POR SEMPRE AMY HALPERN

Ago 22, 2022 | Artigos, Destacados

Hai uns días recibimos unha noticia difícil de crer: que Amy Halpern falecera. Difícil de crer porque hai apenas un par de meses, na Coruña, desprendía unha enerxía magnética e inesgotable. Presentou dúas sesións das súas películas: unha delas, con Falling Lessons, foi case un acto de xustiza poética, unha proxección tensa, conmovedora, a certeza de ver unha obra mestra ignorada durante moito tempo. A outra, con nada menos que 13 novos filmes recén saídos do forno, a mostra dunha forma de ver o cine (e o mundo, a vida) singularísima, intelixente e sensible en extremo. Tamén nos deu unha clase maxistral sobre o son (e o silencio) no cine, que mesmo fixo que outro dos cineastas convidados cambiara toda a súa concepción arredor deste tema. Pero ademais de todo isto, era unha presenza incansable, sempre disposta a axudar en todo, preocupada polo estado físico e emocional de cada un de nós, compartindo un amor infinito, entusiasmada e marabillada en cada sesión, sempre disposta a celebrar, pero tamén cun sentido combativo consciente de toda a violencia e inxustizas do mundo. Toda aquela forza parecía inesgotable e eterna, vella coma o mundo e á vez moi nova.

De aquí pódese translúcir o pracer e a emoción, non sen responsabilidade, de traballar con Amy Halpern e as súas películas. Que é o obxectivo final deste traballo: descubrir non só obras, senón persoas que nos cambian a vida. Esta relación comezou coa descuberta do seu cine, a través dun programa de Canyon Cinema comisariado por Antonella Bonfanti. A pandemia quixo que Amy non puidese vir en 2020, pero ese mesmo ano dedicámoslle un especial de Camera Obscura, o noso particular programa de entrevistas, onde puidemos vela e escoitala, onde brindou por nós a través do éter da noite anxelina e a mañá galega. Seguiron moitas conversas virtuais. Durante toda a corentena, e posteriormente na preparación desta viaxe, que para ela supuxo un forte compromiso coa vida ante os medos víricos. Cada conversa ía máis alá do práctico, chegando a un lugar moi profundo, tocando sempre o punto sensible que, coma se fose unha especie de feiticeira, sabía que había que tocar.

A semana que pasou na Coruña veu repartir todo iso entre toda a xente que traballa e visita o (S8). Con esa mirada intelixente e profunda, sentimos que todo sairía ben, coa salvia do seu xardín purificando a nosa sala comezamos esta edición. Non coñecemos nin unha soa persoa que non se vise profundamente impactada, tanto polo seu cine como pola súa presenza. Nunca unha proxección rematou con tantos abrazos e bágoas de verdadeiro shock. Por iso, entre a tristeza, nace en nós unha alegría e é a de ter facilitado que todo isto puidese suceder, que toda a súa xenerosidade puidese atopar o seu eco no merecidísimo cariño e recoñecemento que recibíu. Déixanos como agasallo final os seus filmes, únicos como só poden ser na súa calidade de expresións de tan alto espírito.

Queremos, finalmente, agradecer e enviar unhas palabras de ánimo ao seu compañeiro David Lebrun, cómplice tamén de todos estes encontros.

Máis información sobre Amy Halpern aquí: https://amyhalpern.com/

PUBLICACIÓNS RECENTES