- O creador Álvaro Feldman leva a cabo a súa residencia BAICC no LIFT de Toronto
- Visitamos o Festival Proyector (Madrid)

A Asociación Cultural eSe8, organizadora do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, pon en marcha a itinerancia do seu programa ‘Ultreia et Suseia, Cinema Galego’: unha colección de monográficos de varias das nosas cineastas máis destacadas, que sirva de plataforma de visibilización do seu traballo para o público xeral.
Logo da súa versión online na última edición do festival, con pílulas documentais sobre o traballo de Carla Andrade, Diana Toucedo, Xisela Franco ou Tono Mejuto, entre outros, o programa realizará unha itinerancia por diferentes localidades de Galicia coa que se sumarán novos autores como María Ruido, Eloy Domínguez e Xacio Baño.
O obxectivo é que as nosas artistas de cinema de vangarda cheguen a todo o público do país ao tempo que se dinamiza a oferta cultural das vilas que forman parte do Camiño de Santiago e as súas diferentes variantes, e se favorece o intercambio cultural entre a poboación local. Que, máis alá do (S8) ou outros festivais de cinema máis “periférico”, o público de diferentes localidades galegas coñeza de primeira man ás súas cineastas, achegándolles o que aportan estes eventos: o contacto non só coas películas senón coas creadoras, co seu traballo, motivacións; coa importancia que o seu cinema ten malia non estar sempre nos circuítos máis comerciais.






‘Ultreia et Suseia, Cinema Galego’ comezou o pasado 1 de outubro no Centro Cultural Avenida da Rúa (Ourense), cunha entrevista a Eloy Domínguez e a proxección do filme ‘Os Corpos’, (2020), e unha entrevista a Xacio Baño acompañada da proxección do filme ‘Ser e Voltar’, (2014). Estas serán as próximas paradas:
- Xoves 6 de outubro.- 11:30 | 12:30h Casa da Cultura, Sarria (Lugo).
Entrevista Eloy Domínguez e proxeción do filme ‘Os Corpos’, 2020
Entrevista Xacio Baño e proxección do filme ‘Ser e Voltar’, 2014
- Venres 7 de outubro.- 19h Casa Museo Rosalía de Castro, Padrón (A Coruña).
Entrevista María Ruido e proxección do filme ‘Mater Amatísima’, 2017
- Domingo 9 de outubro.- 19h Círculo recreativo cultural, Chantada (Lugo)
Entrevista María Ruido e proxección do filme ‘Mater Amatísima’, 2017
- Venres 14 de outubro.- 19h Centro Social, Boiro (A Coruña).
Entrevista María Ruido e proxección do filme ‘Mater Amatísima’, 2017
Este proxecto audiovisual realizouse no marco do programa, O teu Xacobeo ao abeiro do Fondo de proxectos Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
O creador Álvaro Feldman leva a cabo a súa residencia BAICC no LIFT de Toronto

Despois de gañar a sexta edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica co proxecto TORONTONTERO, Álvaro Feldman xa se atopa en Canadá dende o pasado 5 de setembro para desenvolver a proposta ata o próximo 16 de outubro. A performance resultante poderá verse na súa estrea mundial na Coruña na próxima edición do (S8) na primeira semana de xuño do 2023.
En TORONTONTERO, Feldman está a construír un mecanismo que posibilite proxectar en ambas as direccións, pero tamén explorar as posibilidades do copiado óptico, e distintas técnicas de revelado manual para conseguir unha diversidade de estruturas coas que construír a súa película. Unha película o máis reversible posible, que se poida ver en ambas direccións simultaneamente, cara adiante e cara atrás, para que a experiencia de vela en sentidos opostos dea lugar a un mapa de imaxes que se repiten infinitamente pero nunca da mesma maneira.
BAICC– Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica, é un proxecto do eSe8 lab que conta co apoio do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) dentro da súa liña de axudas para laboratorios e incubadoras de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais, AC/E – Acción Cultural Española e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT.

Visitamos o Festival Proyector (Madrid)
O Festival Proyector cumpriu este ano 15 edicións difundindo arte, as súas expresións máis contemporáneas e as novas linguaxes e formatos da imaxe en movemento, sendo un referente da videoarte, a videoinstalación e a vídeo performance no noso país.
Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, levaron a cabo no marco dos seus Encontros Profesionais a conferencia «Desbordamiento de la imagen. Más allá de Val del Omar». Nela, falaron ante os asistentes de termos como, cinema expandido ou film performance e revisitaron algúns dos nomes ilustres que pasaron pola Mostra ao longo das súas trece edicións.
