ESTES SON OS SEIS PROXECTOS EN DESENVOLVEMENTO QUE PARTICIPARÁN NA SÉTIMA EDICIÓN DE INPUT 2023

Mai 12, 2023 | Destacados, Novas

Desde o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico ampliamos o noso apoio ao impulso, profesionalización e desenvolvemento de cineastas que apostan por un cine de vangarda en formato analóxico. Con ese obxectivo, nesta sétima edición ampliamos a seis o número de proxectos seleccionados para participar en INPUT 2023, onde contarán co asesoramento de profesionais de prestixio internacional para facer medrar as súas películas. 

Cabe destacar a gran calidade dos proxectos recibidos nunha edición récord, na que se presentaron un total de 62 propostas. 

Estes son os seleccionados polo comité de valoración integrado por representantes do (S8), LAV e a Fundación Luis Seoane:

Con cierta luz, de Nicole Remy

Con cierta luz é en palabras da súa autora, unha busca por capturar outro tipo de movemento. A autora proponse intervir o propio carrete de Super 8 para usalo como unha cámara de cine, utilizando unha técnica de dispositivo pinhole

Nicole Remy (Perú, 1992) especializouse en Dirección de Arte pola ESCAC. Ten un máster en LAV – Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea, donde se enfocou nun  cine estructural, investigando diferentes formas manuais para a creación de imaxes, a través da construción de cámaras estenopeicas.

Letters to Long Island, de Carmen Pedrero

Letters to Long Island é unha carta fílmica, baseada nunha vivencia persoal; un paso cara ao cinema lírico que investiga Pedrero, no que cine e poesía dialogan e se equilibran. Unha peza de xestos que a súa autora imaxina como un cine non falado, que busca asociacións entre as imaxes e presta máis atención á transmisión sensorial e emocional que á propia narración.   

Carmen Pedrero (1996, Madrid) é cineasta e poeta. Graduada en Dirección pola ECAM, participou en laboratorios e residencias artísticas como o programa francés WoS Fabrique. O ano que vén trasladarase a Boston para estudar o máster en Film e Media Art no Emerson College. 

Textil en el medio fílmico, de Beatriz Freire 

O seu proxecto busca investigar e expandir o uso de procesos, técnicas e materiais do téxtil no medio fílmico: usando unha faixa de algodón con 16 mm de ancho a modo de película, cosendo os descartes de celuloide para devolverlles a súa forma ou transformando nunha performance o acto de tecer. A obra de Beatriz Freire busca, en síntese, representar a poética do téxtil nas persoas e espazos, a través da creación de pezas cinematográficas.

Beatriz Freire (1989, Portugal) é unha artista visual que emprega como principal soporte teórico-práctico o téxtil. En 2021, gaña o primeiro premio no concurso Versiona Thyssen X, organizado polo Museo Thyssen-Bornemisza. No mesmo ano é seleccionada no grupo de traballo ARCHÉ, integrado no festival de cine documental Porto/Post/Doc, co proxecto de longametraxe cinematográfico «Calada».

Tres poemas para el hombre de palo, de Pablo Agma 

Tres poemas para el hombre de palo é un achegamento ao cinema de terror experimental. Unha película multipantalla na que Agma cuestiona o esquema tradicional de produción e exhibición cinematográfica, co obxectivo de trascender e mutar en continuo, entre a película, a instalación, a performance, a ficción e o experimental.

Pablo Agma (Vigo, 1997) centra o seu traballo artístico no cine e na instalación, con especial interese en prácticas fílmicas expandidas, así como o diálogo entre o cine e disciplinas como a literatura, a performance ou a arte sonora. O seu traballo tense amosado en institucións como Cineteca de Matadero (2023), Centro Cultural Conde Duque (2023) ou o Auditorio de Galicia (2021).

Y todos los montes altos que había debajo de todos los cielos, de Louise Martin Papasian e Celeste Rojas Mugica

É un proxecto de  película experimental que xorde da confluencia e o diálogo de dúas realizadoras orixinarias de territorios distantes entre si. A partir de investigacións previas de cada unha e partindo de aspectos históricos e xeopolíticos, a obra reflexiona sobre as construccións míticas que se elaboran arredor das montañas.

Louise Martin Papasian (Francia) é cineasta, programadora e forma parte do comité de selección do FIDMarseille. O seu traballo actual céntrase nas relacións entre palabra, paisaxe e historia, que explora a través do dispositivo da traducción.

Celeste Rojas Mugica (Chile, 1987) é artista visual e cineasta. Na súa obra investiga a relación entre memoria, violencia e imaxinarios sobre o territorio. 

As dúas cineastas cursan actualmente o máster en Creación Cinematográfica da Elías Querejeta Zine Eskola (País Vasco). 

Como Manolete en la víspera de su muerte, de Álvaro María Gómez

O seu proxecto seleccionado en INPUT é un intento de buscar respostas ao asasinato do seu tío avó, Manuel Allendesalazar (Manolo), en Xerusalén, onde servía de diplomático en 1948. Unha interpretación persoal sobre a creación do estado de Israel e a loita palestina nun proceso postcolonial, combinando presente e pasado; e unha película poliédrica que paralelamente se desenvolve como instalación para salas e como fotolibro. 

Artista visual, director de fotografía e realizador, Álvaro María Gómez (Madrid, 1989) é titulado na ECAM. Compaxina o traballo no mundo da fotografía fixa e proxectos de instalación, coa imaxe en movemento, fundamentalmente en documental e experimental. 

Os seis proxectos seleccionados contarán co asesoramento das e dos seguintes profesionais do ámbito do cinema  e da arte:

Albert Alcoz, cineasta, investigador, programador de cine experimental e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona. 

Helena Girón, cineasta e docente na Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM, Madrid), Elías Querejeta Zine Eskola (EQZE, San Sebastián) e no Instituto de Formación e Investigación Cinematográfica (IFIC, Tenerife). 

Giuseppe Spina, cineasta e investigador, é fundador, xunto a Giulia Mazzone, de Circuito Nomadica, organización dedicada á exploración das diferentes linguaxes da imaxe en movemento. 

María Cañas, axitadora cultural e creadora audiovisual, dirixe Animalario TV Producciones, un espazo dedicado á experimentación artística e á mediación e formación, en pos do cultivo do lume interno. 

Jessica Sarah Rinland, cineasta arxentino-británica, licenciada (con matrícula de honra) en Belas Artes pola Central Saint Martins da Universidade de Londres e máster en Arte, Cultura e Tecnoloxía polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. A súa obra expúxose en galerías e festivais de todo o mundo e recibiu numerosos premios a nivel internacional. 

𝗖loe Masotta, docente, crítica de cine e de arte contemporáneo, curadora e mediadora cultural. É doutora en Comunicación pola Universitat Pompeu Fabra, e máster en Teoría e Crítica de Arte Contemporáneo do Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona (MACBA). 

As titorías terán lugar no marco do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, e continuarán máis alá das datas do festival, de maneira telemática. 

INPUT é un proxecto de eSe8_LAB financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais e a Fundación Luis Seoane. Conta coa participación de Afundación – Obra Social ABANCA e de LAV – Laboratorio AudioVisual de Creación e Prácticas Contemporáneas.

PUBLICACIÓNS RECENTES