LEAH SINGER & LEE RANALDO. EXPLOSIÓNS AO RALENTÍ

Xuñ 4, 2022 | Artigos, Destacados

  • Alén da performance Contre Jour, coa que se clausura esta edición, teremos a ocasión de ver un feixe de películas de Leah Singer e de Lee Ranaldo das últimas décadas, precedidas por unha conversa cos artistas.

A asociación de Singer e Ranaldo empeza a principios dos 90, momento no que ambos empezan a conxugar saberes e intereses. Lee Ranaldo provén de Long Island. Estudou na Universidade de Binghamton, cuxo departamento de cinema foi fundado por Larry Gottheim e onde ensinaron Ken Jacobs, Hollis Frampton, Peter Kubelka e Ernie Gehr, entre outros. Ranaldo empeza os seus pasos musicais tamén desde a vangarda neoiorquina tocando con músicos como Rhys Chatham e Glenn Branca. É o Nova York onde o punk dos Ramones conflúe coa no wave, nunha escena na que o cinema underground está en directa conexión coa escena musical. É o caso das películas de Vivienne Dick, Scott B e Beth B e Amos Poe (co seu seminal filme de 1976 Blank Generation, con Iggy Pop, Patti Smith, Television, Talking Heads e New York Dolls, entre outros). Ranaldo inicia a súa andaina en Sonic Youth nese caldo de cultivo a primeiros dos 80, anos fortes de experimentación da banda. Leah Singer, escritora e artista multimedia, orixinaria de Winnipeg (Canadá), mudouse a Nova York en 1988. Singer, formada, así mesmo, en cinema, fotografía e pintura, termina involucrándose tamén neses anos na escena da música improvisacional de Nova York.

Con este background, ambos empezan a colaborar en 1991 e, de feito, unha parte das películas que compoñen a selección que poderemos ver implican algún tipo de colaboración interdisciplinaria entre ambos, mesmo cando a autoría e dun ou doutro. En obras como Here (1992), protagonizada por paisaxes urbanas desoladas e cun certo aire melancólico, a banda sonora é unha improvisación de Ranaldo. A peza, en branco e negro, combina imaxes en movemento con outras detidas, detalles dun traxecto en coche por estradas infindas, aparcadoiros e moteis, planos pechados de detalles da paisaxe dos rostros. Singer emprega en Here un achado que exploraría tamén nas súas performances canda Ranaldo, que é o uso dunha cámara de fotografía fixa cargada con película de Super 8 e 16mm. Singer impresiona así toda a superficie de película, en fragmentos que logo manipula en vivo con proxectores analíticos, máquinas deseñadas no seu día para estudar o cinema e coas que é posible parar e retardar a imaxe, cousa que non se podería facer nun proxector normal sen a película arder. Isto foi algo fundamental no traballo coa imaxe de Singer, que contou ao longo dos anos cun importante elemento de intervención en directo. Desas performances saen versións en forma de película monocanle, que veremos nesta sesión. Nun dos casos, trátase do rexistro dunha actuación de Sonic Youth e de Pavement que logo é sometido, en directo, a esa intervención, a cal, ao retardar e parar a película, dá un aire fantasmal ás imaxes, tomadas tamén de maneira oblicua, en oposición á espectacularidade e aos fastos do rock and roll mainstream. Calidade acentuada polo asincronismo do son, gravado noutra actuación en directo da banda. Un concerto visto desde o ensimesmamento e a introspección, que emparenta coa estética de cineastas como Jem Cohen, fortemente ligado tamén á escena musical independente.

Leah Singer colabora, ademais, con outras bandas da escena noise, como Band of Susans. Desa unión sae The Last Temptation of Susan (1994), feita coa técnica de cámara de foto fixa de Singer. Unha peza montada ao ritmo dunha canción da banda, sinfonía nocturna de Nova York, as súas multitudes e os seus neones cun par de pinceladas de metraxe atopada. Unha expresión visual dun xeito dado de estar no mundo.

 O rexistro diarístico é algo que sobrevoa, en certo modo, moitas das películas da sesión. Algo que se ve claramente na peza de Ranaldo LS in Central Park (1993): seguindo o ronsel de Mekas, Ranaldo filma en Central Park momentos felices e de epifanía. Este retrato amoroso de Singer concentra ese encantamento, acentuado polos reflexos luminosos que se superpoñen á imaxe da face dela, puntos de luz brillantes en movemento. Here e Navel Milk Prison (2009) son, en certa forma, road movies ou diarios de viaxe. No caso da segunda, acompañamos unha muller e un neno nun traxecto por estrada desde o asento de atrás. A banda sonora é un poema escrito por Ranaldo a partir de correos da súa bandexa de spam. Unha colección de palabras random que interactúan co que vemos, sumándolles outra dimensión ás paisaxes tipicamente estadounidenses vistas desde un descapotable nun día de sol. Isolation (2021) é, máis ben, un diario de pandemia colectivo convocado por Ranaldo ao ritmo da súa versión da canción homónima de John Lennon. 

Drift é unha das versións do traballo que derivou na performance que veremos baixo o título de Contre Jour. En Drift vemos dúas pantallas de imaxes manipuladas por Singer: empeza cunha impactante visión en branco e negro; por unha banda, un teléfono e, pola outra, unha man que logo vemos tamén en raios X. Máis adiante, vistas urbanas, texturas da trama dun xornal, multitudes amoreadas. Imaxes detidas, retardadas. Nunha segunda parte da peza, vemos esa dupla proxección multiplicada por catro, ao proxectárense en positivo e negativo imaxes a cor tomadas cunha cámara de 8mm: o resultado da película de cámara sen cortar é unha imaxe cuádrupla a cada lado. De fondo, a intervención sonora de Ranaldo. A densa paisaxe musical vainos introducindo máis e máis no que vemos. A poesía intervén tamén en forma de spoken word, un río de palabras que falan da paisaxe apocalíptica de despois dos atentados do 11S e da caída dun emblema neoiorquino, as Torres Xemelgas. Como unha resposta visceral ante o horror circundante, que funciona como especie de antídoto contra a sobrecarga mediática desapiadada. 

Tan só algúns testemuños dunha vida sentimental e creativa xuntos que se estende ao longo de trinta anos, un preludio ao final catártico que dará Contre Jour á edición do (S8) deste ano.

PUBLICACIÓNS RECENTES