HANGJUN LEE

DESBORDAMIENTOS

Patio da Fundación Luis Seoane | Sábado 3 de xuño | 23:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo.

Hangjun Lee é unha das figuras elementais do cinema experimental coreano. Ademais de traballar como artista no eido do cinema expandido e como cineasta, é programador e investigador e estivo á fronte do festival EXiS en Seúl. Nesta ocasión, presentamos dúas das súas film performances, que falan dalgúns dos intereses presentes no seu traballo. Por unha banda, Film Walk, na que subverte e ocupa o espazo da sala de cinema e as maneiras «correctas» de usar os proxectores, e, pola outra, Phantom Schoolgirl Army, na cal se recolle ese mesmo espírito axitador, mais envorcándoo na revisión simbólica dun convulso incidente da historia recente de Corea. 

FILM WALK
Hangjun Lee, Corea do Sur, 2011, multiproxección en 16 mm con dispositivos de son óptico e electrónico, 20 min

Film Walk é quizais o non plus ultra desta rama de performances baseadas na proxección, que tratan o proxector literalmente como un instrumento. Neste traballo, que variou a súa forma ao longo dos anos, Lee enfía película de 16 mm só no cabezal sonoro dun proxector afinado posto de lado, evitando a xanela do proxector. Esta película é de dupla perforación, o que quere dicir que unha segunda ringleira de perforacións percorre o lado da tira de película onde está normalmente a banda sonora. Segundo estas pasan polo cabezal de son, producen un ronrón electrónico ou, se se amplifica o suficiente, un ruído metálico estridente e desacougante comparable ao son dunha serra radial. Lee tira á man da película que pasa polo proxector, arrastrándoa bruscamente polo cabezal de son. As variacións de velocidade resultantes do movemento manual provocado por Lee na tira de película ocasionan mudanzas abruptas na frecuencia e o timbre do son das perforacións. (Jonathan Walley, Cinema Expanded)

PHANTOM SCHOOLGIRL ARMY 
Hangjun Lee, Francia, 2013-2014, film performance en 16 mm con luz estroboscópica e son óptico, 25 min 

O vertixinoso traballo de performance audiovisual Phantom aborda a rebelión de Yeosu e Suncheon (1948), un dos escuros traumas históricos de Corea do Sur, cuxas consecuencias inmediatas (calcúlase que o número de vítimas alcanza as 10 000) e repercusións no longo prazo estableceron de maneira efectiva o «terror vermello» ou anticomunismo, que foi vital, ou máis ben mortal, en moitas vidas, así como no imaxinario igualitario da Corea do Sur de posguerra. O feito de os retratos fotográficos da película non seren das vítimas reais, senón de xente captada máis tarde na mesma zona —cos cales Lee se fixo nun estudo fotográfico local—, complica aínda máis a cuestión do «recoñecemento». Un vese tentado a suxerir, así, que Phantom serve, paradoxalmente, para esquecer esas caras, xunto co trauma histórico do masacre, mentres busca lembralo. Se a nosa lectura de que Phantom virtualiza e reanima o lugar do masacre é certa, tamén podería dicirse que a propia aparición das caras da xente marca o momento da súa identificación como albo e, como tal, a súa vulnerabilidade e a súa exposición ás balas. Neste senso en particular, as caras das placas fotográficas non deberían durar tanto como para seren recoñecidas. A súa fisionomía, mellor, queda ilexible ou, en consonancia coa insistencia de Lee na «zona gris», tórnase gris. Nunha palabra, ha de mostrarse intermitentemente. (Yung Bin Kwak, Fireworks and Massacre in Grey (Spasmodic) Room)