A CARA B DE ZULUETA

Xuñ 4, 2023 | Destacados, Novas

Josetxo Cerdán, comisario do ciclo A/Z: Zulueta inédito (que segue todos os venres de xuño na Filmoteca de Galicia), xunto a Miguel Fernández Labayen, e director da Filmoteca Española no momento da adquisición do arquivo de Zulueta que orixina o ciclo, fálanos do achado desa fabulosa presa de caixas pertencentes ao artista. 

O arquivo 

Poderiámonos ir directamente ao momento da morte de Iván Zulueta, que é o 31 de decembro do ano 2009. Cando morre o Iván, aínda lle viven a nai e os dous irmáns, que son os herdeiros, mais pouco tempo despois morren a nai e o Borja, que é o seu irmán pequeno. Cando só queda o irmán máis vello, o Jaime, decide vender a casa que fora o espazo familiar de convivencia que se ve nas películas do propio Iván. E, cando se pecha esa operación, a casa baléirase e é aí onde por vez primeira entra en xogo a figura de Virginia Montenegro, que impide que todo ese material vaia para o lixo. Virginia é a que insiste en que iso hai que o conservar e é aí cando se chega a un acordo para que todo o material do Iván que estaba no seu cuarto se poida conservar nuns almacéns na mesma cidade de San Sebastián, e aí fica durante anos. 

Por que pasa iso e por que as autoridades culturais non actúan antes? Cando se fala coa Virxinia, ela di que ela fixo varios intentos con diferentes institucións e que ninguén amosou maior interese. A finais de 2019, dáme a voz de alerta Miguel Fernández Labayen, que me di: «Falei con Virginia Montenegro. Hai un problema co fondo do Iván; parece ser que o teñen que sacar porque xa non poden manter os almacéns». Eu nese momento son director da Filmoteca Española e o que podo facer é ofrecer a institución, que para iso está. E aí montouse unha visita; imos a San Sebastián, eu e mais o Miguel, a finais de febreiro de 2020. Vémonos coa Virginia, que fai de intermediaria, e co herdeiro que queda, que é o Jaime, o irmán máis vello. Visitamos os almacéns, vemos como esta todo, vemos as condicións —que, evidentemente, non son as condicións para conservar o material dun artista— e chegamos a un preacordo. O Jaime está disposto, nós estamos dispostos. Non se fala de prezo, fálase simplemente de que iso hai que o sacar de aí. A Virxinia está encantada coa operación e iso é o que se fai basicamente, co problema de que no medio de todo iso nos encerran e veñen o confinamento e todo o que comporta a pandemia. Entón o que tiña que ocorrer en marzo acaba ocorrendo en novembro, que é cando esas caixas van á Filmoteca Española, e a partir de aí empeza a negociación. A negociación co Jaime flúe moi ben e durante todo o tempo a Virginia está moi atenta para axudar ás conversas. E, ben, finalmente, polo lenta que é a Administración, máis mesmo nunha situación como a da pandemia que estabamos a vivir, na que todo se retrasa, acabamos pechando a operación no verán do 21. E é aí cando xa se fai pública a adquisición. E a partir de aí é cando xa se empeza todo o proceso de tratar o fondo. O máis doado e o máis inmediato son as películas, porque alén diso é o máis identificable, pero logo hai que tratar todo o resto do fondo. Hai de todo, hai moita documentación, hai moito texto, hai obra, mais tamén hai libros, hai fotografías, hai discos. Por exemplo, que se fai cos discos? Decídese conservar os discos que levan algún identificador que di que son seus. Hai moitos nos que simplemente é a firma a que o di. Hai outros nos que se interveu, hai un par de discos marabillosos, un par de singles aos que lles debuxa a portada porque, como o seu pai, estaba no mundo da música, lle chegaban os discos sen portada de difusión e el a debuxa. Iso é obra. Aí hai un traballo superminucioso, de ir vendo peza a peza que serve e que non. 

O contido das caixas 

Aparecen latas de 35 mm, 16 mm, 8 mm e Super 8, mais é verdade que os acéticos de 35 mm están moi mal; son como dúas ou tres latas e iso directamente se desbota unha vez que chega ao arquivo. Pensamos que o que hai dentro son materiais relacionados con El último grito e materiais mesmo da viaxe de vodas dos pais. Mais non se poden chegar a ver porque xa están derramados pola síndrome do vinagre: non se poden cargar nun escáner, nin sequera nunha moviola, porque a contaminaría, e tómase a decisión de que iso hai que o destruír. Hai algúns 16 mm, poucos, e sobre todo hai Super 8 e 8 mm. Aí hai un criterio moi primario de dicir que material de todo este é o material que coñecemos de Zulueta e que material non é o material de Zulueta. Entón empezamos a facer unha primeira clasificación, os títulos que coñecemos e que son claramente identificables. 

Por exemplo, Mi ego está en Babia; logo encóntraste cun rolo que son anacos de Mi ego está en Babia, ou encóntraste co audio de Mi ego está en Babia noutro material: son materiais derivados, pero non son a película. É un material de traballo. Logo hai materiais que non son do Iván; por exemplo, hai unha película titulada Bautizo de Iván que evidentemente non puido filmar el. Hai películas dos pais; hai tres ou catro pelis rodadas en Londres como a principios dos 60, que son do Jaime. Hai dúas películas marabillosas do ano 59, das que unha se titula El loco e a outra non ten título, pero é unha especie de parodia dun western. Aí hai unha cartela ao inicio que pon «Protagonizada por Borja e por Jaime, dirixida por Iván»; poderiamos dicir que son as primeiras curtas de Iván Zulueta, que nese momento debe de ter 16 anos. Con todo iso vas facendo o crebacabezas. Por unha banda están os materiais que coñecemos. Por outra banda, está todo o que non coñecemos e por aí hai outro mapa que hai que delimitar, que é que é do Iván e que non é do Iván, e que é do Iván e ten relación con cousas que non coñecemos, ou non ten relación con nada do que coñecemos. Por exemplo, hai unha película en cuxa caixa pon Maroc e que é unha viaxe por Marrocos. No ciclo que se lle vai ao Iván no ano 89 en Alcalá, unha das películas que se pasan titúlase Marruecos e o que vemos da descrición na sinopse coincide perfectamente co que hai nesa película. Entón, o noso primeiro impulso foi dicir que era esa película. Mais non o sabemos. Igual é un material derivado. Non temos constancia ningunha de que sexa a película porque non ten títulos nin de arrinque nin de final. Si coincide nunha serie de planos co que nos están a dicir, pero non temos constancia ningunha; entón aí decidimos poñer o título do que aparece na caixa, porque niso si que tentamos ser moi pulcros: sempre quixemos que a nosa intervención fose a mínima posible. Houbo que ir moi á letra pequena para ir clasificando o material. E o proceso segue aberto. Agora estamos a mirar a documentación escrita; imos ver se atopamos algo que nos poida facer recualificar ou renomear algún título a partir dalgunha das cousas que el deixou escritas. Isto que veremos é onde chegara o traballo en decembro do ano pasado; é un mapa que pode seguir mudando sobre todo porque o Iván non deixou cousa ningunha escrita sobre iso. 

O ciclo 

Evidentemente, tes unha serie de ideas preconcibidas sobre o que vas atopar e logo a realidade lévate para outro sitio. Non tiñamos idea ningunha de como iamos presentar isto porque non sabiamos o que ía ser. Ou sexa, non sabiamos que iamos atopar cen rolos; puideron ser dez, ou dous, ou ningún. Entón vas traballando conforme vai avanzando o proceso de investigación e vas creando o teu propio percorrido. Ao final tes que te deixar levar polo proceso e o proceso levounos a un conxunto de materiais que limos dunha maneira moi satisfactoria, non porque atopásemos películas, que non as atopamos, senón porque vendo estes materiais vimos outro Zulueta diferente do da imaxe que temos proxectada. Unha conversa recorrente con Miguel sempre é que Zulueta non interesou nunca, que o que interesou foi Arrebato e o mito de Arrebato

Entón dixemos para nós: vamos por Zulueta o artista e Zulueta a persoa, pero alén de Arrebato. Por fin estamos a tocar unha materia que nos permite traballar sobre a súa figura. Zulueta xa non existía e, se segues o que dicía na prensa, era superesquivo, nunca contaba nada, sempre lle quitaba ferro a todo, e, porén, escribía os seus diarios, e o material fílmico tamén funciona a ese nivel de descrición, do que lle podía estar a pasar pola cabeza. Aí había moitas cousas das que ninguén se preocupara, ou que a ninguén lle interesaran, pois á xente normalmente o que lle interesa é Arrebato e todo o que constrúe ese opus xigante do cinema. Esas películas dábannos iso e o arquivo en xeral dábanos esoutro lado onde queriamos ir. 

As películas 

Hai un conxunto de películas que son, pura e simplemente, o acervo familiar, é dicir, a historia da familia, que ao final son as que acabaron configurando un dos programas, que é «Las películas de Consuelo y Antonio». O resto dános un acceso ao obradoiro do artista, pois iso tamén apareceu con toda a parte gráfica, cartafoles e cartafoles de recortes e de cousas, e fotocopias, e cores… Ou sexa, non temos películas inéditas de Zulueta, senón que temos o seu obradoiro. Temos as cousas que non utilizou, temos diferentes montaxes. Mi ego está en Babia é unha película coa que ocorre que de repente a estamos a ver e nos decatamos de que o que hai nela non ten nada que ver co que aparece, como os intentos de crear uns créditos. Entón hai unha película que é Mi ego está en Babia, que todos pensamos que sabemos cal é, pero logo vemos no arquivo que non se titula así, senón que se titula Babia. Entón hai unha película desaparecida de cinco anos antes e, porén, o Iván, cando fala da película de Babia, fala de Mi ego está en Babia, pero Mi ego está en Babia tamén é outra cousa porque apareceron materiais no arquivo. Ese proceso é marabilloso. Entón, esteticamente que son estas películas? Son recortes, son materiais residuais, probas, e logo o último programa, «Apuntes y bocetos», son películas que practicamente están acabadas e que por algunha razón non quixo mostrar. Tamén hai películas desas noutros programas; por exemplo, California claramente é unha película acabada, mais nunca a quixo mostrar. Ou, por exemplo, Piscina; é unha película que está practicamente acabada. Por que non as mostrou? Pois posiblemente porque se lle esquecería, porque de socato pasou a outra cousa na súa hiperactividade total, porque non lles puxo créditos ou porque non tivo oportunidade de as mostrar, porque a partir de certo momento ao Iván lle piden só sota, cabalo e rei. Pídenlle Leo es pardo e Mi ego está en Babia e el entra nesas. 

PUBLICACIÓNS RECENTES