PAISAXES ENCANTADAS

PROGRAMA

Sala (S8) Palexco | Martes 30 de maio | 17:30 horas | Entrada libre a todas as sedes ata completar o aforo. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

AND SO IT CAME ABOUT (A TALE OF CONSEQUENTIAL DORMANCY)
Charlotte Pryce, Estados Unidos, super 8, 16mm e diapositivas de linterna máxica a dixital, 2023, 13 min 

Un relato mitolóxico —a historia de Perséfone— recóntase, refúndese e resitúase na periferia dun terreo municipal de uso común. As intrigas encerelladas do visto e do non visto conspiran para revelar un inframundo tentador e ameazador ao mesmo tempo. Mais cales son as consecuencias deste paso non autorizado entre mundos? 

O título deste relato alegórico fai referencia ao proceso ecolóxico que ocorre cando os organismos entran nunha fase de latencia en resposta a unhas condicións adversas. 

A película fíxose durante os meses e anos de pandemia. Houbo dous aspectos deses tempos que me chamaron particularmente a atención: primeiro, que o virus xurdise dun contacto extraordinario entre os mundos animal e humano, e segundo, que este contacto levase a unha «latencia» planetaria. Tales feitos parecían aterradores e inexplicables… e, con todo, o noso folclore, mitos e contos de fadas están repletos de sucesos e acontecementos así. Estas historias, pola súa vez, están inspiradas na observación dos procesos naturais. 

ZOOSCOPIE
Gaëlle Rouard , Francia, 16mm a dixital, 2012, 16 min

Para o frío inverno, a chuvia torrencial, o breve chuvasco, a violenta treboada, a xeada temperá ou algo semellante, se a caída das follas se produce tarde, se o fume se eleva en liña recta, se cae, se as follas ao arremuiñárense ou o po fan o vórtice, se as ras lles repiten aos pantanos a súa monótona queixa, e cando os ventos dominantes se tornan favorables. 

SYMPATHIA
Fernanda Vicens, Chile, 2023, vídeo, 2 min

Ceo, rochas volcánicas e o bosque de Nothofagus da Garganta do Diaño e do val de Shangri-La atráense, mestúranse, aparecen e desaparecen segundo un secreto movemento interior. 

FADENSPIELE 3
Detel Aurand, Ute Aurand, Alemaña, 16mm, 2013, 9 min

«Somos irmás. Unha pinta, a outra filma. Desde 1999 realizamos tres películas xuntas nas que puxemos cousas en movemento usando a técnica do stop motion. En Fadenspiele 3 pasamos o verán e o inverno ao aire libre en Flumserberg (Suíza).» (Detel Aurand, Ute Aurand) 

PICNIC WITH WEISMANN
Jan Švankmajer, República Checa, 35mm, 1969, 10 min

Nunha pradeira, un vello gramófono toca só e, ao ritmo dos seus tangos e foxtrots, varias cadeiras, unha mesa e un diván danzan alegremente, mentres unha pa cava unha foxa ante un armario. 

 STRAWBERRIES IN THE SUMMERTIME
Jennifer Reeves, Canadá, 16mm a dixital, 2014, 16 min

Un neno de dous anos deléitase en todas as cousas, enormes e diminutas, dunha granxa e os seus arredores. O seu pai alimenta a súa insaciable curiosidade, desbordante de entusiasmo, polas experiencias novas: desde escalar un muro medio derruído ata descubrir o mundo natural. A medida que crece o vencello entre pai e fillo, a nai, coa cámara, observa, pérdese nunha paisaxe solitaria e retorna. O campo visual, fugaz e resplandecente, evoca a delicada tensión entre distancia e intimidade. As imaxes positivas, negativas e solarizadas en branco e negro, con ricas tonalidades e combinadas con fragmentos de voz, suxiren a textura da memoria. Reeves rodou, procesou á man, solarizou e coloreou Strawberries in the Summertime na zona rural de Ontario, na Film Farm (Independent Imaging Retreat), dirixida polo cineasta Philip Hoffman. 

SEA TRAVELS
Anita Thacher, Estados Unidos, 16mm, 1978, 11 min

Unha nena serve de guía nunha viaxe para recuperar a infancia a través da distorsión da memoria. Mediante efectos ópticos realizados a partir de planos de acción, Sea Travels explora o tema das lembranzas da nenez: os seus soños, as súas fantasías e a súa singular linguaxe. Sea Travels inspírase en varios poemas infantís, como «The breeze is like the sky coming to you» («A brisa é coma o ceo a vir cara a ti»), de Iris Torres, tomado de Wishes, Lies, and Dreams. A película está salpicada por varios intertítulos: «Sighting», «The Chase», «Drawing Companions», «A Change of Weather» e «Landing». 

PAISAXES ENCANTADAS

PROGRAMA TEMÁTICO

Un remuíño de estrelas fugaces poboan un ceo dun azul profundo; ao lonxe, vemos un navío azul turquesa como asaltado por pequenas lapas, nunha vista recortada por montes laranxas, verdes e morados e salpicada de árbores imposibles aquí e alí. Galaxia é como se chama esta pintura de Urbano Lugrís, unha paisaxe soñada, estraña e marabillosa, que forma parte dun dos seus retablos. Ese manto de irrealidade, que converte o mundo nun ultramundo, esténdeo tamén Lugrís sobre a súa mil veces vista cidade da Coruña (que rebautizou como Percalinópole), e cuxas vistas pinta tentando ver a cidade que era, ou que puido ser, no século XVI ou XIX, ou no seu tempo. A consabida paisaxe dominada pola Torre de Hércules pasa de ser postal a ser un lugar encantado; a pintura e a imaxinación conségueno. 

Do mesmo xeito, o cinema tamén é capaz de trocar o rutineiro en extraordinario de diferentes maneiras. E, se ben a pintura de Lugrís pode apelar á de Magritte ou De Chirico, unha iconografía e un espírito naíf tamén a impregnan. Recollendo tal idea, este programa quere, así mesmo, levarnos á visión máxica do mundo que se ten na infancia, nun momento en que non saber descodificar todos os signos do mundo fai que vexamos a nosa contorna como algo misterioso, que a revolta dun parque se torne un bosque ou a luz violeta do atardecer se transforme nunha aura sobrenatural. 

And so it came about, de Charlotte Pryce, abre o programa. A miniatura de Pryce mira cunha lupa encantada, atravesada de alquimia fotográfica, a vexetación e os animais do bosque. A película desprégase coma un conto, introducindo o mito de Perséfone no cotián, co cruzamento do limiar entre mundos como tema. E é grazas á súa narración como pasamos ao outro lado deste proverbial espello. O particular uso que lle dá a francesa Gaëlle Rouard a unha ferramenta como a optical printer fai que cada imaxe de Zooscopie sexa en si unha paisaxe encantada. As cadencias e as cores acentúanse; imos desde o pequeno ata o total nunha visión exacerbada pola colaxe sonora, que nos introduce nun territorio estrañado. 

No horizonte, as montañas e o ceo, dun intenso azul, superpóñense en rápida alternancia coas cores das flores e o movemento da auga, como querendo condensar todas as marabillas posibles nun cúmulo de fotogramas que chocan nunha gozosa colaxe perceptiva. É así como en Sympathia, da chilena Fernanda Vicens, alcanzamos unha nova dimensión de paisaxes fabricadas cadro a cadro, que recollen o mellor das ensinanzas de Lowder. 

A animación, xaora, é un dos medios con máis posibilidades para dotar de calor e vida ultraterrea calquera vista. No número 3 da serie de películas Fadenspiele, Detel e Ute Aurand pasan do primixenio «xogar con fíos» da serie a modificar a paisaxe pintándolle enriba, entre outras lúdicas estratexias nas que o stop motion sae ao mundo xogar con el. Cunha iconografía certamente emparentada coa de Lugrís, o surrealista checo Jan Švankmajer proponnos agora unha parada para descansar nesta paisaxe que fomos transitando. Picnic with Weismann lévanos ao claro dun bosque e a un pícnic de convidados invisibles que merendan, xogan ás cartas e ao xadrez, poñen un disco tras doutro. Ou son acaso os obxectos os verdadeiros convidados a esta celebración? 

Imbuídos xa desta visión infantil, Jennifer Reeves aproveita a descuberta do mundo dunha criatura para nolo descubrir tamén a nós a base de procesos fotoquímicos que reinventan as cores, os contrastes e as formas do bosque. Cunha banda sonora de cancións como de nenos exploradores, a cargo de Chubby Parker & His Old Time Banjo e a Carter Family, Strawberries in the Summertime (feita á calor da Film Farm de Philip Hoffman) lévanos a golpe de solarigrafías, tinturas, negativos e outros procedementos a un paseo por un bosque imposible e inusitado. É unha nena tamén a que nos leva da man a mergullarnos nos imaxinativos Sea Travels de Anita Thacher, que parte tamén desa idea do inaprensible que hai na maneira de ver o mundo da nenez. Usando a optical printer, Thacher crea, así, fantasiosos recortes xeométricos que forman colaxes marítimas ante os nosos ollos, recollendo, de paso, outro dos motivos chave de Lugrís: o mar. 

Elena Duque