BARBARA STERNBERG: MIDST

Xuñ 2, 2023 | Destacados, Novas

A segunda sesión dedicada ao traballo de Sternberg vén marcada por outra das súas longametraxes, midst (1997). Reproducimos aquí parte da entrevista que o cineasta Mike Hoolboom (que realizou un importante labor de documentación do cinema experimental) lle fixo sobre as súas películas dos 90. 

Mike Hoolboom: Fálame de midst

Barbara Sternberg: midst trata do acto de ver e da luz como enerxía. Foi unha reacción ás miñas dúas películas anteriores; queríame centrarme máis nas propiedades formais ou materiais da película. 

MH: E que ten iso de valioso? 

BS: Pode ser importante, e mesmo desexable, logo do período de traballo político que se estivo defendendo. Do traballo que se refire á presenza e á vista fíxose caso omiso; a abstracción considérase un traballo autocompracente e pasado de moda. Pero a nosa comprensión é máis fonda que a linguaxe e para min unha cousa non quita a outra. A política, nas miñas películas, baséase en particularidades do aquí e o agora. 

MH: A película é muda. 

BS: Iso vén en parte da miña apreciación como espectadora das películas mudas de Brakhage, ese feixe de luz que te conecta directamente coa pantalla, con potencia. A linguaxe activa outra parte da mente e distancia espectador e imaxe. Así que decidín, en midst, que o desafío é que si, Virginia Woolf fixo libros marabillosos, pero non teñen por que que aparecer na miña película! Eu podo confiar nas imaxes soas. 

MH: Como estruturaches o filme? 

BS: Unha das bases é unha historia da arte da cor e a percepción reexaminada a través do cinema e o vídeo. Empeza cun pintor a falar. Aínda que non oímos as palabras, vémoslle mover as mans, e vemos a súa obra. Logo pinta directamente sobre a cinta, amosando tres cores primarias sobre película transparente. A seguinte sección é unha demostración da teoría da cor de Goethe. El di que as vestiduras vermellas dun cardeal parecen distintas ao sol e á sombra; a cor esváese ou vólvese máis escura. Vistas contra fondos diferentes, incluso as mesmas mostras de tea cambian. A cor é obxectiva ou subxectiva? Como sabemos que é vermello? A memoria matiza os acontecementos; as imaxes tórnanse borrosas. A nosa percepción do mundo muda co noso marco de referencia, cando o vemos a través de diferentes filtros, diferentes luces. O mundo acumula significado mediante esta multiplicidade. 

A parte central da película é a máis abstracta. Estaba a pensar en Cézanne, pai da abstracción, cuxas paisaxes se compuñan de diferentes áreas de cores relacionadas. Filmei campos agrícolas en Super 8; logo, no Experimental Television Center de Nova York, engadinlle outras cores á gravación, cores artificiais que non existen máis que nun sistema de vídeo. O cadro fragméntase en imaxes múltiples que forman unha paisaxe abstracta que vibra e palpita coa luz. 

Despois a película trasládase á praia con tomas repetidas de cores (de vídeo) cambiantes. A repetición é unha característica de todas as miñas películas porque é así como experimento a vida. Cada verán suxire veráns pasados, todos os veráns. No momento en que te mergullas na auga, é como todas as veces que iso ten pasado antes. Hai nenos a xogar na auga, un primeiro plano de mans a refregárense, unha muller a nadar. A moita xente, a muller que nada parécelles hipnótica, calmante… É aquí onde a cinta sae do seu ser abstracto cara a un modo máis emotivo ou narrativo. 

Finalmente, rematan as pasaxes de vídeo e transfórmanse en película. Vemos flores, cores vivas e vibrantes nun movemento de cámara axitado, así que só temos que estar presentes con iso. Non hai que pensar en nada; estás soa con esa vitalidade. 

A película conclúe en branco e negro, como empezou. O branco é todo luz; o negro é a ausencia de luz. As imaxes son ondas superpostas nunha praia e logo o peito dun home que respira. Fontes de vida. Como podemos distinguir onde nos detemos nós e empeza o mundo? A respiración conéctanos fisicamente —o espazo de dentro de nós e o espazo de fóra—, non é? 

Como de costume, tiven problemas co título! En certo punto, Rae Davis suxeriu Belonging [O noso sitio], que quedaba ben, pero que quizais lle fose dicir á xente como tiñan que ver a película. O termo midst [no medio] veu de Agnes Martin, pintora minimalista con cuxos escritos me sentín moi identificada. Un dos seus ensaios chamábase In the midst of reality responding with joy [No medio da realidade, respondendo con alegría]. E de aí midst. No medio temporal e espacialmente. Aí, non observando desde a distancia. Contigüidade. Conexión. Silencio. 

PUBLICACIÓNS RECENTES