SINAIS

PROGRAMA 2

Sala (S8) Palexco | Venres 2 de xuño | 13:00 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

FIRE DON’T PLAY WITH FILM
Carlos Baixauli | España | 2023 | Vídeo | 2 min

A relación tóxica entre un chisqueiro e 40 metros de película de 35 mm. 

LIMINAL
Alba Pérez Álvarez | Galicia | 2022 | Vídeo | 7 min

A curtametraxe transcorre nun espazo liminar que tratei de recrear no que era o faiado dos meus avós. Onde un personaxe desenvolve unha busca da súa identidade a través da luz e o refuxio. 

LAS ÓRDENES
Elisa Celda | España | 2023 | Vídeo | 11 min

«Esta resistencia eterna máis antiga que a imaxinación: mellor non deixar nada. Ni follas nin mobles. Nin cousas nin fillos.» Tras un período de illamento, lonxe xs uns/unhas dxs outrxs, un grupo de mozxs practica un tipo de meditación co fin de alcanzar a felicidade absoluta a través da vibración do seus corpos coa Terra. 

DEVOCIONES
Ángel Montero Vázquez e María Serna | Galicia | 2023 | Super 8 a vídeo | 17 min 

Unha historia de amor e enfermidade que explora a aceptación dunha perda e a posibilidade real da morte. Unha viaxe sensorial a través do espello na procura de paisaxes curadoras para celebrar a vida. 

¡BU! (CON ADMIRACIÓN)
Gadea Burgaz con Juan Loriente | España | 2023 | Super 8 | 16 min

Un espazo déixase, recóllese e baléirase. Trata sobre o baleirado dun espazo, unha despedida tras vinte e seis anos vivindo nunha buhardilla. El chamábaa a buhardilla dos soños. Eu, bohardilla, con o. 

OÍR FORMAS
Leonor Serrano Rivas | España | 2021 | 16mm | 12 min

Contemplamos de cero a cen como se axitan e se animan multiplicidade de partículas que, ao sacudírense sobre unha superficie negra, e como fenómenos ondulatorios, se agrupan e se reagrupan describindo formas e figuras con cada cambio de frecuencia. Así, ao confrontármonos contra a gran pantalla suspendida, accedemos a un reflexo onde os corpos se granulan en pequenas partículas, atomizándose con irisado manto. 

SINAIS

VIAXE A UN MUNDO PROPIO

Ás veces é necesario mirar a través dos elementos para atopar as respostas que andamos buscando. Filtrar a visión por medio da terra, do aire, do lume, da auga, para conformar así unha imaxe case onírica pero verdadeira ante o noso interese máis artístico e sincero. É difícil atopar esa maxia que inunda o cine e fai que a luz se dilúa ata perderse nos nosos ollos. Pero, unha vez máis, demos con ela para a nosa sección SINAIS. Unha escolla de filmes que se presenta como un espazo de busca e abstracción dunhas cineastas que crean desde o miúdo pero co foco posto nas grandes cuestións humanas. SINAIS é unha viaxe a un mundo propio, como o que Urbano Lugrís (pintor galego cabeceira desta edición da mostra) foi ideando e percorrendo ao longo da súa vida. E onde atoparemos moitos aspectos comúns coa obra do pintor. 

SINAIS

PROGRAMA 2

O surrealismo do noso pintor de cabeceira faise presente tamén neste segundo bloque da sección SINAIS. Unha abstracción e reflexión constantes identifican estes filmes, que parten da sinxeleza, do concepto, para alcanzar entes de expresión moito máis complexos e incluso incomprensibles. Mais realmente a arte atende a preguntas e respostas? Pode explicarse ou entenderse? As películas faranse donas do noso subconsciente durante uns momentos. 

FIRE DON’T PLAY WITH FILM, de Carlos Baixauli, inicia o segundo programa de SINAIS. Un filme queimado, retorto, brillante e enigmático. Alba Pérez Álvarez preséntanos LIMINAL, unha obra sobre a busca da identidade, a transición, os límites. Continuamos con LAS ÓRDENES, da man de Elisa Celda, unha película que formula a busca da felicidade mediante a abstracción, a vibración, o contacto coa terra. Ángel Montero Vázquez e María Serna presentan DEVOCIONES, unha viaxe sensorial arredor do amor, a enfermidade e a morte.  ¡BU! (CON ADMIRACIÓN), de Gadea Burgaz con Juan Loriente, recolle o proceso de baleirar un espazo habitado durante moitos anos. O segundo bloque de SINAIS finaliza coa obra OÍR FORMAS, de Leonor Serrano Rivas, na que as particularidades da materia e o seu movemento cobran protagonismo. 

Aldara Pagán