregan o humor como arma (auto)crítica e corrosiva, capaz de cuestionar as representacións convencionais e de desmontar a idea de que o cinema e o mundo en que vivimos deben tomarse demasiado en serio a si mesmos, e iso gústame moito.
Cando expoñedes o tema do cinema experimental na clase, que é o primeiro que lles ensinades ás alumnas e por que?
Xisela Franco: En segundo de carreira teñen o seu primeiro achegamento ao audiovisual, con Imaxe en Movemento, e alí dáselles o cinema desde as súas orixes. Eu aí teño un grupo de 25 alumnos todo o cuadrimestre. Podo traballar con eles de maneira bastante personalizada. Comezo polas pinturas paleolíticas, as vidreiras góticas, para chegar aos aparellos precinematográficos, os xoguetes filosóficos, as fantasmagorías, a cronofotografía, Muybridge, Marey. As primeiras películas dos Lumière, Alice Guy, Méliès, Chomón… Pero, a medida que chegamos ao inicio do cinema de Hollywood, desviámonos cara á animación como arte. E imos escorregando cara á historia da animación independente, desde os seus inicios, creadores independentes, e pedímoslles sobre todo exercicios de animación, un flipbook (físico primeiro e dixitalizado despois), un stop motion.
En terceiro de carreira vólvolles dar clase, de Produción Artística: Audiovisuais, e aí doulles aos 125, a todo terceiro. Aí repartimos a materia coordinadamente, e somos un equipo de docentes variado e rico nos seus saberes (Sol Alonso, Nacho Barcia, Marcos Dopico, Patricia Dopico) que lles imparte técnica (manexo de cámaras que lles emprestamos na facultade, montaxe con DaVinchi [CRL3] —programa que hai nos ordenadores—, algo de posprodución), mais tamén se lles dá bastante teoría da imaxe e, desde o ano pasado, con Barcia (vencellado ao festival Vertixe Sonora), unha forte compoñente de son e arte sonora. Eu céntrome ao principio sobre todo nas vangardas, ofrecendo unha visión panorámica, anos 20 e anos 60. Logo céntrome no cinema autobiográfico e formas do eu (desde o ensaio cinematográfico ata o cinema artístico), cinema expandido, cinema de museo… Para pechar con cinema galego, festivais galegos[1],[CRL4] quero que coñezan o vibrante contexto que existe, porque a universidade a miúdo está desconectada da realidade; por iso os aborrece. En terceiro pídenselles tres exercicios audiovisuais, con mirada artística. En concreto, eu este ano, por exemplo, pedinlles un autorretrato que superviso e acompaño. A maioría das películas do programa que traio son dese autorretrato.
Laura Gómez Vaquero: Cando tiven a oportunidade de tratar o cinema experimental nas miñas clases, a miña intención é que se entenda esa calidade que o emparenta co cinema documental desde os seus inicios (falamos dos anos 20): o desexo de se converter nunha alternativa ao tipo de películas que, de maneira maioritaria, se proxectaba nas salas. Coméntolles que se trata dun modelo de cinema que se pensa á marxe da industria e que, por iso, pon en práctica uns recursos determinados, establecendo un tipo de pacto específico co espectador.
En calquera caso, coido que é importante concibir o experimental dun xeito amplo, que teña en conta non só o cinema realizado por artistas, senón tamén o xurdido no seo de determinadas subculturas e contraculturas. Interésame mostrar a gran diversidade que existe, indo alén das historias canónicas do experimental e integrando cineastas mulleres (que atoparon un lugar predominante neste tipo de cinema), películas xurdidas de iniciativas que non tiveron continuidade e, tamén, proxectos pertencentes a colectivos que puxeron en causa a necesidade do «autor».
Da vosa experiencia, que é o que máis os sorprende e impresiona? Hai cineastas que causen especial desconcerto ou gusten moito?
Xisela Franco: Debo dicir que non é doado que os alumnos sexan participativos. Hai bastante esgotamento. Só levo tres anos na facultade como profesora, aínda que estiven noutras facultades antes (na York University en Toronto, e en Madrid tamén impartindo cinema), e levo toda a vida vinculada á docencia, á universidade, a colexios, e dando charlas e cursos. Mais ultimamente tivemos un ambiente un pouco sinistro, entre máscaras, normativas bastante absurdas, colas á entrada para usar o xel hidroalcohólico e cadeiras separadas por metro e medio, e así non é doado que participen. Hai profesores que levan máis anos e poderán dicir canto mudou a cousa. Polo de pronto, a universidade está bastante baleira; os seus marabillosos obradoiros, tamén. É triste. Hai que o cambiar. O que se lles inculcou estes dous anos foi terrible; hai máis depresión, ansiedade, doenzas mentais. Iso seino, pódoo corroborar e creo que é importante mencionalo. Daquela eu tento transmitir o meu entusiasmo e, tras desas máscaras que acaban de quitar e que lles tapan a cara, as súas reaccións, tento adiviñar o que lles gusta. Creo que lles gusta o que lles dou, aínda que imos facendo unha panorámica.
En animación (no segundo ano) non poderán esquecer a Lotte Reiniger, Ladislas Starevich, Jan Švankmajer, os irmáns Quay, William Kentridge, Norman McLaren…, mais tampouco autores que estudaron na facultade, como Alberto Vázquez, Borja Santomé ou David Fidalgo Omil, que teñen un traballo incrible.
En terceiro, sorpréndense (ou eu tento polo menos que se sorprendan) con autores como Hans Richter, Fischinger, Walter Ruttmann, Vertov, Germaine Dulac, Buñuel; co expresionismo alemán, que os inspira moito; logo, nos 60 dos EUA, con Maya Deren, Warhol, Marie Menken, Brakhage… Podo ler fragmentos dos seus textos que os motiven. Despois encántalles que lles fale do contexto do cinema galego, que lles dea referentes, cineastas artistas, moitos experimentais, que temos aquí. Amigxs miñxs, ademais, o cal me fai ser máis entusiasta aínda… Alberte Pagán, Ana Domínguez, Diana Toucedo, Carla Andrade, Lois Patiño, Lara Bacelo, Jaione Camborda, Aldara Pagán, Helena Girón e Samuel Delgado; as primeiras pelis de Oliver Laxe, que están colgadas en Internet; ou recorro ao web do Chanfaina Lab ou do Novo Cinema Galego, onde hai moitas marabillas en aberto. Tamén autores/as que están entre o vídeo, o cinema e a arte, como Bego Santiago, Adrián Canoura, Roi Fernández, Juanma LoDo…; en fin, somos moitísimos. Tamén lles poño obras miñas para comentar como as fixen.
Fálolles dos festivais; vir ao (S8) vailles cambiar o chip, como sucedeu o ano pasado. Podemos dicir que lles transformou totalmente a mirada. Que vexan esas películas, que coñezan estes autores, que comparten escaparate coa vangarda internacional, é algo tan enriquecedor que co tempo o entenderán mellor, mais eu sei que lles cambia o destino. Así logramos que continúen a facer cinema, combinado coas outras artes, pero que non o deixen de lado. Motívaos moito estar no (S8).
Laura Gómez Vaquero: Coido que a resposta depende do estudante ao que vaian dirixidas as clases. Eu aproveitei para incluír cinema experimental en cursos dirixidos a desempregados da Comunidade de Madrid nos que aprendían montaxe. O traballo con estxs estudantes atráeme porque ofrecen as súas «resistencias» a esta maneira particular de entender o material fílmico e de traballar con el dun modo claro e explícito; isto ocorre pola pouca oportunidade que teñen de se enfrontar a este tipo de propostas, que contan cos seus propios e limitados circuítos de circulación. Porén, dialogando chégase a transcender as ditas «resistencias»: a maioría adoita acabar entendendo desde onde hai que mirar este cinema e iso prodúceme moita satisfacción.
Se falamos de estudantes de Belas Artes, o que máis sorpresa causa é a posibilidade de mestura entre medios diferentes. Que un pintor poida usar o celuloide como lenzo ou que o cinema desborde a pantalla resúltalles rechamante, por se daren de conta de que teñen ao seu dispor todo tipo de medios e recursos para a expresión artística, cos que poden traballar de xeitos diversos. Tamén, nalgúns casos, a posibilidade de realizar un proxecto sen a necesidade de que haxa ninguén máis involucrado nin dunha tecnoloxía sofisticada.
Canto a nomes, se falamos dos cineastas canónicos, o denominado «cinema estrutural» adoita chamar a atención pola súa radicalidade, como tamén, noutro sentido, os Fluxfilms. Outras propostas máis oníricas, como as de Maya Deren e a cámara-corpo de Marie Menken, encontran bastante aceptación, como tamén Jonas Mekas. Deixa que mencione outros tantos que tamén adoitan resultarlles atractivos: Vivienne Dick, Maryam Tafakory, Naomi Uman, Sharon Lockart e Vanalyne Green.
Cal pensades que é a particularidade do achegamento ao cinema das alumnas desde a carreira de Belas Artes?
Xisela Franco: Aproxímanse á arte desde a liberdade como condición de partida. Sorprende que, coa súa inxenuidade, por veces fagan cousas marabillosas. Iso xa o comentei moitas veces nalgúns textos e a eles dígollelo. Teñen unha mirada na que se fomenta e se valora o plástico e iso fai que algúns deles, e delas (que, por certo, a gran maioría son mulleres), teñan certo criterio natural para se aproximaren por vez primeira ao cinema con gusto estético e con mirada libre. Exploran cousas novidosas cunha liberdade propia da súa condición de artistas, porque entenden o cinema como parte do seu quefacer mesturado coa pintura, a instalación, a escultura, a foto. Iso é o que me alucina do meu alumnado, non ter que lles explicar que o cinema é unha arte que pode ser artesanal, manual, caligráfica, que poden facelo sos. Que son artistas do cinema. Anímoos moito con iso. A montaxe é unha colaxe para eles, é unha combinación de imaxes plásticas no tempo. Non todos son así, pero hai certa valentía á hora de experimentar que non teño eu, por exemplo, que xa teño demasiados coñecementos que me bloquean. Non necesitan saber cinema, de verdade, e de feito saben pouco de cinema, menos aínda de cinema experimental, pero algúns deles, coa súa mirada de artistas, logran desembarazarse de prexuízos e explorar con liberdade e criterio. O do criterio é moito máis importante do que parece. Outra cousa que me encanta é que se aproximan en primeira persoa, desde o autobiográfico; entenden que se teñen á man e explóranse sen medo, ou vencendo o medo, porque están afeitxs a facelo en toda a carreira.
Laura Gómez Vaquero: A formación dxs estudantes de Belas Artes comprende aspectos como o traballo coa luz, a cor, o espazo pictórico (pintura); tamén coa materia, o espazo e o corpo (escultura e instalación), así como co tempo e o espazo (arte de acción). Deste xeito, achéganse ao cinema partindo de maneiras específicas de pensar e de traballar coa imaxe, o son e o tempo. Por exemplo, prestar atención ao encadramento concibido como un «marco», como un lugar onde se pode desenvolver unha gran diversidade de «xogos», é algo case natural para algunhxs delxs.
Están, ademais, familiarizadxs co traballo manual, o que pode levalxs a pensar o cinema desde a súa materialidade.